Hong Kong: en rumbo de colisión

Canto máis se profunda a crise de Hong Kong máis semella que todo avanza cara a unha canella sen outra saída que un desenlace violento. O endurecemento da acción policial non desalentou aos manifestantes. Tampouco a conivencia entre a policía e as bandas mafiosas produciron o resultado quizais esperado polas autoridades locais e centrais. Unha nota recente no diario oficial do Partido Comunista da China, o Renmin Ribao, apelaba case á desesperada á “maioría silenciosa” do territorio para que non permaneceran á expectativa e se mobilizaran para “parar aos radicais”. Ata agora, as concentracións en apoio dos gobernos local e central saldáronse cun modesto seguimento. Mentres, novos destacamentos da policía armada foron trasladados á veciña Shenzhen, ao outro lado do río Perla.

Liñas de investigación Observatorio de la Política China
Apartados xeográficos China e o mundo chinés
Idiomas Galego

Canto máis se profunda a crise de Hong Kong máis semella que todo avanza cara a unha canella sen outra saída que un desenlace violento. O endurecemento da acción policial non desalentou aos manifestantes. Tampouco a conivencia entre a policía e as bandas mafiosas produciron o resultado quizais esperado polas autoridades locais e centrais. Unha nota recente no diario oficial do Partido Comunista da China, o Renmin Ribao, apelaba case á desesperada á “maioría silenciosa” do territorio para que non permaneceran á expectativa e se mobilizaran para “parar aos radicais”. Ata agora, as concentracións en apoio dos gobernos local e central saldáronse cun modesto seguimento. Mentres, novos destacamentos da policía armada foron trasladados á veciña Shenzhen, ao outro lado do río Perla.

China xa cualificou o actual movemento de tentativa de “revolución de cor” (unha mobilización que combina o recurso á violencia e o discurso pro-occidental). Baséase  na reiteración de accións minoritarias de grupos radicais que non dubidan en asaltar o Consello Lexislativo ou asediar a Oficina de Enlace co Goberno central e ata comisarías de policía. A parálise pacífica do aeroporto internacional redundará no relato do grave impacto económico das protestas e Beijing xa elevou o ton para introducir os “indicios de terrorismo”…

As autoridades chinesas, que validaron a retirada do proxecto de lei de extradición que está no cerne das primeiras mobilizacións masivas, culpan da persistencia da crise ás interferencias occidentais (EUA e Reino Unido, esencialmente) que se remontan como pouco ás audiencias do vicepresidente Mike Pence (inimigo declarado da China, segundo Beijing) con líderes hongkoneses. Pence enunciou en outubro do pasado ano no Instituto Hudson unha nova política cara China sinalándoa como a principal ameaza aos intereses da superpotencia.

O despregue de bandeiras estadounidenses e británicas por parte dalgúns manifestantes resulta especialmente humillante para China. E especialmente desafortunado para calquera que teña unha mínima memoria dos abusos cometidos polos occidentais na China. Que Londres se esguice agora as vestiduras é un exercicio de manifesto cinismo cando durante a ocupación colonial do “Xibraltar do Leste” sabotou calquera proposta de reforma, frustrando ata os tímidos plans do laborista Clement R. Atlee que alternou o medo ás esixencias de Mao tralo triunfo da Revolución coa tentativa de melloras políticas. É doado ver nos plans a toda presa do derradeiro gobernador da Coroa, Chris Patten, un claro propósito de dificultar a retrocesión nos termos pactados. Nunca Occidente no seu conxunto manifestou seria preocupación algunha pola democratización de Hong Kong antes de 1997. Dicir que Hong Kong pasou de ter un goberno libre e democrático a un non democrático desde 1997, como din algúns, é simplemente falso. Certo que dispuñan de algunhas liberdades, pero a colonia británica de Hong Kong nunca foi unha democracia liberal.

O vertixinoso deterioro da situación está a servir ao PCCh para presentar ante a sociedade chinesa a estes movementos como “mimados” que se “resisten á penetración”  progresiva da influencia continental… A sucesión de fracasos políticos desta estratexia arranca de 2003, ao pouco por tanto de se producir a retrocesión. E poderíase estar xestando agora un cambio abrupto de política.

Non está claro tampouco que o movemento cívico de Hong Kong inspire á sociedade civil do continente. Pola contra, o que está é a provocar unha onda de sentimento nacionalista que blinda aínda máis ao PCCh. A principal expectativa é que o deterioro da situación provoque un cisma interno ao máximo nivel á hora de decidir o rumbo a seguir.

Na veciña India, hai uns días, o presidente Modi cargouse dunha plumada o estatuto especial de Caxemira, mandou 25.000 soldados á zona e detivo a centos de líderes políticos. E as democracias de Occidente non abriron a boca. Pero se China toma decisións similares en Hong Kong, a tronada sería planetaria.

Hong Kong é parte da China. Sabido era que a fórmula “un país dous sistemas” tiña data de caducidade. Deng dixo que o capitalismo permanecería 50 anos na rexión autónoma, non para sempre. Ata agora, China tentou a vía gradual de homologación. Pero é comprensible que os hongkoneses non queiran perder as súas liberdades e pelexen por conservalas.

¿Canto tempo pode manterse esta tirapuxa? O 1º de Outubro, China celebrará o 70º aniversario do triunfo do PCCh. É comprensible que Xi Jinping tente eludir o recurso a medidas extraordinarias, alo menos antes desa data. Estragaría a festa. E o 20 de decembro, Macau acollerá as conmemoracións do 20 aniversario da devolución coa prevista asistencia de Xi Jinping. E, por último, o 11 de xaneiro de 2020, Taipéi celebrará unhas decisivas eleccións lexislativas e presidenciais nas que a crise de Hong Kong alenta as expectativas independentistas de revalidar mandato. Ambas as tres datas son tamén referenciais para a oposición en Hong Kong e animan a manter viva a protesta.

O PCCh é o artífice dun enorme milagre na China. Beijing anunciará o ano próximo a plena erradicación da pobreza no seu territorio. O “socialismo con peculiaridades chinesas” xa non rimará con atraso e miseria extrema. Pero queda aínda outra materia pendente: rimar socialismo con democracia. E será a clave da estabilidade nos próximos anos.