A evolución histórica das excolonias africanas é, na meirande parte dos casos, presenta unha continuidade común: loita de liberación nacional que acada a independencia e que logo se converte nunha guerra civil, insurrección, ou calquera outra forma violenta. En 1899 Guinea Bissau foi declarada colonia portuguesa, e máis de medio século despois, converteuse nunha provincia lusa.
Dende 1920 ate 1974, a dictadura salazarista centralizou o control administrativo da colonia e impuxo un duro sistema de traballo forzado e pesados impostos. Como reacción a eses e outros abusos, Amílcar Cabral funda en 1956 o Partido Africano para a Independencia de Guinea e Cabo Verde (PAIGC), protagonista da loita pola independencia.
Tralo asasinato de Cabral en 1973, Arístides Pereira, caboverdiano, pasou a dirixir o partido, e en setembro dese mesmo ano faise unha declaración unilateral de independencia. Pero a metrópole non a recoñecerá ata un ano máis tarde. Será entón cando Luis Cabral comeza a exercer como presidente do novo país.
Os fracasos económicos do goberno, as tensións étnicas cos caboverdianos (pola súa colaboración coa administración portuguesa no pasado) fixeron que en 1980 Joao Bernardo Vieira dera un golpe de estado.
En 1987 adóptase un programa de axuste estructural proposto polo Fondo Monetario Internacional que afasta ó país tanto da vía socialista como da influencia dos países do bloque oriental. Neste contexto, o programa de reforma económica xeral concedeu permiso ás compañías estranxeiras para explotar recursos minerais e petrolíferos, tamén incluía a devaluación da moeda e a privatización de varias empresas comerciais, así como a devolución de propiedades ós portugueses que abandonaran o país en 1974.
Sen embargo, a finais da década dos noventa estala un sanguento conflicto. Os combates comezaron cando o xefe do estado maior, Ansumane Mané, foi destituído do seu cargo baixo sospeita de implicación no tráfico de armas. Evidentemente o conflicto vese intensificado cando unidades do exército se uniron ó militar. Nembargantes tropas senegalesas e de Guinea-Conakry combateron ó lado do goberno guineano.
Este conflicto tivo coma consecuencia inmediata, ademais do agravamento da penuria económica, a formación dunha importante masa de refuxiados e desprazados, algo nada estraño senón fora pola escasa poboación de Guinea Bissau, menos dun millón e medio de habitantes.
Novamente temos que falar de economías potenciais pero non debidamente explotadas, non polo menos polos propios guineanos, de corrupción, de faccións enfrontadas e apoiadas por elementos externos, de poboacións pobres cunha esperanza de vida que non chega aos 50 anos. E todo isto, por incrible que pareza sucede a só uns quilómetros da casa, aquí, na Terra, non en Marte nin noutra galaxia. Sen embargo, para nós é só unha excolonia máis.