¿Guerras de mentira?

 Manobras militares conxuntas Rusia-China, clic para aumentar
Manobras militares conxuntas Rusia-China, clic para aumentar
Atendendo ao seu desenvolvemento operativo, rusos e chinos estiveron ensaiando unha presunta invasión do territorio dun país imaxinario, por terra, mar e aire. Lembremos que tanto a Federación Rusa como China teñen importantes problemas territoriais en Chechenia e no Xinjiang, enclaves onde o islamismo radical está implantado e actúa de forma violenta. (Foto: O ministro ruso de Defensa, Sergei Ivanov (á esquerda), estreita a man do xeneral chino Ge Zhenfeng, na cerimonia de remate dos exercicios militares conxuntos ao leste da provincia china de Shandong, o 25 de agosto de 2005).
  

Rusia e China realizaron nas últimas semanas manobras militares conxuntas por primeira vez. Non hai precedentes dun episodio semellante dende a época da guerra de Corea, cando Mao debeu renunciar a invadir Taiwán para saír en axuda dos norcoreanos e dos soviéticos. Pero aquela era unha guerra verdadeira, levada a cabo cando compartían unha visión do mundo semellante, aínda que sería por pouco tempo. As diferenzas entre Mao e Jruschev, expresión da pugna polo liderado no movemento comunista internacional, acabaron por escindir os comunismos soviético e maoísta e encirralos nunha teimuda loita que soamente chegou ao seu fin cando a URSS estaba a piques de desaparecer.

Paradoxalmente, o que non foi posible cando os dous países dicían ser comunistas, vai selo despois. A gran viraxe nas relacións ruso-chinas prodúcese en 2001, ano en que asínase un tratado bilateral de amizade, restaurando una alianza destinada a promover a cooperación xeoestratéxica e económica.

O fortalecemento dos lazos que unen ós dous Estados están a provocar algunhas reticencias e polémicas nalgúns países de Occidente. Para uns, o seu obxectivo esencial consiste en contrarrestar o poder hexemónico dos Estados Unidos; para outros, a cooperación entre ambos países é unha reacción á presenza norteamericana en Asia; mesmo hai quen fala de condicionar con ela o acercamento de Estados Unidos á India.

Exemplo, sen dúbida, do elevado nivel de entendemento entre os dous países e mostra tamén do bo estado das súas relacións, estes exercicios militares teñen, sen embargo, outras implicacións, de naturaleza moi variada.

Atendendo ao seu desenvolvemento operativo, rusos e chinos estiveron ensaiando unha presunta invasión do territorio dun país imaxinario, por terra, mar e aire. Lembremos que tanto a Federación Rusa como China teñen importantes problemas territoriais en Chechenia e no Xinjiang, enclaves onde o islamismo radical está implantado e actúa de forma violenta.

Estados Unidos e Xapón observan as manobras coa mirada posta en Taiwán, din uns. Non falta tamén quen baralla a hipótese dunha resposta a unha imaxinaria invasión estadounidense de Irán, instando unha demostración de forza que deixe entrever a súa capacidade e preparación bélica, co propósito de desalentar mais tentativas de invasión na rexión de Oriente Medio. Tamén podería tela intención de frear unha hipotética aventura contra Corea do Norte por parte de Washington, reforzando a vía da negociación nas conversas hexapartitas que se retoman a finais de agosto.

Dende hai tempo, e mais despois das chamadas revolucións de veludo de Xeorxia, Ucraína e Kirguisistán, que reforza a marcada presenza das tropas estadounidenses en Asia Central a partires da invasión de Afganistán, Moscova e Beijing veñen xuntando as súas forzas. Ata agora, moi timidamente, sen grandes avances no económico, polo diferente estado de ambas economías, pero con importantes perspectivas no sector enerxético. Tamén no ámbito da defensa, que converte a Rusia nun subministrador importantísimo para actualizar os equipamentos militares chinos.

Ademais, chinos e rusos, comparten unha visión bastante aproximada da situación mundial. Ambos os dous conflúen na promoción do multilateralismo nas relacións internacionais, e sobre todo no outorgamento dun papel preponderante á ONU na resolución de conflitos, rexeitando a subordinación automática aos intereses de EEUU.

Moscova e Beijing comparten tamén a preocupación por consolidar algunhas organizacións rexionais como un mecanismo indispensable para reforzar a súa influenza en zonas de interese estratéxico. Esa colaboración no ámbito, por exemplo, da Organización de Cooperación de Shangai (OCS), permitiu que dous dos seus países membros (Kirguisistán e Usbequistán) reclamasen a retirada das tropas estadounidenses instaladas nos seus territorio e acollidas no seu día para conter o radicalismo islámico na rexión e en Afganistán.

Os exercicios militares conxuntos son expresión do avance no diálogo bilateral. A sincronización demostrada nestas manobras facilitará a Rusia a venda de mais armas a China. Pero non será con mais armamento que ambos países resolverán os problemas que enfrontan, tanto en conxunto como de forma illada.