Nun momento no que as augas están revoltas en case que todo o planeta, no que se trazan muros divisorios, no que se celebran cumios de “doadores” (primeiro destrúen e logo constrúen), no que os altibaixos económicos ocupan parte dos noticiarios, etc… , unha pequena porción de terra situada no afastado (en lembranza que non en distancia) continente africano segue a vivir unha particular loita pola normalización da súa situación.
A excolonia portuguesa, que sufrira hai un mes un golpe de estado, camiña cara á reconstrucción política do país. Un dos pasos máis importantes ó respecto é a decisión adoptada pola Consello Nacional de Eleccións (CNE) que decidiu propoñer o vindeiro mes de xaneiro como a data na que terán lugar os comicios. Esta solución satisfará non só os guineanos senón tamén aos gobernantes de África Occidental e aos doadores (os fondos que a Unión Europea, Suecia, Portugal e Nacións Unidas, a través do PNUD, xa están comprometidos) deste pequeno país. Segundo o presidente do (CNE), Higino Cardoso, Guinea Bissau conta xa cos elementos técnicos necesarios para celebrar as tan esperadas eleccións lexislativas.
Ademais da axuda de fóra do continente, o presidente interino, Henrique Pereira Rosa, está a facer labores diplomáticos no seu continente, deste xeito acadou o apoio de países como Nixeria, Níxer ou Ghana, para axudar ao seu país a saír da grave crise pola que atravesa no momento actual.
Outro dos factores que contribuíran a desestabilización política do país fora a situación dos funcionarios, que levaban meses sen percibir os seus salarios. A este respecto, o presidente estivo a manter contactos cos responsables das principais centrais sindicais do país para tratar de ir solucionando o problema.
Ademais destes encontros tamén se mantiveron entrevistas con responsables de países como Namibia ou China. O primeiro leva colaborando con Guinea dende a súa independencia e o segundo colabora en sectores específicos como a agricultura , saúde, etc…, aínda que neste caso concreto o acordo será en materia de cooperación militar.
Pero pese a todos estes movementos a situación do país, hoxe por hoxe, é dunha gravidade maior do que percibimos. Existe un problema de abastecemento alimenticio serio, o sector sanitario está a soportar epidemias e neglixencias médicas (se non hai cartos non se atende aos pacientes), a inestabilidade crea un baleiro de lexitimidade e de control que está a provocar situacións de incerteza e caos.
Este pequeno país de pouco máis dun millón de habitantes volve a ser noticia, e volve a selo como un exemplo máis da inestabilidade interesada na que este azoutado continente está sumido. As súas riquezas seguen a ser explotadas caladamente polos máis poderosos poñendo e quitando dirixentes ao seu antollo.