20060114mahmud ahmadineyad

Irán: hora cero?

 Mahmud Ahmadíneyad, clic para aumentar
O problema para Washington o constitúe unha realidade non exactamente favorable: o cada vez maior peso xeopolítico de Irán resulta ser un condicionante para calquera acción punitiva e unilateral por parte do goberno de Bush. Non só é Iraq, senón que o réxime dos aitolláhs exerce influencia nos asuntos sirios, libaneses e palestinos. Unha estratexia de acoso ou un ataque directo podería prexudicar a Washington no tratamento dun país que, aínda sexa considerado "inimigo", pode ter a clave na resolución de determinados problemas en Oriente Medio. Isto condiciona que, a curto prazo, sexa pouco probable un ataque militar. (Foto: Mahmud Ahmadíneyad, durante unha conferencia de prensa en Teherán).
 

Sería posible un ataque militar anglo-estadounidense a Irán? Para o recoñecido analista norteamericano Seymour Martin Hersh, quen fora o primeiro en publicar (a comezos de 2005), os plans de ataque do presidente George W. Bush contra do réxime dos aiatolláhs iranianos, existe unha traballada estratexia entre Washington e Londres para coordinar ataques selectivos contra das instalacións nucleares iranianas. Un documento militar británico, filtrado á prensa, apunta á mesma dirección. Mais, aínda falta a discusión do programa nuclear iraniano no Consello de Seguridade da ONU.

Por outra banda, o presidente iraniano, Mahmud Ahmadíneyad, intensificou o seu discurso antioccidental e antiisraelí, durante un acto de solidariedade con Palestina. Advertiu das "serias consecuencias" dun ataque occidental ao programa nuclear do seu país. Outras fontes, que proveñen de Teherán, manifestan que grupos radicais vencellados aos Gardiáns da Revolución (corpo de elite militar do país persa) estarían dispostos a cometer "ataques contra intereses occidentais". O ex presidente iraniano, Mohamed Khatami, declarou a mediados de marzo que EEUU e Gran Bretaña estaban a preparar un ataque militar contra do seu país "para o primeiro trimestre do 2007".

Por tanto, haberá, con certeza, unha guerra contra Irán? Polo de agora, tan só se observan as notorias irritacións diplomáticas, enmarcadas dentro das negociacións entre Irán, EEUU, Rusia, a Axencia Internacional de Enerxía Atómica, a ONU e a "troika" europea, conformada por Alemaña, Francia e Gran Bretaña. Non hai que restarlle importancia a retórica, que presenta un elevado nivel de crispación en distintos niveis. Quizais para reforzar a imaxe de fortaleza, o presidente Ahmadíneyad xa anunciou que o seu país posúe o uranio enriquecido, requisito indispensable para intensificar un programa nuclear que Teherán sempre insiste en asegurar que vai ter "obxectivos pacíficos".

O goberno de Bush mantén a piñón fixo, a súa tese da "guerra preventiva" contra un réxime considerado como unha parte formal do seu particular "eixe do mal". En Washington, mergullado nunha crise interior no seu estamento militar diante voces discordantes sobre a guerra de Iraq, medran tamén as demandas dunha posible ofensiva militar contra Irán.

Pero tamén existen outros escenarios posibles. A pesares da súa inicial posición pro-occidental, Rusia tenta equilibrar a balanza, xa que posúe intereses directos no programa nuclear iraniano (desde 1995, Moscova é o principal avaliador deste programa). China, outro actor, de momento secundario, camiña a carón da posición rusa, mais ao tempo terma dos seus intereses enerxéticos en Irán. A relación transatlántica, magoada durante a guerra de Iraq en 2003, semella formalmente cohesionada no caso do "dossier iraniano". Por tanto, Teherán tenta reforzar a estratexia de división, procurando gañar tempo para finalizar o seu programa.

EEUU ten unha ambigua posición a dúas bandas. Washington afoga ao réxime iraniano mais, ao tempo, activa canles indirectos de negociación, principalmente diante caótica situación en Iraq e a poderosa influencia que Irán posúe na comunidade xiíta iraquí. Velaí que na Casa Branca calculen detalladamente todos os escenarios posibles para albiscar, con exactitude, se resulta factible e beneficioso un ataque militar a Irán.

O problema para Washington é que a realidade non é exactamente favorable. Cada vez se constata un maior peso xeopolítico de Irán, o que resulta ser un condicionante para calquera acción punitiva, unilateral por parte do goberno de Bush. Non só é Iraq, senón que o réxime dos aitolláhs exerce influencia nos asuntos sirios, libaneses e palestinos. Unha estratexia de acoso ou un ataque directo podería prexudicar a Washington no tratamento dun país que, aínda sexa considerado "inimigo", pode ter a clave na resolución de determinados problemas en Oriente Medio. Esta circunstancia inflúe no feito de que, a curto prazo, sexa pouco probable un ataque militar.

Do mesmo xeito, tampouco se sabe se tería éxito unha posible acción militar contra das instalacións nucleares iranianas, tendo en conta que están agachadas e esparexidas polo seu territorio. Tras do "bluff" do programa nuclear de Iraq, un novo escándalo con respecto a Irán afondaría a habitual falta de credibilidade da administración Bush.

O " asunto iraniano" revela tamén a falta de equidade no tratamento da proliferación nuclear. Paquistán, India e Israel, outras potencias nucleares e aliados estratéxicos occidentais, non corren o mesmo perigo de ser acosados e atacados. Namentres, o petróleo sube, a $72 o barril, presaxiando unha posible crise enerxética. Con guerra ou sen ela, a crise xa chegou para quedarse.