20060418tel aviv atentado suicida

Hamas baixo fogo

 Atentado suicida en Tel Aviv, clic para aumentar
Coma no tema do programa nuclear iraniano, EEUU, a UE e Israel amosan unha posición case homoxénea cara Hamas. Existen suspicacias sobre a verdadeira natureza e as intencións do novo goberno palestino pero da a impresión de que, en Washington, Bruxelas e Tel Aviv, esperan que este acoso exterior poña en dificultades a operatividade de Hamas e obrigue a un adianto de eleccións, onde un renovado Al Fatah podería volver ao poder. (Foto: Policías e equipos de emerxencia israelí atenden aos feridos á saída do restaurante onde se cometeu o atentado de Tel Aviv).
 

O partido islamita Hamas está a sufrir as consecuencias dunha agresiva presión internacional. A suspensión temporal, por parte de EEUU e a Unión Europea, da axuda financeira ao novo goberno na Autoridade Palestina e o constante acoso israelí (que levou á detención temporal dun dos novos ministros palestinos), conforman un escenario crítico que ameaza con estoupar, unha vez se concrete que a ANP está practicamente en creba económica e financeira.

O recente atentado en Tel Aviv cometido por un mozo suicida foi atribuído, inmediatamente, a Hamas, como evidente elemento de presión. Non obstante, as Brigadas de Mártires de Al Aqsa (vinculadas a Al Fatah) e a Yihad Islámica, foron os que se responsabilizaron do ataque que deixou dez mortos e 40 feridos. Todo isto revela tamén cómo Hamas e os diversos grupos palestinos se atopan nunha delicada posición de conciliar obxectivos políticos coa loita armada e o control dos grupos terroristas. Coa atención exterior enfocada en Hamas, os demais grupos non dubidaron en utilizar o terrorismo para querer facerse notar e enviar unha advertencia ao exterior.

Se ben Hamas non condenou o atentado, non se pode acusar directamente ao novo primeiro ministro Ismail Haniya, de radicalizar as súas posicións no seu primeiro mes de goberno. O pragmatismo e o desexo de atopar unha solución negociada con Israel ven sendo unha tónica recorrente no discurso de Haniya. Pero a complicada realidade diaria en Gaza e Cisxordania revela unha tarefa delicada para un goberno maioritario pero sen experiencia administrativa.

Coma no tema do programa nuclear iraniano, EEUU, a UE e Israel amosan unha posición case homoxénea cara Hamas. Existen suspicacias sobre a verdadeira natureza e as intencións do novo goberno palestino pero da a impresión de que, en Washington, Bruxelas e Tel Aviv, esperan que este acoso exterior poña en dificultades a operatividade de Hamas e obrigue a un adianto de eleccións, onde un renovado Al Fatah podería volver ao poder.

Pola súa banda, o espectro político palestino está marcando as pautas dun enfrontamento aberto entre Hamas, Al Fatah e as ducias de organizacións políticas, militares, de seguridade e, mesmo, terroristas. A pantasma dunha guerra civil segue a ser unha perigosa posibilidade en Palestina, a pesares de que a súa estabilidade apunta necesariamente cara a unha reforma total na política e sociedade de Oriente Medio.

Para contrarrestar este acoso exterior, o goberno iraniano segue a manifestar a súa vontade de apoiar sen paliativos a Hamas e Palestina, reforzando o discurso antiisraelí e antiestadounidense. Pero son os palestinos os que queren que o cambio veña desde os seus propios territorios ocupados. A frustración social aumenta e pode condicionar as reformas e os pasos pragmáticos que se deben tomar por calquera que estea no goberno palestino. O delicado dilema de Hamas ameaza tamén con converter á Autoridade Nacional Palestina nun novo paria do sistema internacional.