Especial Irán 2026: Nota de coxuntura Internacional 6
Imaxe de Explosive media

Irán, Ormuz e o desgaste do poder estadounidense

Mentres Washington oscila entre ameazas maximalistas, pausas tácticas e anuncios contraditorios sobre o fin da guerra, Irán conseguiu transformar unha posición de aparente debilidade nunha estratexia de resistencia prolongada. Lonxe de producir o colapso esperado, o conflito revelou tanto a capacidade de adaptación iraniana como os límites dunha política estadounidense cada vez máis errática e subordinada a cálculos internos. Neste escenario, o estreito de Ormuz xa non representa unicamente unha vía enerxética estratéxica, senón unha ferramenta de presión política e simbólica nunha guerra onde non só se disputan territorios ou capacidades militares, senón tamén o control do relato, a percepción global do conflito e a redefinición da orde rexional.
Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Oriente Medio

Durante anos, boa parte da narrativa occidental sobre Irán construíuse sobre unha idea aparentemente simple: un réxime illado, economicamente asfixiado e sostido unicamente pola represión interna acabaría colapsando se era sometido a suficiente presión militar e financeira. A guerra aberta impulsada por Estados Unidos e Israel parecía deseñada precisamente baixo esa lóxica. Porén, máis de dous meses despois, o escenario é moi distinto ao imaxinado por Washington e Tel Aviv.

O réxime iraniano non caeu. Non capitulou. Tampouco perdeu completamente a súa capacidade de resposta militar nin a súa influencia rexional. Pola contra, logrou adaptarse rapidamente a unha guerra que, lonxe de resolverse mediante unha vitoria relampo, derivou nun conflito de desgaste onde a principal fortaleza iraniana non é a superioridade militar convencional, senón a súa capacidade para manter a incerteza.

Aí reside un dos principais erros estratéxicos da administración de Donald Trump: ter interpretado o conflito desde parámetros clásicos de supremacía militar, subestimando a lóxica asimétrica construída por Irán durante décadas. Teherán entendeu hai tempo que xamais podería competir coa capacidade aérea estadounidense ou israelí. Por iso desenvolveu outra doutrina: drons, mísiles, lanchas rápidas, operacións ambiguas e redes rexionais de aliados capaces de ampliar o conflito sen necesidade de enfrontamentos frontais permanentes.

Irán non precisa gañar militarmente para evitar perder politicamente. Esa parece ser hoxe a lóxica central do conflito. O analista iraniano Hamidreza Azizi defíneo como unha estratexia de “nin guerra nin paz”: evitar tanto a confrontación total como unha desescalada que poida interpretarse como rendición. O obxectivo non é destruír a Estados Unidos ou a Israel, senón elevar permanentemente os custos políticos, económicos e estratéxicos da confrontación.

Neste contexto, o estreito de Ormuz deixou de ser unicamente unha vía marítima para converterse na principal baza de presión iraniana. Paradoxalmente, non foi Irán quen primeiro alterou a normalidade do estreito, senón a ofensiva militar conxunta de Estados Unidos e Israel, que abriu unha nova fase de militarización rexional. A posterior resposta iraniana transformou Ormuz nun espazo de vulnerabilidade permanente para o sistema enerxético global.

Pero quizais o aspecto máis interesante desta guerra non sexa unicamente militar, senón narrativo. Mentres Washington mantén un discurso grandilocuente e errático, Irán demostrou unha sorprendente capacidade de adaptación comunicativa. Durante as primeiras semanas proliferaron vídeos satíricos e montaxes tipo Lego ridiculizando a Trump, Benjamin Netanyahu e ao secretario de Defensa estadounidense. Máis tarde, a narrativa evolucionou cara a mensaxes dirixidas directamente á sociedade norteamericana, apelando mesmo á Constitución estadounidense e diferenciando entre o pobo e os seus dirixentes políticos. Detrás desta estratexia existe tamén unha batalla polo control do relato: quen consegue impoñer internacionalmente a imaxe de vítima, agresor, resistencia ou lexitimidade. Irán entendeu que a guerra contemporánea non se libra unicamente no terreo militar, senón tamén nas redes sociais, plataformas dixitais e percepcións globais.

Mentres tanto, a propia credibilidade de Trump erosiónase aceleradamente. As súas ameazas de destruír a “civilización persa”, os seus ultimatos prorrogados e os seus posteriores retrocesos alimentaron mesmo un acrónimo convertido en meme político: TACO, “Trump Always Chickens Out”. A recente conxelación do chamado “Project Freedom”, anunciado inicialmente como unha operación decisiva para garantir a libre navegación en Ormuz, reforzou esa percepción de volatilidade e improvisación estratéxica.

O contraste é evidente: nesta crise, o actor que aparece como máis imprevisible xa non é Irán, senón Estados Unidos. Washington oscila entre ameazas maximalistas, pausas tácticas, anuncios contraditorios e declaracións de vitoria prematura. Marco Rubio chegou mesmo a afirmar que “a guerra rematou”, xusto cando continúan os incidentes marítimos, os ataques indirectos e a tensión rexional. Detrás destas declaracións tamén pesa a política interna estadounidense: o prazo de sesenta días que permite ao presidente manter operacións militares sen autorización explícita do Congreso xa expirou, e a Casa Branca precisa gañar tempo político evitando recoñecer unha guerra aberta prolongada.

Todo isto ocorre, ademais, nun contexto internacional moito máis fragmentado que o de hai dúas décadas. O multilateralismo xa viña debilitado desde o primeiro mandato de Trump, pero esta guerra acelera aínda máis esa erosión. “America First” nunca significou menos intervencionismo; significou un intervencionismo subordinado exclusivamente ao interese estadounidense, mesmo a costa de deteriorar alianzas e organismos internacionais.

A guerra tamén deixou profundamente erosionada a arquitectura de seguridade do Golfo, historicamente dependente do paraugas militar estadounidense. Durante décadas, as monarquías do Consello de Cooperación do Golfo asumiron que Washington garantiría a estabilidade rexional fronte a ameazas externas. Porén, o desenvolvemento do conflito con Irán introduciu dúbidas crecente sobre a fiabilidade desa protección. Nas capitais do Golfo comeza a consolidarse a percepción de que Estados Unidos priorizou esencialmente a seguridade de Israel, mesmo a costa de expoñer aos seus aliados árabes á represalia iraniana e a unha escalada rexional prolongada. A saída confirmada de Emiratos Árabes Unidos da OPEP reflicte tamén esa fragmentación progresiva dun bloque que durante décadas actuou con relativa cohesión enerxética e estratéxica. A medio prazo, esta crise probablemente obrigará a actores como Arabia Saudita, Kuwait, Qatar ou o sultanato de Omán a revisar as súas doutrinas de seguridade e explorar mecanismos máis diversificados de protección e mediación.

Non resulta casual que, xunto ao desgaste progresivo da influencia estadounidense, comecen a gañar visibilidade actores intermedios e mediadores rexionais que ata hai poucos anos ocupaban posicións moito máis periféricas no taboleiro xeopolítico. Países como Paquistán comezan a proxectar un protagonismo diplomático e estratéxico crecente en Oriente Medio, mentres China consolida silenciosamente a súa influencia económica e enerxética na rexión. Neste contexto, a visita anticipada do ministro iraniano Abbas Araghchi a Pequín antes da viaxe de Trump adquire un significado especialmente revelador. Máis que un simple xesto diplomático, parece responder a un intento de Teherán de coordinar posicións con China antes de calquera redefinición estadounidense do conflito e evitar que Washington utilice posteriormente o seu diálogo con Pequín para lexitimar novas presións ou eventuais accións ofensivas contra Irán. Unha vez máis, a dirixencia iraniana demostra unha estratexia calculada orientada non só ao terreo militar, senón tamén ao diplomático e narrativo.

Máis alá do desenlace inmediato, o conflito parece acelerar a transición cara a unha orde internacional máis fragmentada, onde as potencias tradicionais conservan capacidade militar, pero perden progresivamente capacidade de control político e de impor marcos estables de gobernanza.

A gran conclusión é incómoda para Washington: non existe unha solución militar sinxela para un problema profundamente político. A guerra non destruíu o sistema iraniano; acelerou a transformación dunha orde rexional onde o poder xa non se mide unicamente pola capacidade militar, senón tamén pola resiliencia, a narrativa e a capacidade de xerar incerteza estratéxica.

Accede ao conxunto da serie desde a ficha da autora