Formalmente, Hu Jintao iniciou no XVI Congreso do Partido Comunista da China clausurado a semana pasada, o proceso que o levará a ocupar as principais instancias do poder no vello Imperio do Medio. Elixido secretario xeral do Partido, na xuntanza que o macroparlamento chinés debe celebrar en marzo próximo, resultará elixido Presidente do Estado. Pero o proceso pode dilatarse algo máis.
En efecto, a configuración do Comité Permanente do Buró Político, máximo órgano de poder, con cinco membros totalmente afíns ao secretario xeral saínte, Jiang Zemin, outro valido por Li Peng, e outro por Zhu Rongji, cunha única salvedade, Wu Guanzheng, secretario do partido na provincia de Shandong, deixa ao novo mandatario sen moito mando en praza.
Tanta influencia de Jiang Zemin a través dos seus delfíns fai pensar incluso na posibilidade de que deba agardar algo máis para acceder á xefatura do Estado. O propio Jiang debeu agardar catro anos e tampouco está escrito en ningures que unha mesma persoa deba ocupar os cargos máis importantes do país. Mesmo a configuración do Comité Permanente invita a pensar na colexialidade como norma inevitable. Jiang, ademáis, se reservou a presidencia da Comisión Militar Central, da que Hu tamén é vicepresidente, mantendo o mando sobre máis de 2,5 millóns de efectivos.
A situación actual de Hu Jintao evoca a historia de Wu Ding (1324-1266 a.n.e.), un soberano chinés que estivo mudo durante tres anos ao comezo do seu mandato. Hu Jintao leva mudo bastante tempo, pois, máis alá das proclamas oficiais, a penas se lle coñecen puntos de vista a respecto do futuro do país. Mesmo nas súas viaxes ao exterior, a discreción foi sempre o sinal de identidade. Wu Ding sabía o que quería, atraguer para si ás persoas nas que podía confiar, pero os seus ministros non lle deixaban e por iso optou por calar ata estar convencido de que as forzas lle eran favorables.
Hu Jintao, con gran experiencia política e de excelente formación, se ten ideas propias sabe que precisará de aliados para levalas á práctica. Pero hoxe é un líder feble, por mor desa apabullante maioría que lle adosou Jiang Zemin. Se cala por un tempo poida que saiba que China aspira a construir. Pero no mundo actual, a diferencia dos tempos de Wu Ding, non poderá quedar mudo por moito tempo. Como moito poderá facer algunhas cousas en silencio.