20070505nicholas burns e pranab mukherjee

India-EUA: detonado o acordo nuclear?


 Nicholas Burns e Pranab Mukherjee; clic para aumentar
Nicholas Burns, subsecretario de Estado e xefe negociador con India, tiña previsto desprazarse a este país na segunda quincena de maio, pero o fracaso das consultas sobre os flocos do acordo, frustraron a visita que foi aprazada sine die ante as fortes discrepancias. Quere iso dicir que todo vaia quedar en nada? Probablemente non, pero non vai ser tan doado como algúns imaxinaban. (Foto: Nicholas Burns e o ministro de Asuntos Exteriores indio Pranab Mukherjee).
 

Cando Bush visitou a India en marzo de 2006 houbo quen comparou esta audaz pirueta diplomática coa exhibida por Nixon cando visitou China en 1972. Se daquela se trataba de facer pinza con China fronte á URSS, agora Washington tentaría establecer unha alianza con Nova Delhi para encorsetar a emerxencia chinesa, un temor compartido que uniría as diplomacias de ambos países. O eixe básico deste entendemento sería un polémico acordo para proporcionar combustible e tecnoloxía nuclear para uso civil á India quen, pola súa banda, se comprometería a separar usos militares e civís nas súas instalacións nucleares e a permitir a supervisión internacional. En decembro do ano pasado, o Congreso estadounidense, nunha exhibición máis da dobre vara de medir a propósito das ambicións nucleares segundo de quen proveñan, aprobou a norma que autoriza a Bush a cooperar con India en materia de enerxía nuclear. Pero cando todo parecía despexado, os nubarróns axexaron no horizonte.

No formal, as diferenzas entre ambos países están relacionadas coa realización das probas nucleares, a reciclaxe dos residuos radioactivos, a transferencia de tecnoloxías e o subministro estable de material nuclear. O máis delicado é o asunto das probas. Nova Delhi non quer asumir compromisos neste aspecto, pois considera que é un asunto que afecta á súa soberanía e non admite restricións nun entorno internacional e rexional tan cambiante e cun veciño, Paquistán, tan inestable que podería obrigarlle a retomar as citadas probas, hoxe afectadas por unha moratoria voluntaria. Pero para EEUU é imposible un acordo bilateral se India insiste en reservarse unilateralmente o dereito de retomar as probas nucleares. Ademais, neste caso, alén da ruptura automática do acordo, Nova Delhi debería devolver a Washington todo o combustible importado, esixencia inaceptable para India.

Pero o fondo da diverxencia transcende con moito o problema estrito da cooperación no uso da enerxía nuclear. India ten a evidente ambición de confirmarse como unha gran potencia rexional e mundial e os seus programas neste e noutros campos enmárcanse nese proxecto de alcance no que insire a posible cooperación con Washington, claramente subordinada á consecución daquel obxectivo. EEUU, pola súa banda, quere seducir a India coa enerxía nuclear para afianzala como un piar máis dunha estratexia global que debe garantir a súa hexemonía planetaria, fragmentando e contendo a influencia doutras potencias da zona.

Nicholas Burns, subsecretario de Estado e xefe negociador con India, tiña previsto desprazarse a este país na segunda quincena de maio, pero o fracaso das consultas sobre os flocos do acordo, frustraron a visita que foi aprazada sine die ante as fortes discrepancias. Quere iso dicir que todo vaia quedar en nada? Probablemente non, pero non vai ser tan doado como algúns imaxinaban.

China ten unha oportunidade se é quen de ofrecer garantías de seguridade a India e establecer amplos marcos de entendemento que pasen páxina da delicada historia común. A pasada semana visitou Beijing o xefe do Estado Maior do exército hindú, Joginder Jaswant Singh, quen foi recibido polo vicepresidente Zeng Qinghong e altas autoridades militares chinesas. A aproximación a India ten moitos valedores na intelectualidade chinesa máis influente e os beneficios xerados pola harmonización de dúas grandes economías que se complementan en numerosos aspectos, poden abrir expectativas a unha alianza civilizatoria que polas súas dimensións aseguraría un impacto global. Pero tamén aquí as diferenzas entre ambos non son de pouco calado.