En Rumanía todo está aínda por facer. Os dez últimos anos caracterizaronse polo agravamento da situación económica e social e o marasmo político. Nin os partidos, nin a sociedade, nada evoluciona aquí, todo semella ir a contratempo. Apadriñada por Occidente como Iugoslavia en tempos da guerra fría, agora, no vermello do descalabro, nada invita ao optimismo en Bucarest. Os comicios do pasado domingo simplificaron a elección entre o malo e o pior, entre Ion Iliescu, presidente entre 1990-1996, e Vadim Tudor, un demagogo ultranacionalista e antigo adulador de Ceaucescu. A alianza vencedora nos comicios de 1996, unha coalición de cristiano-demócratas, liberais, e outros partidos menores, incluída a minoría húngara, dicíase chamada a impulsar unha segunda revolución, pero todas as presas se lle foron en dilapidar un notable capital de confianza social. Máis ca nunca, a sociedade rumana viralle as costas ás institucións.
Iliescu non convence en Occidente polo seu inmobilismo e autonomía. Servíalle petróleo a Milosevic nos anos de vixencia do embargo internacional contra Belgrado. Pero un trunfo de Tudor podería desestabilizar boa parte da rexión con consecuencias inmediatas para Hungría e Moldova. E dos conflictos dos Balcáns aínda sen concluír poderíamos pasar, sen apenas pausa, aos conflictos dos Cárpatos sempre a punto para emerxer.