Hakim e Huntington

O argumento civilizatorio estivo practicamente ausente na segunda guerra do Golfo. Nin entre os pretextos nin entre os motivos principais da guerra contra Iraq asomou en tempo algún o feito islámico. Non así na posguerra, onde se aventura como unha das claves indispensables para garantir a estabilidade política interna.

Aos poucos días de consumarse a victoria das forzas anglonorteamericanas, milleiros de xiís marchaban cara a cidade sagrada de Kerbala para facer unha poderosa demostración de forza. O regreso de Irán do líder relixioso, aiatolá Mohammed Baqr al-Hakim, que encabeza un dos principais grupos contrarios a Sadam e á invasión, foi celebrado por milleiros de seguidores coas consignas de "Sí,si, Islam… Sí, si, Hakim". Mentres moitos analistas aventuran xa choques inevitables cos sunnitas, as mulleres e o Iraq laico, Hakim, nas súas primeiras intervencións, sabedor dos medos que convoca, pon o acento en que a "máxima prioridade é recuperar a independencia".

Ingmar Karlsson, director de Planificación Política no Ministerio de Asuntos exteriores de Suecia, dicía en 1994, a propósito dunha crítica ao artigo de Huntington publicado en Foreign Affairs, que "o islam é un magma, un depósito que conten conceptos e ideas totalmente dispares… é un fenómeno da sociedade, máis que un elemento estratéxico da xeopolítica". De feito, cando a I guerra do Golfo, Sadam non xustificou o seu ataque a Kuwait con argumentos relixiosos ata despois do suceso, e foi expulsado por unha coalición que incluía a Arabia Saudí, Turquía, Exipto e, daquela, Siria. A familia real saudí, entón, incluso mobilizou ás autoridades islámicas para que proclamasen nunha "fatwa" que o feito de que os soldados paganos norteamericanos estiveran defendendo a Meca, non contradicía as ensinanzas do Corán. Os intereses dos estados, tamén no mundo árabe, prevalecen sobre a esfera relixiosa.

Se Sadam chamaba á guerra santa era para obter o apoio da opinión pública musulmana e amparar unha estratexia bélica que persigue finalidades políticas concretas. Cando Bush apela a Deus nos seus discursos non se separa do mesmo guión, engadindo as finalidades económicas ás políticas. En ambos os dous casos, lonxe de estar ante a evidencia dun choque entre civilizacións, é patente a mostra da manipulación política dos elementos emocionais das culturas, relixións incluídas.

O presidente Bush está convencido de que as raíces do terrorismo atópanse nas sociedades subdesenvolvidas, enfermas e corruptas do Medio Oriente. Cómpre derrubar eses réximes e transformar as súas sociedades. A guerra contra Iraq é a primeira etapa dun proceso que afectará a toda a rexión. Bush está persuadido de que a loita contra o terrorismo é unha especie de cruzada que un decreto celestial lle encomendou de pilotar contra o eixe do mal. O polo principal deste eixe está no Medio Oriente, no islam retrógrado. Poida que entre os principais ideólogos deste conflicto haxa quen pense en clave civilizatoria, que as diferencias entre a cultura occidental e a islámica non poden solventarse se non é a través da forza, someténdoas. Soamente dese xeito sería posible conquistar a seguridade anhelada, asegurando a hexemonía pola vía das armas, "civilizando" a golpe de canon e brandindo a espada dun cristianismo intolerante.

Pero non existen diferencias irreductibles entre as civilizacións. William Pfaff fai fincapé na perigosidade de converter as inevitables diferencias e rivalidades morais entre civilizacións nunha estratexia política, ao dar a estas contendas un carácter irreversible e irreductible. A cultura é unha variable da política exterior e de seguridade, pero non para pasar do extremo de non ser considerada a penas a ser o seu eixe central.

É un feito que hai civilizacións, conxuntos e subgrupos culturais con visións do mundo diferentes, pero é necesario buscar fórmulas de convivencia e cooperación antes de asegurar que os outros son unha ameaza. Os milleiros de persoas que se manifestaron contra a guerra en todo o mundo eran tamén unha expresión de solidariedade cos cidadáns árabes, non por cuestións relixiosas, senón por ser víctimas da insultante prepotencia duns agresores que non admiten matices a esa certeza de que conseguimos dar coa fórmula para dirixir a economía (propiedade privada e mercado), a vida política (democracia) e a sociedade (liberdade individual), como sinalou Samir Amin.