Indesexables en Londres: o caso do indio Modi

Apartados xeográficos ARQUIVO Asia
Idiomas Galego

¿Que fai Narendra Modi en Wembley?, preguntaba hai uns días un editorial do xornal inglés The Guardian. A resposta é doada, o primeiro ministro do estado indio de Gujarat reúnese en Londres con empresarios á busca de investimentos para Gujarat (un dos estados máis prósperos da India), e vaise cunha promesa de xuntanza coa Shell e outras compañías do gas. Ó tempo, Modi promociona o seu perfil emprendedor no estranxeiro cara facerse cun maior peso na política india. Numerosos medios sinalan xa a Modi –pertencente ó sector ultra do partido do goberno, o dereitista Partido Popular da India, BJP– como futuro primeiro ministro da India.

Estaba pois moi claro para todos o que facía Narendra Modi en Wembley; non era máis ca unha pregunta retórica. Isto é asi porque sobre o Sr Modi pesa unha acusación, non formalizada, pola responsabilidade da morte de 2000 cidadáns e o desprazamento de outros 100 mil nos disturbios de febreiro de 2002 en Gujarat contra a poboación musulmana. A responsabilidade de Modi non reside soamente no seu discurso xenófobo e antimusulmán, senón na participación da súa policía nos ataques xenocidas. Ningún imputado hindú saiu da representación de Comisión de Investigación que se celebrou logo, amparado Modi por unha maioría absoluta sen precedentes que o colocou directamente baixo o abrazo protector de Atal Bihari Vajpayee, á sazón, primeiro ministro da India. Pola contra, os responsables musulmáns dos disturbios de 2002, si foron xulgados.

Modi, que segundo os organizadores encheu o recinto londinense con 2500 seguidores, foi tamén recibido por unha manifestación pacifista de protesta. Perante a cobertura dos medios –“musulmáns vs hindús–, as organizacións seculares que promoveron a protesta tiveron que saír ó paso: isto non é só un “asunto de musulmáns”, senón de mortos e Dereitos Humanos.

Para Modi, a destrucción de mesquitas, os saqueos, as piras, os atentados e as víctimas constitúen unha interpretación selectiva e errónea da prensa influída pola propaganda “terrorista”. Pero, por se acaso non o fose, aclara que a policía do seu goberno non é súa; foi recrutada polo Congreso Nacional, pidánlle contas a el, porque ademais eu levo pouco tempo en Gujarat… Defensor dun nacionalismo cultural –hindutva– que equipara hinduidade e indianidade, isto é, que concibe a identidade nacional india baseada na relixión maioritaria, Modi ten o mérito de crear unha nova rama reaccionaria, –popularmente, o moditva– dende o seu goberno en Gujarat, unha das rexións máis afectadas polo conflicto entre hindús e musulmáns da India.

Soberbio, “eu fixen de Gujarat un estado próspero”, e aferrado a un mantra pouco relixioso, “o Goberno nega toda evidencia”, Modi pasea por Europa sen o canguelo de Pinochet e alleo á polémica sobre o status de persoa non grata que moitos lle demadan en Inglaterra. Isto das persoas “non gratas” aconteceu antes con Al Sharpton, presidente dun grupo estadounidense de dereitos civís e defensor dos dereitos da poboación negra; con Mike Tyson, boxeador ex convicto; con Louis Farrakan, líder xenófobo, e con Jean-Marie Le Pen, o mesmo. A ningún lle foi denegado o visado, pero sobre ningún pesa unha acusación por xenocidio.

Modi non retornou ó seu próspero Gujarat sen antes pasar por Zurich e Xenebra, onde esperaba atoparse con representantes de importantes compañías. A súa xira rematará este mes de setembro cunha “reunión global de investidores”, á que 500 empresas están convidadas. Modi agarda un éxito como o obtido en Lodres, que describe como “estremadamente productivo”. “As miñas expectacións sobre esta viaxe foron máis ca realizadas. A comunidade industrial do Reino Unido está moi interesada en investir en Gujarat”, dixo o home ó que a prensa, sensacionalista ela, describe como o único vexetariano con parentesco con Hitler e Pol Pot, e máis outros señores pouco democráticos que, a base de repetición, configuran a baralla de malos ós que lles chegará a súa hora. Namentres, fan viaxes de negocios e, nobreza obriga, negan toda evidencia.