200306minurso25 campo refugiados awsard

Guerra perpetua ou paz perpetua?

Apartados xeográficos Outros ARQUIVO
Idiomas Galego
 Espigas de arroz, clic para aumentar
O conflito do Sahara Occidental remóntase aos anos setenta. Despois dunha descolonización efectuada erroneamente por parte da antiga potencia colonial, neste caso España, o territorio saharauí foi anexionado e repartido entre os veciños, Marrocos e Mauritania. Esta ocupación ilegal, segundo cualificación da propia ONU, provoca o recrudecemento do conflito armado, a prol da liberación nacional, dentro dos territorios ocupados, que será liderada polo Fronte POLISARIO, e que consegue, a finais dos anos setenta do pasado século, rematar coa presenza mauritana. O baleiro deixado polos mauritanos, será enchido polos marroquís que conseguen estender a súa presenza a todo o territorio saharauí. (Foto: Campo de refuxiados de Awsard. ©Minurso/Evan Schneider).
 

Durante os últimos anos semella haber un consenso moi estendido no tocante ás consecuencias que se poden derivar da existencia de conflitos armados dentro do territorio dun ou varios países. Poderíamos citar: o inicio dunha crise económica e humanitaria, a destrución física das infraestruturas básicas dun país, o incremento da pobreza, violacións sistemáticas dos dereitos humanos, vagas de desprazados… Non obstante, o perigo máis grande que ameaza as poboacións de países en guerra é que esta se perpetúe e se converta nun problema crónico do país que, por último, multiplicará tódalas anteriores consecuencias e fará mesmo imposible a consecución da paz.

Esta situación de guerra perpetua non é algo imaxinario, xa que pode atoparse en varios países ou rexións do mundo: en Oriente Medio e no conflito árabe-israelí, nos Grandes Lagos e no conflito que afecta a Uganda, Ruanda, Burundi e o Congo-Kinshasa, no Corno de África e o enfrontamento etíope-eritreo, as tensións entre India e Paquistán, o problema saharauí que afecta ás normais relacións entre Marrocos e Alxeria, a guerra en Chechenia, a cuestión de Chipre, as guerrillas en Colombia, a inestabilidade crónica de África Occidental…

A pesares da situación de impasse que afecta a algúns dos conflitos antes mencionados, podemos constatar que en ningún deles se vive unha situación consolidada de paz senón máis ben unha situación de ausencia de guerra cando non de guerra aberta, que dificulta en grande medida o desenvolvemento normal dos países afectados.

Nestas rexións e países que sofren unha situación de conflitividade perpetua sinalaremos aquí os casos do Sahara Occidental, Somalia e o conflito etíope-eritreo, que contan ademais cos problemas engadidos de estar afastados e esquecidos dos focos mediáticos mundiais e de sufrir os efectos da pasividade internacional ante os seus problemas.

O conflito do Sahara Occidental remóntase aos anos setenta. Despois dunha descolonización efectuada erroneamente por parte da antiga potencia colonial, neste caso España, o territorio saharauí foi anexionado e repartido entre os veciños, Marrocos e Mauritania. Esta ocupación ilegal, segundo cualificación da propia ONU, provoca o recrudecemento do conflito armado, a prol da liberación nacional, dentro dos territorios ocupados, que será liderada polo Fronte POLISARIO, e que consegue, a finais dos anos setenta do pasado século, rematar coa presenza mauritana. O baleiro deixado polos mauritanos, será enchido polos marroquís que conseguen estender a súa presenza a todo o territorio saharauí.

A situación actual deste conflito segue a contar coas mesmas trabas que ao comezo, agás o abandono da loita armada por parte do POLISARIO, de maneira que a sinatura dun acordo que proporcione unha saída ao problema está cada día máis lonxe debido ás posturas irreconciliables entre os belixerantes. Dunha banda, Rabat considera ó Sahara Occidental como parte irrenunciable do seu territorio, e por outra o POLISARIO, que actúa como representante da República Saharauí, considera a autodeterminación dos territorios ocupados como a única solución viable.

Cabe dicir, que este conflito conta cun terceiro actor, Alxeria, que actúa como defensor da causa saharauí, e incluso con cuartos actores con moita influencia no proceso como son Francia, EEUU e España.

Tamén debe terse en conta o papel que as Nacións Unidas desempeñan neste conflito, e que posibilitaron varios acordos frustrados entre os contendentes, o despregue da MINURSO encargada de supervisar eses acordos, así como o deseño de hipotéticas solucións como o fracasado Plan Baker que propoñía o establecemento dunha autonomía provisional na zona e que permitise a celebración dun referendo de autodeterminación.

Noutro plano, o caso de Somalia, tamén constitúe un exemplo de conflitividade ou guerra perpetua. Dende comezos dos pasados anos noventa sofre as brutais consecuencias da guerra, neste caso multiplicadas pola duración da mesma. O inicio deste conflito, de naturaleza interna, pode situarse cando o goberno de Siad Barré é derrocado e da inicio un enfrontamento armado entre distintas faccións somalís, sen que ningunha consiga imporse no goberno.

A virulencia destes enfrontamentos dará lugar posteriormente á fallada intervención das Nacións Unidas, da man das tropas estadounidenses en solo somalí, que unha vez abandonan o país, deixa selado o seu conflitivo porvir.

O paso do tempo e o abandono que sofre por parte da comunidade internacional, non fixo máis que imposibilitar a estabilización deste país que a día de hoxe conta cun fráxil goberno, elixido polos representantes parlamentarios somalís en Quenia, incapaz de facer fronte á situación de violencia crónica que azouta a tódalas estruturas da súa sociedade e mesmo de ocupar o seu lugar na capital do país, Mogadiscio.

Xunto con estes impedimentos para a paz, a sociedade somalí conta co problema que presenta a acumulación de poder, fundamentalmente coercitivo, en mans de señores da guerra, con intereses enfrontados que contribúen directamente á perpetuación eterna deste conflito civil.

O enfrontamento etíope-eritreo comezou nos anos sesenta como unha loita de liberación nacional dos eritreos e prolongouse durante trinta largos anos. Posteriormente, veríase superado polos acontecementos de 1998, cando a aquela paz que semellaba acadada logo de que Eritrea accedese á independencia de Etiopía, sucedeu unha guerra de enormes dimensións entre os dous países veciños que se alongará durante preto de dous anos, e que enfrontou a dous países que eran ata entón coñecidos polas virulentas fames que sufriran os seus habitantes en anos anteriores.

A sinatura da paz no ano 2000, lonxe de consolidar a paz entre ambos, instaurou unha situación de ausencia de guerra. Mais esta situación está a provocar en ámbolos dous países unhas consecuencias semellantes ás da guerra: crises humanitarias e económicas, pobreza, situacións de violencia, anormalidade política e social… aínda que menos chamativas para a opinión pública mundial.

As perspectivas de paz entre os dous estados non son moi favorables. A natureza do desacordo é de difícil solución xa que ás reclamacións históricas se lle unen motivos simbólicos que dificultan un acordo final. Lémbrese que a orixe desta controversia radica na defectuosa delimitación de fronteiras realizada durante a independencia de Eritrea. Desta maneira, o goberno etíope está a ocupar ilegalmente un territorio adxudicado aos eritreos pola comisión de fronteiras creada en virtude dos acordos de paz do ano 2000.

Estes tres exemplos poden servir para ilustrar o problema das guerras crónicas que se están a vivir en determinadas zonas do globo, pero tamén serven para ilustrar que malia ser un problema crónico, este podería ser atallado a través da acción inequívoca da comunidade internacional a través de dúas vías: ben mediante a implicación directa na procura dunha solución negociada, exercendo positivamente a capacidade de presión de que goza; ou ben trasladando ese papel a organismos de natureza rexional ou mesmo sub-rexional que han de contar co apoio decidido e a tódolos niveis de parte da comunidade internacional. Tanto os implicados directamente, é dicir os contendentes, como os implicados indirectamente ou polo menos moralmente, é dicir, a comunidade internacional, deben elixir entre dúas opcións: a guerra perpetua ou a paz perpetua.