Que o propósito de Irán é acceder a tecnoloxía nuclear non soamente para usos civís, senón tamén militares, é unha sospeita "e case unha certeza" crible. Que esa decisión das autoridades iranianas é consecuencia das ameazas reiteradas "e cribles" da Administración Bush é igualmente certo. Que un país como EEUU carece de nula autoridade, legal e moral, para pedir a outro que non se converta nunha potencia nuclear tamén é unha obviedade. Como tamén que a AIEA compórtase como un vergoñento espantallo encargado de aplicar a política de dúas pesas-dúas medidas en vez de facer respectar o practicamente fenecido Tratado de Non Proliferación. Que se fixo cando India e Paquistán, en maio de 1998, realizaron probas nucleares? Por que daquela só houbo unha mínima retórica sancionadora?
A febre militarista de Irán (que dicir da estadounidense!) non parece ter tregua: probas de novas armas, desfiles, manobras, etc… e unha mensaxe: estamos preparados. Un exército poderoso, unha sociedade coesionada e estable; se alguén pensa en asestar un golpe, farán por devolvelo. E saben onde dar para causar dano: bases militares USA e aliados na rexión, Israel incluído. Iraq volverase totalmente incontrolable e os terrorismos proliferarán. Ese será o noso mundo "máis seguro". Por iso non cabe agardar inminencias e si unha estratexia prolongada de illamento e desgaste que prepare o camiño para a agresión.
As consecuencias dunha acción armada contra Irán poden ser máis graves do que se imaxina e pouco pode resolver. Os riscos estratéxicos son moi elevados. Ata Blair é tan consciente do problema que xa adiantou a Bush que desta vez, se decide actuar pola forza, non lle brindará apoio militar. Na reunión de Moscova da semana pasada non houbo acordo, por mor das resistencias chinesa e rusa a secundar a proposta de EEUU, o país de maior poder nuclear do mundo e que aínda quer reforzar máis; o mesmo que, por intereses comerciais e estratéxicos, non dubida en chegar a acordos nesta materia cun Estado como a India, transgresor consumado do Tratado de Non Proliferación.
A dinámica de ameazas de Washington e as demostracións de forza de Teherán son expresións dun mesmo despropósito. Os que reclaman a democracia como mellor forma de goberno non poden recorrer á forza armada para destruír os réximes que non son do seu agrado porque dificultan os seus "benévolos" plans. E sen lugar a dúbidas, en Oriente Medio, a democratización debía comezar pola desnuclearización… de Israel.