No caso dunha saída urxente de Iraq, EEUU arríscase a un novo fracaso: nin Siria nin Irán van regalar a súa axuda. Pois vanlle poñer prezo esixindo que desaparezan para sempre da lista de países do "eixo do mal", Irán quererá garantías para seguir co seu programa nuclear e Siria os Altos do Golán e cooperación comercial.
Os dous van esixir que EEUU recoñeza o seu absoluto fracaso militar en Iraq. Irán, sobre todo, non ten présa: sabe que ter as tropas invasoras en Iraq é a mellor garantía para, no suposto dun ataque ás súas instalacións nucleares, responder con toda a contundencia que lle sexa posible.
Despois de crear tantas dificultades a eses dous países, EEUU precisa agora da súa axuda para retirarse con certa dignidade. Ao custe militar e económico pode sumarse aínda un custe político de insospeitadas proporcións polas esixencias que van poñer sobre a mesa aqueles dous países con tanta influencia no país veciño. Destruír calquera o fai, pero para construír ao menos cómpre ter ideas.