20080809 tbilisi mijail saakashvilli

Guerra global no Cáucaso?

Apartados xeográficos Rusia ARQUIVO
Idiomas Galego
 Mijaíl Saakashvilli; clic para aumentar
A crise entre Rusia e Xeorxia veu aumentando nos últimos tempos. Os ataques ordenados polo pro-occidental presidente xeorxiano Mijaíl Saakashvilli (na foto) contra os separatistas osetios (que provocaron quince mortos) e a inmediata reacción do primeiro ministro ruso Vladimir Putin dende Beijing de "responder aos ataques realizados por Xeorxia", a fin de garantir a seguridade da comunidade rusófona maioritaria en Osetia do Sur e das pretensións osetias de ser readmitidas en territorio ruso, afondan unha situación delicada para manter o equilibrio da seguridade global, tomando en conta a posible implicación da OTAN, organismo que ven negociando o ingreso de Xeorxia a curto prazo.
 

O incremento da tensión militar entre Xeorxia e Rusia tralos ataques militares xeorxianos contra as forzas separatistas da rexión de Osetia do Sur resume a gravidade dun escenario xeopolítico clave para a seguridade global: o pulso mantido entre Moscova e Occidente, neste caso a través da OTAN, dentro da conflitiva rexión do Cáucaso e do espazo ex-soviético.

Enclavado en territorio xeorxiano, Osetia do Sur é fronteiriza con Osetia do Norte (república autónoma rusa) e ven premendo da súa independencia desde 1991. En 1992, o 99% dos osetios aprobaron nun referendo a súa independencia de Xeorxia e o reingreso en Rusia, consulta que foi declarada ilegal por Tblisi, motivando o incremento das tensións internas. Un factor clave da súa importancia para Rusia e Occidente estriba en que Osetia do Sur constitúe un territorio de paso de oleodutos e gasodutos dende o Mar Caspio.

A crise entre Rusia e Xeorxia veu aumentando nos últimos tempos. Os ataques ordenados polo pro-occidental presidente xeorxiano Mijaíl Saakashvilli contra os separatistas osetios (que provocaron quince mortos) e a inmediata reacción do primeiro ministro ruso Vladimir Putin dende Beijing de "responder aos ataques realizados por Xeorxia", a fin de garantir a seguridade da comunidade rusófona maioritaria en Osetia do Sur e das pretensións osetias de ser readmitidas en territorio ruso, afondan unha situación delicada para manter o equilibrio da seguridade global, tomando en conta a posible implicación da OTAN, organismo que ven negociando o ingreso de Xeorxia a curto prazo.

En defensa dos intereses rusos e osetios, o presidente prorruso de Chechenia, Ramzán Kadyrov, xa declarou a súa disponibilidade para mobilizar a tropas rusas e chechenas apostadas neste territorio, a fin de eventualmente entrar en combate contra Xeorxia. Saakashvilli asegurou que as súas tropas lograron "liberar Osetia" e que a acción militar contra os separatistas responde a presuntos ataques rusos na fronteira xeorxiana, co cal responsabilizaba directamente a Moscova de desatar a crise pre-bélica.

O foco conflitivo ruso-xeorxiano pode tamén ter tamén repercusións en países veciños como Acerbaixán, Armenia e Turquía en materia de tensións internas e desprazamento de refuxiados, actualizando a atención mundial cara outros conflitos territoriais vixentes no Cáucaso, como son os casos do Alto Karabaj (entre Armenia e Acerbaixán); o Transniéster (Moldavia e Rusia); Abxazia (Xeorxia e Rusia) e o Curdistán (basicamente Turquía).

A crise de Osetia implica un posible reacomodo de alianzas xeopolíticas no Cáucaso, con evidente influencia para a seguridade rexional e global. Rusia rexeita a penetración da OTAN no espazo ex-soviético, razón das súas tirantes relacións con países como Xeorxia e Ucraína, cuxos gobernos pro-occidentais demandan o seu inmediato ingreso na Alianza Atlántica, a fin de oficialmente sepultar séculos de dominación e influencia rusa e afastar a presenza de Moscova nos asuntos destes países. Estas delicadas relacións entre Moscova con Tbilisi e Kiev levaron aos recortes de subministro enerxético por parte rusa en 2006 e 2007.

Pola súa banda, a OTAN desexa o ingreso xeorxiano e ucraíno, basicamente porque permite debilitar e afastar a influencia rusa no Cáucaso e permitir o control do subministro enerxético dende o Mar Caspio. Non obstante, ante a delicada crise actual inicialmente provocada polo ataque militar xeorxiano contra os separatistas osetios, a Alianza Atlántica podería verse inmersa nunha complexa situación que, paulatinamente, lle obrigue a premer a Saakashvilli para unha posible retirada militar, a fin de evitar unha confrontación directa con Rusia.

Neste complexo xadrez xeopolítico e enerxético pulsado por Rusia e Occidente, débense considerar outras opcións de conflitividade territorial, toda vez que a rexión separatista xeorxiana de Abxazia pode seguir o exemplo de Osetia, obrigando ao goberno de Saakashvilli a outra acción militar que colocaría a Xeorxia ante unha grave situación interna, con posibilidades de guerras secesionistas dentro do seu territorio, tal e como ocorrera precisamente en ambas rexións en 1992 e 1993. Así, Xeorxia presentaría os síntomas clave dun "Estado fracasado", cunha inestabilidade que pode espallar o xa de por si inestable mosaico político, étnico, relixioso e territorial do Cáucaso.

Cunha China completamente concentrada nos Xogos Olímpicos e persuadida a non reaccionar ante unha situación de secesionismo territorial noutro país, tomando en conta as tensións existentes no Tíbet e no Xinjiang, resta saber se a crise caucásica actual será dirimida no marco do Consello de Seguridade da ONU ou corresponderá a unha acción multilateral directa dirixida a evitar unha confrontación armada entre Rusia e Xeorxia. Pola súa banda, EEUU e Europa, defensores oficiais da independencia de Cosova, atópanse actualmente ante o dilema de qué postura tomar con respecto ás demandas osetias e as súas relacións con Xeorxia e Rusia.

Inmerso no seu punto máis quente, o Cáucaso corre o risco de deslizarse cara unha caótica conxuntura e converterse así no territorio clave das disputas xeopolíticas entre Rusia e Occidente, semellando recrear así a ambigua sensación dunha "nova guerra fría".