Ieltsin saíuse coa súa

Tras oito anos ao fronte da herdeira maioritaria da potencia soviética, Boris Ieltsin vai conseguir abandonar o poder con tranquilidade. A súa caritativa e xenerosa dimisión para deixar o poder en mans de Vladímir Putin, a fin de que poida preparar con comodidade as presidenciais nas que vai ser candidato, foi correspondida cun non menos xeneroso decreto do seu substituto no que lle garante a inmunidade para el e a súa familia. A bondadosa iniciativa de Putin foi seguida dun coro de dirixentes occidentais no que se cualifica a Ieltsin de "figura histórica" á que se sumou unha laudatoria misiva do presidente chinés. As dotes de Ieltsin para a escenificación son asombrosas, mesmo no momento do abandono soubo aproveitar o día anterior ao comezo do 2000 para abraiar cun discurso de despedida no que expresa a súa megalomanía sen limites.

O decreto no que se garante a inmunidade ten un carácter xeral e vai dirixido aos ex presidentes. Categoría na que só hai un, o propio Ieltsin. O temor que angustiaba á corte presidencial dende a crise financeira de agosto de 1998 vese definitivamente afastado. Ieltsin e os familiares directos así como os achegados que conformaban a corte dos milagres, denominada A Familia, poderán enfrontar o milenio con sosego e seguir ao fronte das actividades económicas que lle permitiron amasar fortunas fabulosas nuns cantos anos.

Se algo se desprende do período no que Ieltsin estivo á fronte da Federación Rusa foi a súa capacidade para a política de escasas miras. Foi na loita corpo a corpo, na política entendida como navalleo e traizón onde o xa ex presidente se amosou máis hábil. Un político formado nas intrigas do período brexneviano, que soubo abrirse paso na nomenclatura do PCUS para chegar a dirixir a organización en Moscova que o situaba no segundo posto de máis poder na estructura soviética. Dimitir do cargo para gañar credenciais democráticas ante o dúo Reagan-Thatcher e petardear as reformas de Gorbachov. Subirse ao carro de combate a pronunciar discursos durante o golpe de agosto de 1991 e conspirar no bosque de Belovesh cos seus colegas ucraíno e biolorruso para acelerar a desintegración da URSS e colocarse no poder. Saltarse a Constitución e disolver o Soviet Supremo para logo bombardear aos que se lle resistían. Iniciar a guerra en Chechenia en 1993 para empregar a Liebed como bombeiro despois dunha derrota humillante. Mesmo naqueles momentos nos que a súa delicada saúde, deteriorada polos seus excesos, demandaba o seu abandono resistiuse con todas as forzas. Cando despois da crise financeira de agosto os seus días semellaban contados e o seu futuro pouco esperanzador, foi quen de devorar uns cantos primeiros ministros (Chernomirdin, Kiriienko, Primakov, Stepashin) e empregar o seu olfato político para sacarse da manga ao home que lle podía asegurar unha tranquila retirada. Mesmo non dubidou en desencadear unha nova guerra para lograr os seus fins. Putin non ten volta atrás no seu decreto de inmunidade, Ieltsin e A Familia, son perfectos coñecedores dos métodos empregados no seu escintilante ascenso ao Kremlin.

Ieltsin non vai ter que pasar pola humillación de verse no banquiño dos acusados como lle pode suceder por unhas "míseras subvencións" ao "gran" Helmunt Kohl. Segundo o decreto de inmunidade non pode ser detido nin rexistrado, nin el nin os seus bens, non pode ser interrogado nin se pode presentar contra el ningún tipo de acusación. Asegurouse unha pensión equivalente ao 75% do salario presidencial, gardacostas, coches, servicio médico, residencia, asesores e pensións para a súa familia ata cinco anos despois do seu falecemento. Semella que se tiña observado no espello de Gorbachov, ao que deixou absolutamente desprotexido, e non quería rematar facendo o ridículo nun anuncio de pizzas.

No seu último día do Kremlin entregoulle a Putin a Constitución que fixo a súa medida para que o presidente interino a empregue no seu beneficio. Putin apresurouse a definila, nun documento publicado o día anterior á dimisión e que pode ser considerado como o seu programa político, como o instrumento clave da política rusa nos próximos anos e desbotou calquera tipo de reforma constitucional.