cancun lee kyung hae

Historia dun labrego

Apartados xeográficos Asia ARQUIVO
Idiomas Galego

 Lee Kyung Hae, clic para aumentar
O 10 de setembro de 2003 uns 15.000 indíxenas, labregos, pescadores, sindicalistas, mulleres rurais, zapatistas e xentes sen terra manifestáronse en Cancún contra a V xuntanza ministerial da OMC. Era Chusok, a data coreana para honrar aos defuntos, pero Lee xa visitara a tumba da súa dona días antes. Levaba unha pequena pancarta: "A OMC mata os campesiños". Algareou os 200 coreanos que o acompañaban gabeando a un dos valados que resgardaban os poderosos. Deseguido baixou, sacou unha navalla desas que se fan no país que é sede da OMC e espetouna no corazón.
 

Dun campesiño coreano, Lee Kyung Hae. Naceu en 1947 en Iangsu, un condado cunhas 30.000 almas na provincia surcoreana de Jeollabuk-do, zona máis ca nada agrícola –arroceiras, algodón, cebada– e gandeira. Daquela só había unha Corea e a súa familia tiña negocios no comercio do arroz e non poucas terras, polo que o futuro de Lee, coma o de seus irmáns, ía cara a unha existencia máis confortábel cá dos agricultores e gandeiros.

De feito, Lee foi á Universidade de Seúl, pero non cursou os estudos de despacho que desexarían os seus, senón que se licenciou en agronomía e, como disque a terra tira, no 1974 volveu a Iangsu para facer carreira de granxeiro, cousa xa pouco entendíbel naquel tempo. Nunhas terras herdadas, chairas ermas e abas desleixadas e encostadas, Lee aplicou ben o aprendido. Con revolucionarios sistemas de produción creou a Granxa Seúl, onde conxugou unha modélica explotación gandeira, hortícola e arroceira coa protección da paisaxe e os enxebres núcleos habitados. Mais non encheu peito. Abriu as portas do seu exemplar proxecto á aprendizaxe de veciños e estudantes de institucións coreanas.

A vida de Lee ía vento en popa. Considerado por todos como o clásico home tranquilo, casou coa xornalista Kim Baek-i e tivo tres fillas. A súa exitosa experiencia e o seu altruísmo convertérono axiña nun líder campesiño, nun referente sempre activo na loita polos dereitos dos labregos e pescadores do país durante toda a década de 1980, primeiro presidindo a miúda Asociación de Criadores de Gando de Iangsu e logo outras de máis entidade. No 1989 Nacións Unidas, por medio da FAO, recoñeceu as súas achegas no eido da produción agrogandeira como "granxeiro do ano", accedeu á presidencia da Federación Coreana de Granxeiros Avanzados e creou o primeiro xornal campesiño do país.

Porén, a finais dos oitenta as cousas xa non ían tan ben para o campesiñado. Os acordos da Rolda de Uruguai do GATT –siglas en inglés do Acordo Xeral sobre as Taxas Alfandegueiras e Comercio, que en 1994 mudaría na Organización Mundial do Comercio, OMC– sobre o libre comercio e as novas políticas de axustamento estrutural do Fondo Monetario Internacional (FMI) e o Banco Mundial abriron as portas de Corea ao arroz, ao gando e a moitos produtos doutros países sen control ningún. Os prezos caeron ao abismo do irracional e malia que as reformas agrarias do goberno acrecentaron a produtividade dalgunhas granxas grandes, os pequenos comezaron a sufrir e o apoio financeiro gobernativo a esmorecerse ao mesmo ritmo que produtos moito máis baratos procedentes dos países desenvolvidos asolagaban os mercados.

Lee teimou na loita e gañou sona como activista. Dentro de organizacións internacionais como Vía Campesiña viaxou polo mundo para protestar contra as maquinacións da OMC. O seu arduo enfrontamento contra as políticas neoliberais que comezaban a endebedar de máis os labregos e a promover o abandono do campo cara aos arrabaldes das cidades ata o levou a tentar a vía política. Foi escolleito por tres veces na asemblea provincial. Non lle valeu ren. Nunha década os 6,6 millóns de campesiños coreanos pasaron a 3,5 millóns e moitas arroceiras foron asfaltadas e urbanizadas.

Lee tamén o perdeu todo. A Granxa Seúl xa non podía competir e os créditos brandos e hipotecas esganábano. En 1999 os bancos quedaron coas súas terras, cos seus tres centos de vacas e cos seus soños, mais non co seu orgullo de labrego. Mantívose como activista incansábel e varias veces escolleu a folga de fame como xeito de protesta diante dos valos de ferro e exércitos policiais que protexen as xuntanzas da OMC na sede de Xenebra.

O 10 de setembro de 2003 uns 15.000 indíxenas, labregos, pescadores, sindicalistas, mulleres rurais, zapatistas e xentes sen terra manifestáronse en Cancún contra a V xuntanza ministerial da OMC. Era Chusok, a data coreana para honrar aos defuntos, pero Lee xa visitara a tumba da súa dona días antes. Levaba unha pequena pancarta: "A OMC mata os campesiños". Algareou os 200 coreanos que o acompañaban gabeando a un dos valados que resgardaban os poderosos. Deseguido baixou, sacou unha navalla desas que se fan no país que é sede da OMC e espetouna no corazón.

Vía Campesiña conmemora dende entón o 10 de setembro como Día da Loita contra a OMC e o Neoliberalismo. Desta vez chaman os movementos sociais a rebelarse contra as xuntanzas do Banco Mundial e do FMI en Singapur (11 a 20 de setembro). Estas letras son a miña achega á causa de Lee Kyung Hae, labrego.