A crise austríaca, desatada tras a formación do goberno de coalición e as sancións decretadas pola UE, segue sen resolverse. O líder do Partido Liberal , no que se centraron as críticas, da mostras dunha preocupante habilidade política que está a provocar serias dúbidas sobre como afrontar a crise entre os dirixentes europeos. O paciente Haider semella estar a xogar cara o futuro. Mentres abandona a presidencia do FPÖ e promove un referendo contra as sancións.
O goberno austríaco decidiu convocar un referendo a fin de constatar a opinión dos austríacos sobre as sancións decididas polos outros 14 membros da UE. O plebiscito celebraríase no outono, marxe de tempo suficiente para que os 14 reconsideren as sancións. De feito, no cumio de Ministros de Exteriores, celebrado o domingo nas Azores, percibíase a necesidade de suavizar as medidas contra Austria e resolver a crise antes de xuño. Na nova orientación semella ter un papel predominante, coma tamén a tivo no momento das sancións, o xefe do goberno español e presidente do Partido Popular Europeo. O chanceler democristián Schüssel confía en Aznar para resolver o conflicto. De celebrarse o referendo e ser rexeitadas masivamente, como semella evidente, as sancións, a UE situaríase nunha situación ben complexa, tanto pola posibilidade de que en estados importantes se presente unha situación similar (caso de Italia cun hipotético goberno de Berlusconi con participación da neofascista e da xenófoba Lega Norte) coma polos efectos que tería sobre os proxectos de ampliación.
Mentres, o principal causante da crise segue a dar mostras dunha gran habilidade e dunha paciencia que pode non ser máis que unha cortina de fume que oculte as súas verdadeiras intencións de optar no futuro á chancelería. Si hai tres meses deixou a moitos calados ao renunciar a ocupar a vicechancelería, agora abandona a presidencia do FPÖ. Déixaa en mans de Susanne Riess-Passer, a vicechanceler, quen afirmou que Haider sempre poderá confiar nela.
Ao fronte do goberno rexional de Carintia, Jörg Haider poderá seguir influíndo na política austríaca e manterse á espera dunha situación de crise, austríaca ou europea, que lle permita regresar como o atlético escalador que tira da "cordada", ao tempo que evita asumir os custes de participar nun goberno que vai esquecer moitas das populistas medidas económicas que lle permitiron gañar o voto dos sectores máis desfavorecidos.