Intervir ou non intervir

Apartados xeográficos África ARQUIVO
Idiomas Galego

Hai quen pensa que non se debe intervir militarmente en Libia, aínda con autorización da ONU, como din Hugo Chávez, Fidel Castro, Evo Morales, Daniel Ortega e outros. Pero non nos din que propoñen para evitar que un lunático, que tanto respecto lles merece aos ditos, deixe de masacrar aos opoñentes.

Porque estes, ao parecer, son xentes que masivamente piden liberdade, dignidade e mínimos medios de vida. Son xentes non só sometidas a unha feroz tiranía, senón que, ademais, souberon arrepoñerse a ela, sabéndose expostos en todo momento á tortura e á desaparición, porque o sátrapa non ten contas que dar a ninguén.

Os partidarios da non intervención calan, ou procuran mirar de esguello, feito tan importante –que non sucedeu en ningún caso, nin no Iemen, nin en Barhéin, nin en Gaza e outros- como que a axuda e a intervención exterior foi angustiosamente pedida polos opoñentes ao réxime do sátrapa que os masacraba.  

Outra cousa sería que non se cumpra o disposto polo Consello de Seguridade da ONU. Pero, se se cumpre, estamos dentro da legalidade aceptada polos que pertencen a ese organismo. E se esa legalidade non gusta, o que procede é darse de baixa. Dende moi antigo sabemos que “pacta sunt servanda”, pero na súa totalidade, non acolléndonos ao que nos convén e refugando o que non.

E para todos e cada un, aínda que as forzas internacionais teñan máis responsabilidade ca ninguén, xa que a elas lles afecta máis directamente o acordo da ONU, posto que teñen que cumprilo. Confiemos que saiban facelo ben e fielmente e que permitan aos valentes libios liberarse para sempre da tiranía que tantos anos padeceron –e que tan pouco lles importa aos Chávez e compañía..