A UE vive alén dos límites da ambigüidade construtiva, en parte por non saber poñer límites á expansión das súas fronteiras. Chegará o día en que a UE terá que dicir "non" a unha nova adhesión, deixando á marxe ambicións xeoestratéxicas como Xeorxia ou Ucraína.
O mundo multipolar actual se crea dende o conflito, e de paso ese mundo multipolar se crea tamén no descrédito como actor internacional da UE. Desprezada por Rusia e EEUU, que non consideran a UE como un actor serio en temas de seguridade internacional, aínda que si poida ter peso económico, aos europeos non lles queda outro instrumento que o de patéticos mediadores polo ben común. O que contribúe aos alardes de mediación de Sarkozy, por exemplo, que se achegan máis ao esperpento que á solución do conflito.
Semella que tanto a expansión da UE coma da OTAN chegaron aos seus limites, se concordamos que estas organizacións medran a conta de recortar espazo a Rusia. Moscova deu un toque de atención con respecto a Xeorxia, e tamén Ucraína, un país con 50 millóns de habitantes por onde pasa o 80% do gas dos europeos e, por tanto, cunha importancia xeoestratéxica superior.
O cumio da UE con Ucraína do 9 de setembro e da UE con Rusia de novembro serán momentos de clarificación da política europea de veciñanza. Pero Europa ten que converterse na Europa da forza, ou da ameaza, para facerse respectar, porque o dereito internacional sen forza non é nada, e iso constátase cada vez que EEUU ou Rusia usan a forza de forma unilateral, cando lles convén.
Cales son as garantías de seguridade de países como Polonia na actualidade ao ver a Rusia como ameaza? A única solución visible é a OTAN. E dicir, a defensa dos países do leste contra Rusia provén de EEUU, o que contrapón a OTAN versus Rusia de forma clara, e nos volve a escenarios do pasado. Deste xeito, é imposible crear unha Europa forte. A defensa europea non pode valerse de esquemas pasados, e formarse por contraposición contra Rusia, porque a defensa europea ten que ser organizada dunha forma máis ampla en función das ameazas globais.
Polo momento, non se fai máis que confiar en EEUU e organizarse defensivamente. O que deu en chamarse dominio da disuasión. Os rusos, fronte ao que eles consideran unha inxerencia no Cáucaso, queren deixar claro que nada ocorrerá sen eles nesas rexións. E iso é unha mensaxe para a UE, Xeorxia, pero tamén para Acerbaixan, onde non se pode descartar a opción do repunte da guerra en Nagorno-Karabaj.
Ante a ambigüidade construtiva dos europeos, Rusia responde con ambigüidade sobre os seus obxectivos, dicindo que poden interromper a entrega dos recursos enerxéticos, que as vías de subministro poden ser obxectivos militares, etc.O que lle aporta marxe de negociación política. E é máis, a diversificación enerxética europea é entendida como reducción da dependencia enerxética de Rusia, e por tanto como forma de matizar e minimizar a influencia de Moscova no mapa internacional.
Se a UE, de verdade, pretende ser algo, ten que ser firme. Vai sendo hora que se poña mans á obra e constrúa unha unidade da que polo momento carece, máis aló da dimensión económica.