20060115hebron pratrulla soldados israelitas

Hebrón en chamas

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego
 Patrulla soldados israelitas, clic para aumentar
Unha nova escalada de violencia, durante estes días, provocou que se declarasen zona militar pechada os asentamentos xudeus de Hebrón. Á intolerancia mostrada por estes extremistas, que rebentaron e queimaron os comercios de varios traballadores palestinos, engádese a presión exercida contra o propio exército israelí. Por este motivo, as rúas de Hebrón están cheas de policía montada, amais de ter aumentado a presenza militar. (Foto: Patrulla de soldados israelitas en Hebrón o 15 de xaneiro de 2006).
 

Hebrón é, de acordo á tradición islámica, o primeiro lugar habitado polo ser humano, onde Eva e Adán viviron tras seren expulsados do Edén. O nome bíblico da cidade é "Kiriat Arba", ou "Vila dos Catro", posto que no lugar están soterradas catro parellas bíblicas: Eva e Adán, Abraham e Sara, Isaac e Rebeca, e Xacob e Lea. Amais, o número catro representa os catro cumios onde se estableceron as catro tribos cananitas para fundar a primeira cidade-estado.

Aínda que a cidade foi un dos centros comerciais máis importantes da zona, a finais do XVIII, non foi ata o mandato británico que Hebrón se revelou como punto neurálxico para os conflitos entre musulmáns e xudeus. Así, o estado de benestar no que se vivía, rompeuse coa revolución nacional de 1929. Entre outras causas, a progresiva inmigración xudía provocou que entrasen cidadáns non dispostos a asimilarse, quebrando a unidade existente entre as dúas comunidades existentes. A crecente animosidade impulsou loitas violentas que acabaron con sesenta e sete xudeus mortos e a evacuación da súa comunidade.

Tras a Guerra dos Seis Días, en 1967, un grupo de xudeus restableceu o asentamento en Hebrón. O grupo, disfrazado de turistas e liderado polo rabino Moshe Levinger, dirixente do Partido Nacional Relixioso, alugou o hotel Park, no centro da cidade. Deste xeito enfrontábanse ao goberno, que prohibira a repoboación por medo a unha posible sublevación. Con todo, o goberno israelí esqueceu as súas reservas e permitiu que os colonos ocupasen zonas militares, concedéndolles protección, aínda que privados de liberdade de movemento. Amais, en 1970, aprobouse a construción do primeiro asentamento nas aforas de Hebrón, sendo bautizado co antigo nome bíblico da cidade: Kiriat Arba.

En 1979, a muller de Levinger encabezou un grupo de 30 mulleres que ocupou un hospital abandonado no centro da cidade. Nesta ocasión, a autorización gobernamental foi inmediata, propiciando a expansión de novos enclaves xudeus asistidos polo exército. A resposta palestina chegou en forma de novos grupos de resistencia e ataques a eses poboadores acabados de chegar. Novamente houbo réplica por parte israelí, e está se notou nun maior grao de represión para a poboación musulmá.

A maior traxedia sucedeu o 25 de febreiro de 1994, durante o mes de Ramadán. Mentres centos de palestinos rezaban na mesquita de Abraham, Baruh Goldstein, un colono de Kiriat Arba, entraba con uniforme militar no templo e disparaba á multitude alí congregada. O resultado foi a morte de 29 persoas e case 200 feridos. A raíz desta masacre, "Haram al-Halil", como lle chaman os árabes, foi dividida. Deste xeito, hoxe en día pódense visitar dous templos nun mesmo lugar. A tumba dos patriarcas separa o mesmo edificio que ten dúas entradas distintas e ben separadas: unha para xudeus e outra para musulmáns.

Igual que a devoción á tumba dos patriarcas, a cidade de Hebrón está dividida en dous sectores. O H1, baixo control palestino, ocupa un 80% do total, mentres o H2 está protexido polo exército israelí. Nesta última zona, que inclúe parte da cidade antiga, e a mesquita de Abraham, viven 40.000 palestinos e uns 500 colonos. A presenza destes, xunto coa dos preto de 4.000 soldados despregados para protexelos explican as continuas tensións. De feito, algúns colonos ocupan as partes altas de moitas casas do centro; casas en cuxos baixos comerciais traballan palestinos. Debido ás desfeitas tivéronse que colocar redes protectoras no zoco, de xeito que o lixo que moitos destes poboadores lanzan contra os seus veciños queda pendurado como un adorno máis a engadir á beleza e exotismo do mercado.

Unha nova escalada de violencia, durante estes días, provocou que se declarasen zona militar pechada os asentamentos xudeus de Hebrón. Á intolerancia mostrada por estes extremistas, que rebentaron e queimaron os comercios de varios traballadores palestinos, engádese a presión exercida contra o propio exército israelí. Por este motivo, as rúas de Hebrón están cheas de policía montada, amais de ter aumentado a presenza militar. Así mesmo, hai instrucións de arresto a todo aquel enmascarado que intente pegar ou lanzar pedras ás forzas da orde. E neste caso, o lanzamento de pedras non é un sinónimo de Intifada, senón de revolta xudía. Estes reivindican o dereito a permanecer no lugar onde viviron os seus devanceiros e por ese motivo enfróntanse aos plans de evacuación de oito familias que ocuparon ilegalmente, durante os últimos catro anos, partes do barrio antigo.

Ás protestas dos paisanos uníronse as de numerosos grupos de extrema dereita ou mesmo organizacións apolíticas e relixiosas. Así, "Mulleres de Verde", movemento que defende a xudeidade histórica de Israel, está presente nestas protestas e mesmo invita a unirse a elas. Con todo, ningún destes grupos xudeus quixo facer ningún tipo de declaración sobre o conflito, negándose a falar, polo que a información obtida para este artigo só puido chegar dun bando.