Tres acontecementos marcan a actualidade iraniana. Unha primeira é o pulso nuclear con Occidente, que entra nunha fase de posible multiplicación de sancións por parte de Washington e da ONU, a falta de definir a correlación de forzas dentro do Consello de Seguridade, en particular ante a posición chinesa.
Este escenario hipotético liquidaría a política aperturista do goberno de Barack Obama, iniciada en abril de 2009 coa súa oferta de diálogo con Teherán. A rebelión postelectoral en Irán, tralas presidenciais de xuño pasado, distanciou paulatinamente a Obama desta política, estreitamente ligada á posibilidade dun acordo nuclear ou ben, dun cambio de réxime en Teherán.
O acontecer iraniano, por outra banda, centra a súa atención nas turbulencias internas, marcadas pola sucesión de protestas dos sectores opositores reformistas, lideradas por figuras centrais da política dese país como o ex presidente Mohammed Khatamí e os líderes reformistas Karrubi e Musaví. Coincidindo co 31º aniversario da revolución islámica, as protestas destes sectores provocaron unha reacción gobernamental que, aparentemente, posibilitou o encarceramento deste líderes opositores, así como de varios xornalistas e activistas.
Deste xeito, o goberno de Mahmud Ahmadíneyad manifesta a súa intención de dar curso a un proceso de non retorno, persuadido de que detrás das protestas estarían inmersos os intereses occidentais, que lexitime unha política de represión interna. No discurso realizado con motivo dun novo aniversario da revolución islámica, o presidente iraniano asegurou que o seu país xa formaba parte das “grandes potencias nucleares”, tendo en conta o anuncio da semana pasada de acelerar a capacidade dos seus reactores nucleares, afirmando os seus intereses ao mesmo tempo que desafía a Occidente.
Queda por saber como se solventa o pulso de poder interno en Teherán e as reaccións occidentais que, en caso de incrementar as sancións, abrirían unha etapa de maior convulsión no país persa. Ahmadíneyad conta co apoio dun aiatolá Alí Khamenei inmerso en delicados malabarismos dentro da estrutura teocrática, toda vez que semella impoñerse a Garda Revolucionaria como a verdadeira baza de poder en Teherán.
Obama tentará equilibrar unha política de sancións a nivel internacional, na que contaría co apoio de Gran Bretaña, Francia e, aparentemente, Rusia, tradicional aliado iraniano. Moscova e Washington semellan dispostos a propiciar unha etapa baseada na realpolitik, orientada a lograr acordos en eidos xeopolíticos que non obstaculicen os seus intereses. Queda China, moi vinculada economicamente con Irán, que semella disposta a manter a súa posición de rexeite das sancións.
Se a inflexibilidade se impón en Teherán e Occidente, poucas posibilidades de negociación quedarían abertas, sendo a sociedade iraniana a principal prexudicada. Ninguén dubida que o réxime teocrático afronta a súa peor crise política, un escenario contemplado dende Occidente como unha posibilidade de implosión que, dende varias perspectivas, non semella nin inmediata nin completamente real, habida conta da aparente desestruturación das protestas opositoras e da firmeza de reacción do réxime teocrático. En todo caso, e se a represión se agrava a niveis alarmantes, non se pode descartar que conleven tensións e cambios significativos na cúpula de poder iraní con repercusións nas súas relacións exteriores.