Irán: a crise de 2017?

Diversos acontecementos previstos para este 2017 colocan a Irán no epicentro da atención estratéxica. Co foco nos comicios presidenciais a celebrarse no país persa o próximo 19 de maio, nos que o actual presidente Hassan Rouhaní busca a súa reelección, o contexto xeopolítico para Teherán afronta múltiples escenarios. Destacan aquí o peso político iraniano na recomposición xeopolítica do Oriente Próximo da posguerra siria, contemporizada pola simultánea e agresiva presión que comeza a exercer a administración de Donald Trump para sepultar, vía Israel, a incipiente apertura cara Teherán herdeira da era Obama. Para contrarrestar as ameazas que dende o exterior afectan a súa seguridade nacional, Irán propulsa a disuasión militar preventiva, vía probas misilísticas. Con todo, esta disuasión vese interpretada en clave electoral, o cal pode presaxiar unha maior radicalización en Teherán propiciada pola política “anti-iraniana” de Trump.

Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Oriente Medio
Palabras chave Irán 2017
Idiomas Galego

Diversos acontecementos previstos para este 2017 colocan a Irán no epicentro da atención estratéxica. Co foco nos comicios presidenciais a celebrarse no país persa o próximo 19 de maio, nos que o actual presidente Hassan Rouhaní busca a súa reelección, o contexto xeopolítico para Teherán afronta múltiples escenarios. Destacan aquí o peso político iraniano na recomposición xeopolítica do Oriente Próximo da posguerra siria, contemporizada pola simultánea e agresiva presión que comeza a exercer a administración de Donald Trump para sepultar, vía Israel, a incipiente apertura cara Teherán herdeira da era Obama. Para contrarrestar as ameazas que dende o exterior afectan a súa seguridade nacional, Irán propulsa a disuasión militar preventiva, vía probas misilísticas. Con todo, esta disuasión vese interpretada en clave electoral, o cal pode presaxiar unha maior radicalización en Teherán propiciada pola política “anti-iraniana” de Trump.

Compre observar con atención en qué medida Teherán ocupará un lugar preponderante na axenda internacional durante este ano. A polémica orde executiva de Trump (28 de xaneiro) de incluír a Irán na lista de sete países musulmáns impedidos de ingresar en EUA, medida actualmente en suspenso debido a un ditame xudicial, confirma a intención da nova administración na Casa Branca de resucitar a “Doutrina Bush”, revitalizando así o polémico “eixe do mal” que identifica a Teherán como presunto “berce financeiro e loxístico do terrorismo internacional”.

O clan “anti-iraniano” de Trump

Esta perspectiva está asentada e cada vez mais difundida entre altos cargos da actual administración na Casa Branca. Destacan aquí o recentemente defenestrado xeneral Michael T. Flynn, ata agora ex asesor de seguridade nacional trala súa súbita dimisión (13 de febreiro) polo escándalo das súas presuntas conexións rusas.

Flynn avogaba por unha maior cooperación “anti-terrorista” con Moscova, con claros matices de procrear unha política disuasiva orientada a illar a Teherán. Neste sentido, ten realizado declaracións de enorme agresividade, considerando que EUA está “en guerra” contra unha “coalición” entre as que se inclúen países como Corea do Norte, Irán, Siria e Venezuela, entre outros.

Trala saída de Flynn do goberno de Trump, o actor clave “anti-iraniano” nesta administración vaise decantando no actual secretario de Defensa James Mattis. Con experiencia militar en Afganistán e Iraq, Mattis cualifica sen ambigüidades a Teherán como “o factor de inestabilidade en Oriente Próximo”, interpretando que a política iraniana na rexión eríxese como presunto catalizador de desestabilización, a tenor das súas conexións con movementos islamitas, en especial o libanés Hizbulá.

A intolerante posición “anti-iraniana” da administración Trump avanza con firmeza, desestimando o feito de que Teherán é igualmente un actor con peso diplomático na rexión. Irán non só avala as Conversacións de paz para Siria iniciadas en xaneiro pasado en Astaná (Kazajstán) baixo auspicio ruso senón que ten xogado un papel esencial na cooperación con Washington, especialmente durante a era Obama, na contención do xihadismo integrista dos Talibáns e de Al Qaeda en Afganistán e Paquistán, e do Estado Islámico entre Siria e Iraq.

A presión política e diplomática contra Teherán impulsada dende Washington intensificouse trala proba misilística iraniana do pasado 30 de xaneiro, co lanzamento dun mísil de alcance medio Khorramshahr, que alcanzou os 1.000 quilómetros. Flynn acusou entón a Teherán de violar a resolución 2.231 do Consello de Seguridade da ONU (2015), da que Irán discute a súa validez. En sentido estrito, Teherán non violou esta resolución por non incluír compoñentes nucleares nos seus lanzamentos de mísiles. Con todo, a resolución insta a Teherán a tentar evitar estas manobras militares.

Días despois, o Departamento do Tesouro estadounidense incluíu sancións contra 25 altos cargos iranianos, a maior parte deles vinculados ao poderoso Corpo dos Gardiáns da Revolución Iraniana (CGRI), o corpo de carácter pretoriano detentor do programa nuclear iraniano.

Como resposta, a comezos de febreiro, milicias das Pasdarán, o corpo paramilitar predominante na CGRI e detentor do control do programa nuclear iraniano, adiantou manobras de guerra cibernética na provincia de Semnan, ao norte iraniano próximo ao Mar Caspio(1).

Israel como xendarme

Estas probas militares persuadiron a Trump a acelerar a celebración da súa primeira xuntanza oficial co primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu o pasado 15 de febreiro(2). Se ben enfocada na busca dunha posición común sobre o conflito palestino-israelí, a xuntanza de Trump con Netanyahu tivo outro eixe mais estratéxico: concretar un escudo “anti-iraniano” en Oriente Próximo.

Netanyahu chegaba a Washington tras aprobarse en Tel Aviv a Lei de Regularización de Asentamentos, un aspecto que coloca aos colonos israelís de Cisxordania como os actores clave dentro da nova axenda política que agarda impulsar o primeiro ministro.

Avaliado polo apoio de Trump e a súa negativa de aceptar unha solución de dous Estados en Palestina, Netanyahu quixo aproveitar un momento histórico para asegurar os seus plans: no 2017 cúmprese o 50º aniversario da Guerra dos Seis Días (1967), na que Israel iniciou a colonización do territorio palestino de Cisxordania.

Con todo, o interese do cumio Trump-Netanyahu tivo un factor estratéxico clave: Irán. E para iso, o primeiro ministro israelí asegurou ao mandatario estadounidense que Tel Aviv ven fomentando unha especie de “eixe sunnita” temeroso de Teherán e condicionado a buscar alternativas de contención.

Ao asegurarlle a Trump que “por primeira vez na historia do meu país, os países árabes non ven a Israel como un inimigo senón cada vez mais como un aliado”, Netanyahu certificaba os contactos do seu goberno con Arabia Saudita e Catar, así como a tácita posición de Exipto e Xordania (os únicos Estados árabes que recoñecen a Israel, ao marxe da Autoridade Nacional Palestina) para afianzar novas alianzas xeopolíticas en Oriente Próximo cun claro obxectivo: a contención de Teherán.

Os dilemas de Putin

O labirinto de actores e de intereses que se moven en Oriente Próximo contemporizados polo conflito sirio así como as expectativas causadas pola visión de Trump, particularmente no referente a Irán, complican un panorama rexional de por si fragmentado. Estas complicacións acrecéntanse para algúns actores clave, como é o caso de Rusia.

A eventual configuración dun eixe euroasiático entre Moscova e Ankara ten obvias repercusións no conflito sirio, así como na súa alianza conxuntural con Teherán. O presidente ruso Vladimir Putin e o seu homólogo turco Recep Tayyip Erdogan manteñen imperativos estratéxicos similares nas súas relacións con dous países fortemente enfrontados como EUA e Irán.

Do mesmo xeito, e a fin de asegurar os seus intereses estratéxicos principalmente dentro do conflito sirio, Putin e Erdogan adoptaron respectivamente políticas de prudente achegamento con Israel, basicamente para establecer un novo status quo no que Tel Aviv non se sentira excesivamente ameazado.  

Pero as repercusións da cada vez mais agresiva política de Washington cara Teherán terá unha incidencia particular nas expectativas de Putin por configurar un novo establishment en Oriente Próximo. E aquí a dinámica da realpolitik pode alterar (ou non) os imperativos estratéxicos rusos, principalmente cara Teherán.

Fortalecido polo apoio iraniano na súa política en Siria, Putin observa a Teherán como un aliado preventivamente circunstancial, unha especie de tenaza á hora de conter ao “eixe sunnita”(3), basicamente liderado por Arabia Saudita e Catar. Precisamente ese eixe sunnita que Israel ven cortexando recentemente, co obvio obxectivo de illar a Irán.

O temor ruso de expansión do xihadismo integrista entre as comunidades musulmáns no Cáucaso ruso e Asia Central persuade a Putin a fomentar lazos de cooperación con Teherán, alén dos investimentos económicos dentro do florecente sector enerxético e de infraestruturas iraniano, beneficiado polo acordo nuclear con Occidente. Ambos factores explican porqué Putin busca ampliar cara Irán o seu presumible eixe euroasiático con Turquía, fortalecido durante a reconciliación con Erdogan establecida a partir de agosto de 2016.

Non obstante, a renovación da alianza con Israel impulsada por Trump pode provocar severas fendas nesta relación ruso-iraniana, especialmente ante as expectativas de achegamento de Trump a Putin. Con todo, non se descarta posibles complicacións nesas expectativas de relación entre Washington e Moscova a tenor do actual escándalo do presunto espionaxe ruso en EUA que xa cobrou a primeira vítima política (Flynn) dentro da administración Trump.  

Este escenario coloca a Putin no centro das expectativas sobre cómo moderar as súas estratéxicas relacións con Irán e incluso China nun contexto de tensión e agresividade impulsada polo seu presumible “aliado” Trump(4). Este contexto estará intimamente determinado polo escándalo da presunta inherencia rusa na política estadounidense, que poden provocar maiores incidentes visiblemente fomentados dende diversos sectores (Pentágono) preocupados polas expectativas de distensión entre Trump e Putin.

Paralelamente, o previsible fortalecemento da alianza entre EUA e Israel alterará radicalmente a xeopolítica de Oriente Próximo, particularmente pola evidente concreción dun “muro de contención” ante o estratéxico peso político iraniano. Estas expectativas influirán igualmente no proceso electoral iraniano a celebrarse en maio próximo.

Radicalización en Teherán?

Este contexto de dificultades inaugurado coa era Trump terá igualmente un eixe de definición dentro da política interna iraniana neste decisivo ano electoral. O pasamento do aiatolá e ex presidente Alí Akbar Hashemi Rafsanjani o pasado 8 de xaneiro exerce unha non menos relevante influencia nos pulsos políticos internos.

O poder político e empresarial de Rafsanjani (a quen tamén se lle acusaba de  enriquecemento ilícito e corrupción) incrementábase co seu peso dentro da estrutura teocrática predominante no sistema político iraniano. Alzábase, por tanto, como unha figura clave dentro do pulso establecidos nos recentes anos entre reformistas, con Rouhaní á cabeza, e a “liña dura” liderada polo gran aiatolá Alí Jamenei e a CGRI(5).

Por tanto, o pasamento de Rafsanjani altera sensiblemente o equilibrio político existente en Teherán, factor que pode contrariar as pretensións de Rouhaní de acadar un novo mandato, a favor dos obxectivos de Jamenei por fortalecer unha candidatura afín á “liña dura”. E aquí volve a erixirse un candidato clave: o alcalde de Teherán, Mohammed Baker Qalibar, ex xefe da policía, comandante da CGRI e rival electoral de Rouhaní nos pasados comicios presidenciais (2013).

A cada vez mais agresiva política de Trump cara Irán moi probablemente pode repercutir nunha radicalización do contexto político iraniano, con evidentes complicacións para as aspiracións de reelección do reformista Rouhaní. Toda vez, o propio presidente iraniano pode verse persuadido a adoptar unha posición exterior cada vez mais “dura” e radical(6), a fin de non ver preocupante desafiada a súa aspiración de reelección ata 2021.

Neste sentido, a “liña dura” imperante en Washington pode propiciar un efecto colateral pero directamente proporcional no fortalecemento da “liña dura” en Teherán vía candidatura de Qalibar, contando co beneplácito do aiatolá Jamenei e da CGRI. Por tanto, unha eventual derrota de Rouhaní serviría igualmente para certificar a sepultura progresiva da herdanza aperturista de Obama.

Con todo, o peso decisivo da política iraniana segue a manterse nas mans do aiatolá Jamenei como epicentro dunha serie de pulsos e de equilibrios internos que poden presaxiar unha maior preponderancia da “liña dura” militarista de cara ás próximas eleccións(7).

Nunha recente intervención realizada na localidade de Tabriz, ao norte de Irán, Jameni instou á “unidade inalterable” da sociedade iraniana ante as expectativas de “reconciliación nacional” impulsadas polos reformistas(8). Unha declaración en clave electoral orientada a propiciar unha candidatura “forte e unitaria” ante as ameazas exteriores, vía Trump e Israel.

Un factor colateral: Venezuela

A presión indirecta de Trump cara Irán tamén alcanza outras latitudes de carácter colateral. A recente decisión do Departamento do Tesouro estadounidense (13 de febreiro) de activar sancións diplomáticas contra o actual vicepresidente venezolano Tareck El Aissami e outros cargos venezolanos por presuntos vínculos co narcotráfico, ten unha variable moito mais ampliada que apunta indirectamente a Teherán.

De orixe sirio-libanés, El Aissami ten sido acusado dende EUA e Israel como un presunto intermediario favorable a Irán en América Latina, particularmente a través das súas conexións financeiras e políticas co movemento islamita libanés Hizbulá. Por lazos familiares a través da comunidade drusa, diversas fontes vinculan a El Aissami con sectores co réxime de Bashar al Asad e incluso de Saddam Hussein en Iraq(9).

Entre esas acusacións destacan a presunta activación de pasaportes venezolanos para cidadáns iranianos presuntamente pertencentes ao CGRI e de libaneses afiliados ao Hizbulá durante os tempos en que El Aissami exerceu como ministro de Prevención e de Seguridade Cidadá (2007-2008) e posteriormente como ministro de Interior e Xustiza (2008-2012).

A presión de Washington cara El Aissami e por conseguinte contra o goberno de Nicolás Maduro previsiblemente se intensificará nos próximos meses, alterando a aparente posición de distanciamento que se prevía ía instaurar Trump co respecto a Venezuela(10). E nesta presión contra Venezuela pode erixirse outro nome dentro do equipo de Trump: o ex marine e xeneral retirado John Kelly, actualmente ao fronte do Departamento de Seguridade Nacional. Con anterioridade, Kelly dirixiu o Comando Sur das Forzas Armadas de EUA entre 2012 e 2016.

Considerado un “falcón” do Pentágono con experiencia militar en Iraq, Kelly ten dúas obsesións: terrorismo e narcotráfico. Precisamente as dúas acusacións que actualmente se verten cara El Aissami, implicando así a Teherán neste perigoso cóctel. A comezos de 2016, Kelly realizou unhas polémicas declaracións á cadea CNN na que estimou a súa preocupación pola “crise humanitaria en Venezuela”. Entón ao fronte do Comando Sur, Kelly asegurou que “se a ONU e á OEA o pediran, el estaría disposto a intervir sobre territorio venezolano”.

A advertencia contra Venezuela cobra maior impacto agora que Kelly está ao fronte do Departamento de Seguridade Nacional, tendo igualmente unha nítida repercusión e influencia favorable aos plans do “clan anti-iraniano” actualmente establecido na Casa Branca.

 

 

 



(1) “Misiles balísticos, amenaza creciente”. Informe Semanal de Política Exterior, Nº 1.022, 13 de febreiro de 2017, páxina 4.

(2) Non era a primeira vez que Trump e Netanyahu víanse as caras. Durante a campaña electoral estadounidense, o pasado 26 de setembro de 2016, Trump recibiu a Netanyahu na Trump Tower de Nova York. Durante ese encontro, Trump prometeu a Netanyahu que de alcanzar a presidencia, recoñecería a Xerusalén como a “lexítima capital” do Estado de Israel.

(7) ARMANIAN, Nazanin, “Os desafíos das eleccións presidenciais de Irán 2017” en IGADI Annual Report 2016-2017, pp. 26-28. Ver en: http://www.igadi.org/web/sites/all/arquivos/igadi_annual_report_20162017.pdf

(10) O pasado 15 de febreiro, Trump recibiu na Casa Branca a Lilian Tintori, esposa de Leopoldo López, considerado o preso político venezolano mais emblemático. En prisión desde febreiro de 2014, López foi sentenciado a catorce anos de prisión por rebelión e ameazas ao orde público. Durante a visita de Tintori, Trump pediu abertamente a liberación de López. Con anterioridade xa expresara a súa preocupación pola crise venezolana en sendas conversas telefónicas cos presidentes de Colombia, Juan Manuel Santos, e de Arxentina, Mauricio Macri, aspectos que auguran unha posible concreción de movementos diplomáticos e políticos hemisféricos de presión cara Maduro. Na visita de Tintori estivo presente o senador republicano cubano-estadounidense Marco Rubio, artífice das sancións contra altos funcionarios venezolanos establecidos desde 2015 por presunta vinculación co narcotráfico e violacións de dereitos humanos. Rubio tamén é peza clave nas acusacións que levaron ás recentes sancións de Washington contra o vicepresidente venezolano El Aissami.