Mara Ríos é estudante de Dereito en prácticas no IGADI (UAM)

Irán: só xiítas e persas?

A República Islámica de Irán segue a ser, coma na antiga Persia, un crisol de etnias. Os seus 80 millóns de habitantes responden a diferentes identidades que, a pesar da relativa liberdade prometida trala caída do Sha Reza Pahleví e a chegada da Revolución en 1979 da man do aiatolá Ruhollah Jomeini, seguen a vivir baixo a discriminación e a desigualdade. Cómpre por tanto ter en conta os conflitos de carácter étnico e relixioso no marco legal e constitucional iraniano.

Apartados xeográficos Oriente Medio
Idiomas Galego

A República Islámica de Irán segue a ser, coma na antiga Persia, un crisol de etnias. Os seus 80 millóns de habitantes responden a diferentes identidades que, a pesar da relativa liberdade prometida trala caída do Sha Reza Pahleví e a chegada da Revolución en 1979 da man do aiatolá Ruhollah Jomeini, seguen a vivir baixo a discriminación e a desigualdade. Cómpre por tanto ter en conta os conflitos de carácter étnico e relixioso no marco legal e constitucional iraniano.

Irán sitúase nunha rexión de Oriente Medio fronteiriza con diversos países: Iraq, Turquía, Armenia, Acerbaixán, Paquistán, Afganistán, Turkmenistán, o Emirato de Kuwait así como o Golfo Pérsico. As distintas guerras que asolaron a zona, movementos migratorios e as dispares tradicións relixiosas do territorio levaron a antiga Persia a medrar en torno á multiculturalidade.

Isto non foi un problema durante séculos, mais dende o século XIX e co auxe dos nacionalismos, esa diversidade converteuse nun dilema de dobre vertente: étnico e relixioso. Dunha banda, a comunidade persa/farsi constitúe aproximadamente o 49% da poboación, enfrontada pola súa posición hexemónica aos azerís (25%), curdos (7%), baluchis (3%), árabes (3%) ademais de luros, turcománs, pastúns e armenios entre outras minorías. Doutra,  sendo un 80% da poboación musulmá de confesión xiíta (que é a oficial do país, sendo Irán o país con maior poboación de confesión xiíta) e un 18% musulmá sunnita, soamente o 2% de Irán correspóndese coas minorías relixiosas, das cales só son recoñecidas polo Estado os xudeus, cristiáns e zoroatriáns, carecendo de dereitos os restantes, como os bahais. Ambos conflitos nacen do intento de homoxeneización do país: o Estado quere un Irán persa e xiíta.

As minorías e o conflito étnico

O enfrontamento entre as comunidades minoritarias e o 49% persa restante xorde en base a diferentes motivos. A República iraniana avoga por unha nación unida baixo a hexemonía farsi; os persas, como descendentes dos arios, contan cun gran sentido do orgullo e alta autoestima, en detrimento das outras nacionalidades.

As políticas públicas levadas a cabo nos últimos anos buscan precisamente a asimilación das mesmas, un proceso de “persianización” do país que ameaza a súa diversidade. Trátase pois, dun conflito que o propio goberno evita (levan arredor de 30 anos sen facer un censo étnico) aproveitándose do pouco poder e da desafortunada localización destes pobos, comúns nas zonas fronteirizas rurais. Así mesmo, algunhas destas minorías profesan unha fe distinta da oficial, dato que agrava o conflito e nalgúns casos, levou excepcionalmente a unha insurrección destes grupos.

Entre as aproximadamente 10 pobos minoritarios que podemos atopar en Irán, os principais e máis numerosos son os azerís, kurdos, beluchis e árabes:

a)      Azerís:

Os azerís representan o 25 por cento da poboación iraniana, aproximadamente uns 18 millóns de persoas. Trátase dun pobo de orixe turca moi vinculado ao imperio persa, cunha relación directa e intensa cos farsis que, en parte, facilitou a súa integración. Localízanse no noroeste do país, na fronteira entre Irán e Acerbaixán (a ambos lados do río Araz).

Inicialmente profesaban a fe zoroastriá, mais convertéronse ao Islam coa aparición da variante xiíta. En 1828, trala guerra entre Irán e Rusia, os azerís quedaron definitivamente separados polo río Araz, intensificándose notablemente o conflito. O século XX estivo marcado polas tensións de natureza independentista coa aparición de Acerbaixán trala caída da URSS e reivindicacións de autonomía dentro do país. Hoxe en día, seguen demandando un maior respecto á súa cultura así como representación oficial.

b)      Curdos:

A segunda nacionalidade minoritaria máis numerosa en Irán é a curda, de ascendencia indoeuropea, que conta así mesmo cunha gran presenza noutros países de Oriente Medio (Siria, Turquía, Iraq). Representan o 7 por cento da poboación iraniana (uns 4 millóns) e localízanse principalmente no norte do país, nunha zona montañosa de difícil acceso correspondente á provincia de Curdistán.

Trátase posiblemente da etnia máis combativa historicamente. Por unha parte, as difusas e cambiantes fronteiras fragmentaron o seu territorio e, por outra, o feito de profesar o sunnismo (na súa gran maioría, aínda que tamén os hai xiítas) non axuda a amigarse con Teherán. O rexeitamento por parte dos persas, quen os denominan como “iranianos de montaña” para evitar identificar o seu verdadeiro seu nome, fixo da inestabilidade social e política a principal característica do Curdistán, exemplificada na multitude de revoltas e protestas ao longo da súa historia. Dende grupos armados (insurxencia do Partido Democrático do Curdistán Iraniano, KPDI), organizacións intelectuais e políticas (Komala) ata verdadeiras proclamacións de independencia (1946), os curdos son posiblemente o grupo máis reivindicativo.

c)      Baluchis:

Os baluchis representan, aproximadamente, o 2 por cento da poboación en Irán,  arredor de 1.400.000 de habitantes. Descenden das tribos curdas do Leste de Persia (século VI) e profesan maioritariamente o sunnismo, con excepcións. Trátase da etnia máis desfavorecida, localizada nas zonas máis deprimidas e subdesenvolvidas de Irán, aínda que moi importantes militar e estratexicamente, sendo vítimas de discriminacións de todo tipo. Por exemplo, o nivel de desemprego oscila entre 30-50 por cento.

A falta de oportunidades económicas lévaos nalgúns casos a dedicarse ao “mercado negro” transitando por unha das principais rutas do narcotráfico de Oriente (opio e heroína sobre todo), xustificación á que recorre habitualmente o goberno para reprimir aos baluchis. Trátase, ao igual que os curdos, dun pobo combativo e moi reivindicativo que conta incluso cun grupo armado aínda en activo: o Yundallah (literalmente “Soldados de Deus”).

d)     Árabes:

Os árabes, por outra banda, chegaron a Persia a finais do século VII. Os distintos califatos fixeron desprazar á poboación coa intención de expandirse cara Oriente Medio, sendo estes árabes xiítas o resultado da política dinástica dos Abassíes e Omeyas. Hoxe en día, localizados principalmente na provincia de Juzestán (de gran riqueza petrolífera) configuran o 2 por cento da poboación e falan indistintamente árabe e farsi; ambas as dúas linguas contan con recoñecemento en Irán. A súa desafortunada situación política e social levounos nas últimas décadas a rebelarse contra o goberno, producindo graves disturbios e tentativas terroristas, mais non comparables coas de comunidades anteriormente mencionadas, como os curdos e baluchis.

e)      Outros:

Finalmente, cabe recordar que estas non son as únicas etnias que poden atoparse en Irán: dende os turcománs (2 millóns, localizados nas provincias de Golestán e Jurazán Norte), os lures (2 millóns e medio de nómades, establecidos nas zonas montañosas do suroeste de Irán), ata os mazandaríes xiítas (4 millóns no sueste do Mar Caspio), entre outras.

Se ben a Constitución iraniana preceptúa no seu artigo 3.14 a igualdade ante a lei de todos os seus cidadáns, a realidade é moi distinta. Estas comunidades denuncian a discriminación da que son vítimas: laboral, de vivenda, de cultura. A única lingua oficial (artigo 15), o farsi, imponse ás minoritarias que quedan relegadas a un segundo plano.

A pesar de que o Goberno di promover publicacións, asociacións específicas de xestión de asuntos sociais e educativos, televisión e radio para eles, estes pobos acusan ao Estado de perseguir e minorizar as súas culturas. A falta de poder e representación política limita o seu acceso á vivenda e no ámbito laboral son sempre unha segunda opción; incluso vivindo en zonas ricas en petróleo como a provincia de Juzestán, apenas reciben axuda económica.

Esta realidade lévaos á creación de grupos de presión e protesta organizados (o KDPI, grupo Komala, etc.) que tentan cambiar a situación mais, na maior parte dos casos o que  conseguen é unha nova escusa para que o Goberno alente confiscar, castigar e incluso executar aos “traidores á patria islámica”. Nesta liña cabe destacar o problemático apoio a algunhas das súas demandas prestado por EUA na segunda metade do século XX, probablemente con afán instrumentalizador. Esa protección converteu a estes pobos en potenciais  conspiradores aos ollos do Goberno iraniano. Actualmente, a persistencia destas tensións conseguiu levar a discusión ao Parlamento iraniano, que con deputados considerados reformistas como Hossein Mousavi y Mehdi Karroubi buscan un maior respecto para estas nacionalidades minoritarias.

As tensións relixiosas

No referente ás comunidades relixiosas, cómpre facer mención aos artigos 12-14 da Constitución iraniana, que só recoñece o xudaísmo, o cristianismo e o zoroastrismo como relixións admisibles legalmente. A pesares de ser o xiísmo a relixión oficial do país, estas outras tres acéptanse en atención a que son tamén monoteístas, con escrituras e longa tradición histórica.

As semellanzas co Islam son innegables, e o certo é que a pesares de enfrontamentos puntuais (conflitos con Israel, certas políticas públicas) permítenselle a práctica dos seus ritos, construción de lugares de culto e proliferación da cultura e ensino a través de distintas asociacións e publicacións (revistas Farvahar, Chista, Wahuman…), contando ademais con representación política (os zoroastriáns teñen un deputado, por exemplo, ademais de presenza nos Consellos Islámicos) e notables  axudas económicas.

Mais a pesares da liberdade que recolle a Constitución, o mesmo artigo 14 restrinxe estes dereitos aos que se “enfronten” ao Islam: isto inclúe tanto a ateos como aos bahais, unha relixión con gran presenza no país. Tendo en conta que os non crentes non celebran ningún tipo de rito, o principal problema constitúeno os segundos. O bahaismo, relixión nacida a mediados do século XIX da man de Bahaullah, o último dos profetas enviados por Deus, resúmese nun desexo de unión da humanidade máis alá das nacións, clases ou razas. Os seus 350.000 fieis sofren a persecución dun goberno que prohibe a súa fe por considerarse inimiga do Islam (a pesar de xurdir del). Nos últimos anos, a súa situación empeorou notablemente co presidente Mahmud Ahmadineyad que promoveu unha serie de políticas (coñécense ata tres documentos oficiais) co propósito de conter a extensión desta fe. Así, a liberdade relixiosa en Irán debe relativizarse seriamente.

As denuncias de violacións dos dereitos humanos en Irán son innumerables. Asociacións como Amnistía Internacional ou Human Rights Watch denuncian esta situación: por exemplo, no Código Penal iraniano a realidade da muller tradúcese en que en moitas ocasións vale xuridicamente a metade do home, que a lapidación e os lategazos son penas legais e as torturas e execucións públicas perigosamente constantes.

Son poucos os tratados internacionais de dereitos humanos asinados e ratificados por Irán: o CESCR (Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais), o CCRP (Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos), a CERD (Convención Internacional sobre a Eliminación de tódalas Formas de Discriminación Racial), a CRC–CRCOPSC (Convención sobre os Dereitos do Neno) e a CRPD (Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade), todos eles transgredidas en multitude de ocasións. Pódese inferir que as minorías étnicas e relixiosas son, xunto ás mulleres e o colectivo homosexual, as principais vítimas do Goberno iraniano.