Imperio e Terror

¿Imperio do terror? O temor do mal futuro puso a moitos en perigo, deixou escrito Lucano. A psicose derivada dos brutais atentados de Nova Iorque e Washington nutre unha extendida sensación de inseguridade que obriga aos poderes públicos a adoptar estrictas medidas de precaución. A par da natural comprensión, probablemente resistible noutro contexto, provoca tamén un novo temor á destrucción da intimidade e a xeralización de restriccións á liberdade en aras dunha seguridade erixida en principio primario e primeiro da nosa convivencia. O anuncio de medidas preventivas contra un ataque bioterrorista, poñamos por caso, anticipa tamén iniciativas de control das comunicacións e dos movementos. O futuro Centro Nacional de Intelixencia, novo nome do servicio secreto español, podería ter facultades excepcionais para entrar en domicilios sen permiso xudicial previo. En Estados Unidos, o Exército está a asumir o control da seguridade interior. E os hipotéticos aumentos da actividade terrorista xustifican en moitos países novos programas de reforzamento e modernización militar.

As múltiples implicacións internas que condicionarán o noso modus vivendi inmediato, terreo abonado para novos autoritarismos, a magnitude e intensidade da reacción de Estados Unidos e os seus aliados, a indeterminación mesmo dos grupos ou países que poden ser obxecto de accións de represalia, variables todas presentes na reflexión dos medios de comunicación, pasan por alto, sen embargo, a cuestión que debería preocuparnos a todos e que non tardará en emerxer: a gobernación mundial.

E nesa perspectiva, os datos que se aventuran non invitan ó optimismo. Os movementos de Washington semellan suxerir a implícita instalación dun punto e aparte no sistema de relacións internacionais xurdido da segunda guerra mundial. A Alianza promovida pola Casa Branca garda soamente un paralelismo menor coa coalición da guerra do Golfo de 1991. A durabilidade da campaña que se aveciña, aspecto no que se insiste a cotío, e o amplo desprazamento de forzas por lugares e países noutrora inaccesibles, semella outorgarlle a condición dun novo directorio mundial que vai decidilo practicamente todo, con adhesión absoluta e incondicional ás interpretacións e propósitos do mando norteamericano. A marxinación ab initio de Nacións Unidas, tan incomprensible habida conta que pola magnitude da traxedia, ninguén oporía o dereito de veto a medidas de condena, non é casual. Os países con graves problemas internos (de Rusia a Alxeria) procuran sacar proveito da situación. E todos, mesmo nesta Europa cada día menos distinta, miran para outro lado e aceptan pasar a segundo plano as preocupacións humanitarias.

Estados Unidos lidera a transformación do novo paradigma das relacións internacionais coa lexitimidade irrefutable de quen foi víctima espectacular, tamén propiciatoria, da maquinaria do terror. Pero a gobernación do mundo debe ser resultado do regreso dunha política equilibradora e non quedar nas mans dominantes de quen ostenta unha especial responsabilidade nese estado de cousas que suscita tanta desesperación en tantas partes do mundo.