20031211visita khatami wcc

Irán: a próxima guerra de Washington?

 Clic para aumentar
O péndulo do poder en Irán trocou en contra dos intereses estadounidenses e israelís. As controvertidas eleccións lexislativas de febreiro pasado revelaron o reforzamento do poder dos "ayatollahs", en contra dos "reformistas" de Mohammed Jatamí, aparcando momentaneamente a pugna que polarizou á sociedade iraní nos derradeiros anos. Isto permitiu a disponibilidade do réxime iraní para acelerar o programa nuclear e reforzalo tradicional sentimento nacionalista entre a poboación, para facer fronte ás presións occidentais, así como sepultar as aspiracións dos reformistas. (Foto: Mohammed Jatamí no World Council of Churches (WCC), 11/12/2003).
 

O goberno de Teherán anunciou que seguirá adiante co seu programa de enriquecemento de uranio, paso previo para a obtención de armamento nuclear, a pesar das presións de EEUU e Europa a través da Axencia Internacional de Enerxía Atómica e a ONU. Deste xeito, un novo escenario de conflicto podería estar xurdindo en Oriente Medio, engadido ao caos en Iraq e a traxedia palestino-israelí. A pesar do anuncio iraní de utilizar a enerxía atómica para fins civís, a posible emerxencia deste país como potencia nuclear e con aspiracións xeopolíticas desde Asia Central ata Oriente Medio, crea temor en EEUU e Israel, esta última a única potencia nuclear na rexión. Ademais, un Irán "atómico" contribuiría a desnivelar a balanza nuclear no mundo.

Dende o fin da guerra en Iraq, o fiasco do programa nuclear iraquí e a convulsión interna neste país, a crise nuclear iraní xurde agora como un reto aparentemente insoluble para Washington e Tel Aviv. Trala caída do réxime de Saddam Hussein en Bagdad, a Administración Bush xa ameazara a Teherán cunha acción militar se non abandonaba o seu programa nuclear. Probablemente, este escenario podería corresponder á nova política rexional de Bush, plasmado no futuro plan do "Gran Oriente Medio", co que desexa aplacar aos seus inimigos tradicionais e expandir a democracia occidental na rexión. Pero a realidade amosa un escenario distinto.

Primeiro, o péndulo do poder en Irán trocou en contra dos intereses estadounidenses e israelís. As controvertidas eleccións lexislativas de febreiro pasado revelaron o reforzamento do poder dos "ayatollahs", en contra dos "reformistas" de Mohammed Jatamí, aparcando momentaneamente a pugna que polarizou á sociedade iraní nos derradeiros anos. Isto permitiu a disponibilidade do réxime iraní para acelerar o programa nuclear e reforzalo tradicional sentimento nacionalista entre a poboación, para facer fronte ás presións occidentais, así como sepultar as aspiracións dos reformistas. En Occidente non tardaron en darse conta do súbito troco no balance de poder en Teherán. EEUU considerou como "mal menor" abrir canles de diálogo non oficiais cos ayatolláhs, co obxectivo de contribuir á pacificación do veciño Iraq. En Francia, suspendeuse polo momento a axuda aos milicianos dos Muyahidins do Pobo, a oposición armada iraní no exilio.

Segundo, a crise iraquí revelou a incapacidade de Washington de formar un goberno estable sen a participación directa de Teherán, a través das súas poderosas influencias na maioritaria comunidade xiíta. O pulso de poder entre o ayatollah Alí Sistani, o rebelde Muqtada al Sadr e a insurxencia xiíta nas cidades de Nayaf e Karbala contra as tropas anglo-norteamericanas e o posterior "alto ao fogo", tivo nas dilixencias do réxime de Teherán un factor máis decisivo que o impulsado desde Bagdad e Washington. Polo tanto, presionar a Irán no seu programa nuclear mentres necesitaba a súa participación indirecta nos asuntos iraquíes, semellaba unha política feble e ambigua para Washington.

Terceiro, dende o 11/S e as guerras en Afganistán e Iraq, Irán síntese máis illado e acosado polo poderío militar estadounidense e dos seus aliados, que bordean as súas fronteiras desde Asia Central ata Oriente Medio e o Golfo Pérsico. Polo tanto, para Teherán resultaba imperativo afondar no seu programa nuclear para garanti-la independencia e a seguridade nacional. Non é só a presenza militar do "Gran Satán" estadounidense o que preocupa aos ayatolláhs iranís, senón a disuasión nuclear doutras potencias como Paquistán, India e Israel, este último non asinante (a diferencia dos outros dous mais Irán) do Tratado de Non Proliferación Nuclear. Do mesmo xeito, a cercanía de Turquía e Arabia Saudita, aliados occidentais con presenza de tropas estadounidenses, tamén determinaron a actitude iraní.

A inestabilidade en Afganistán e Iraq, países onde conviven comunidades de orixe persa e relixión xiíta, afecta directamente os intereses iranís. Ademais, se Irán logra entrar no clube das potencias nucleares, Israel percibiría a ameaza e podería inaugurarse unha etapa de escalada nuclear no Oriente Medio, coa posible participación de Exipto e Arabia Saudita, trastocando o mapa da rexión. En Tel Aviv, o escenario dun Irán reforzado nuclearmente, substituíndo o vacío deixado polo réxime de Saddam, constitúe un perigo constante. O réxime iraní ten vencellos e influencia directa en Siria e, indirectamente, nos asuntos libaneses e nalgúns grupos radicais palestinos. Israel só contaría coa axuda militar e política estadounidense, sen saber todavía en qué rematarán as súas tradicionais relacións militares con Turquía, danadas recentemente polo problema palestino.

Por último, Teherán utiliza con habilidade, pero tamén con alta dose de risco, as diferencias entre EEUU e Europa á hora de afronta-la crise nuclear iraní. Washington é partidario de establecer un ultimato a Irán, levar a crise ao seo do Consello de Seguridade da ONU, ou ben desatar unha nova aventura militar. Francia e Alemaña intentaron mediar para atopar unha solución negociada, pensando tamén nos seus intereses petroleiros e gasíferos. Rusia, principal proveedor do programa nuclear iraní xunto a China e Paquistán, tamén apostou pola política de negociación, co obxectivo de restrinxir a influencia norteamericana na rexión.

Nembargantes, en caso de que a crise desencadene unha nova guerra en Oriente Medio, as posibilidades de éxito para Washington non están garantidas. A potencialidade militar iraní é moi diferente á iraquí, cunha poboación e un territorio mais longo. E a crise petroleira que deixaría un escenario así, nestes momentos cun prezo preto dos $50, complicaría aínda mais os obxectivos norteamericanos.

En novembro deste ano, os electores estadounidenses deberán elixir ao seu mandatario para os próximos catro anos. A guerra de Iraq pende como unha "espada de Damócles" sobre os dous candidatos, George W. Bush e John Kerry. Pero ben podería ser Irán a "dor de cabeza" do futuro inquilino da Casa Branca. ¿Mais leña ao lume?