20080414 nova york christine lagarde

Hecatombe alimentaria

 Christine Lagarde; clic para aumentar
A explicación do súbito aumento dos prezos, sinalou a ministra de economía gala, Christine Lagarde (na foto), está relacionada directamente coa crise financeira mundial que leva aos investidores e operadores a reforzar a súa presenza nos mercados de materias primas, enerxéticas ou agrícolas.
 

A recente e penúltima crise de Haití coincidiu coas advertencias de Jean Ziegler, relator especial de Nacións Unidas sobre o dereito á alimentación, quen sinalou nunha entrevista ao xornal francés "Libération", que o mundo se encamiña cara un longo período de disturbios e de conflitos relacionados coa alza dos prezos e a penuria dos alimentos que provocarán a desesperanza nos sectores de poboación máis vulnerable e incontroladas ondas desestabilizadoras en numerosos países e rexións. Segundo fontes do Banco Mundial, un total de 33 estados poderían verse afectados pola desestabilización causada pola suba dos prezos dos produtos agrícolas e enerxéticos. En Haití provocou xa a caída do primeiro ministro, pero as manifestacións violentas véñense reiterando en Camerún, Mauritania, Etiopía, Exipto, Indonesia, Bangla Desh… En Serra Leona, por exemplo, o arroz experimentou unha suba do 300% nas últimas semanas.

O aumento dos prezos, de persistir e prolongarse no tempo, pode conlevar tamén a liquidación dos tímidos progresos logrados nos últimos anos en materia de desenvolvemento, agravando a situación dos case 900 millóns de persoas que están gravemente subalimentadas. Cabe sinalar que o Programa Alimentario Mundial, a axencia humanitaria máis importante do planeta, presta atención a un máximo de 73 millóns de persoas. O director xeral da FAO, Jacques Diouf, apelou á mobilización dos Estados e as organizacións internacionais para conxurar esta alerta, pero pouco máis cabe agardar que novos parches e promesas que manterán intocables as causas estruturais.

A explicación do súbito aumento dos prezos, sinalou a ministra de economía gala, Christine Lagarde, está relacionada directamente coa crise financeira mundial que leva aos investidores e operadores a reforzar a súa presenza nos mercados de materias primas, enerxéticas ou agrícolas, o que impacta directamente nos prezos. Non é, pois, que aumente a demanda porque mellora a calidade de vida e os ingresos das poboacións tradicionalmente menos favorecidas, senón porque os especuladores fuxen das turbulencias doutros mercados para asegurar mellor a liquidez dos seus réditos. Aínda que sexa cun costo terrible.