América do Sur estase convertendo nun escenario estratéxico do pulso xeopolítico entre Irán e Israel. Nun momento clave para definir o futuro do programa nuclear iraniano, o seu presidente Mahmud Ahmadíneyad iniciou o pasado 23 de novembro unha xira por Brasil, Bolivia e Venezuela, coa finalidade de afincar eixes de apoio ao seu programa nuclear no seo do hemisferio occidental, que lle permitan minorar a presión e o illamento exterior.
Uns días antes da xira de Ahmadíneyad, o presidente israelí Shimon Peres vistitou Arxentina e Brasil, onde denunciou o presunto “intervencionismo iraniano” na rexión, con especial referencia á alianza de Teherán co mandatario venezolano Hugo Chávez, a quen incluso atreveuse a prognosticar que lle quedaba “pouco tempo” no poder. Obviamente, a visita de Peres non foi produto da casualidade, senón deseñada como elemento de persuasión á posterior visita de Ahmadíneyad.
Observando estes manexos poderíase considerar que o momento é clave para Irán, sumido nunha ardua negociación nuclear con Occidente ao mesmo tempo que adianta exercicios militares misilísticos. A ollos israelís, Ahmadíneyad necesita afirmar a súa lexitimidade presidencial no exterior, especialmente trala crise postelectoral suscitada a raíz dos comicios presidenciais de xuño pasado, así como ante as acusacións proferidas desde diversos sectores dentro e fóra de Irán de presunto fraude electoral e da posterior represión.
Outra variable que persuade a Teherán a buscar novas alianzas estaría relacionada coa perspectiva do reacomodo de relacións entre Rusia e EEUU, con claras advertencias cara o seu programa nuclear. Velaí que Irán aborde a unha potencia emerxente como Brasil como actor estratéxico de importancia, que complete os eidos de alianza rexionais que mantén desde 2005 con Venezuela, Bolivia, Ecuador e Nicaragua.
Para Israel, a súa presenza en Sudamérica posúe un claro cariz reactivo aos manexos de Teherán na rexión. Trala chegada ao poder do dereitista Benjamín Netanyahu en marzo de 2009, foi prolífica a visita de altos funcionarios israelís a países como Arxentina, Brasil e Colombia, este último considerado un estreito aliado militar de Tel Aviv e que actualmente está sumido nunha arriscada crise militar con Venezuela.
Ademais de por manter vínculos estratéxicos con Chávez, Israel acusa a Irán de alentar os apoios rexionais cara os movementos islamitas libanés Hizbulah e palestino Hamas. Na súa xira, Peres igualmente cualificou a ruta aérea Caracas-Damasco-Teherán, operativa desde 2007, como un claro indicio da “penetración iraniana” e dos vínculos de Chávez con Teherán.
Non obstante, Ahmadíneyad recibiu o apoio de Lula ao seu programa nuclear, precisamente por parte dun país con pretensións de alcanzar unha industria militar e nuclear que potencie a súa proxección global. Ademais dos factores enerxéticos, as posteriores visitas do mandatario iraniano a Bolivia e Venezuela posúen un maior carácter xeopolítico de cara a Tel Aviv e Washington, tomando en conta que Caracas e La Paz cortaron relacións con Israel trala ofensiva militar contra Gaza en xaneiro pasado.
Pero non só Peres e Ahmadíneyad constitúen os únicos líderes de Oriente Próximo que observan a Sudamérica con intereses xeopolíticos. A semana pasada, o presidente da Autoridade Nacional Palestina (ANP), Mahmud Abbas, visitou Brasil exhortando ao seu presidente para que premera a Teherán de retirar o seu apoio a Hamas, rival do partido Al Fatah, gobernante na ANP.
Así, Peres, Abbas e Ahmadíneyad consideran a Brasilia como un interlocutor clave e influínte no xadrez xeopolítico de Oriente Próximo. Non se debe esquecer que Brasil organizou en 2005 o I Cumio entre América do Sur e o Mundo Árabe, un aspecto que reforza aínda máis a súa perspectiva e credibilidade global.