Holanda/Srebrenica, cando ninguén ten a culpa

Apartados xeográficos ARQUIVO Balcáns
Idiomas Galego

Nunha carta datada o 27 de xullo de 1995 Tadeusz Mazowiecki, entón comisario especial para avaliar a situación dos Dereitos Humanos en Iugoslavia, presentaba a súa demisión ó presidente da Comisión de Dereitos Humanos da ONU. No seu escrito laiábase das decisións do Consello de Seguridade que, tendo asinado compromisos nese senso, non era quen de "crea-las condicións precisas para a defensa de tódolos refuxios seguros". A aceptación da comunidade internacional da caída de Srebrenica, poucos días antes, provocou daquela a súa decisión, coma agora, sete anos despois, motiva a demisión do goberno holandés en pleno, a 16 de abril de 2002.

"Cando vimos ás forzas de paz fuxindo das súas posicións, entón comprendemos que tiñamos que correr nós tamén", di unha das sobreviventes da toma do enclave bosnio polas tropas do xeneral serbo-bosnio Mladic durante a guerra de Bosnia-Herzegovina.

A primeira prioridade das forzas de paz foi a evacuación da poboación, que era, no fondo, o que buscaban tódalas partes, tamén as forzas de Mladic, que procuraban crear unha situación imposible en termos humanitarios.

En Srebrenica foron axustizados 7.500 homes, a maioría de relixión musulmana, cando as tropas serbo-bosnias entraron no que era un "refuxio seguro", segundo constaba no mandato da ONU, defendido por unha pequena forza de protección da UNPROFOR, de maioritaria composición holandesa, dende dous anos antes. "A maior atrocidade dende a II Guerra Mundial", conclúe o informe da NIOD -Netherlands Institute for War Documentation-, comisionada polo goberno holandés para esclarece-las responsabilidades da matanza, e que vén de provocar coa súa aparición a demisión do executivo.

O aceno elegante do gabinete holandés préstase, moi doadamente, á interpretación cínica: prodúcese a un mes da eleccións xerais; o primeiro ministro Win Kok xa declarara moito antes a súa intención de abandoa-la política, a oposición de dereita avanza xa moitas posicións nas enquisas. Quizais por isto a demisión tivo moi escaso eco nos medios europeos. Ou, tal vez, porque Holanda, un país nominalmente relevante no seo comunitario, é un pequeno país na Europa política. Tamén pode ser porque o informe oficial chega a conclusións incómodas. A non evidencia da relación de Milosevic, que sairá de Dayton 95 como "pacificador dos Balcáns", coa masacre (teoricamente Belgrado puxolle fin á axuda militar e loxística ó rexime de Pale en xullo do 94). Tamén o feito de que atribúe boa parte da responsabilidade á estratexia de provocación das forzas bosnio-musulmanas. Ou sexa, que había unha guerra civil. Un conflicto, o de Bosnia-Herzagovina, que unía á vez dúas grandes facetas: unha, a de guerra civil clásica alimentada por un odio e unha violencia crecentes; outra, a de guerra de conquista entre nacións inimigas.

Esta Europa que corre desesperadamente cara adiante pensa, contra o que di o informe da NIOD e moitos informes antes, que dende a II GG.MM non ten nada que reprocharse, ou mellor, que dende entón "non ten feito ren", e que nestes momentos nos que un ex-xefe de Estado está sendo procesado na Haia, mellor pensar que as guerras dos Balcáns foron unha especie de Grandes Relatos escritos polas únicas e sanguiñentas mans dos Milosevic, Tudjman, Mladic, Karadjic, e compañía.

O informe conclúe na responsabilidade do Goberno holandés, que acepta unha "misión de paz imposible" por unha "combinación de motivos humanitarios e ambicións políticas", e mais na pasividade do exército de protección, "tropas sen un mandato claro…para mante-la paz onde non había paz", resultando nun novo éxodo de refuxiados e na limpeza étnica. A responsabilidade primeira de Mladic está fora de toda dúbida. Letra morta, porque a conclusión de que a ONU, por mandato irresponsable, e os países que participaron ó seu abeiro nas operacións de mantemento da paz, son corresponsables, é tanto como dicir que, xa que todos teñen unha pequena culpa, ninguén é culpable.

Non serán estas responsabilidades purgadas no Tribunal para crimes na ex-Iugoslavia da Haia, nin no Tribunal Penal Internacional, non foron creados para isto. Coma cando a entrega de Milosevic, cando por fin os collan, ou se entreguen, os Karadjic, Mladic, etc., Serbia-Montenegro recibirá a súa compensación en Euros. Holanda é xa o segundo país polo monto de axuda humanitaria ós Balcáns.