É coñecido dende hai tempo que os Estados Unidos proporcionaron a Iraq os medios "mapas dos satélites, armamento- para evita-la victoria iraniana durante a sanguenta guerra que enfrontou ós inimigos-irmáns durante os anos 80. Tamén durante unha fase axudaron a Irán, buscando que ningún dos contendentes obtivese unha victoria decisiva que o afianzase coma potencia rexional. Nesa guerra, repite Bush a miúdo, Saddam utilizou armas químicas contra o seu propio pobo -algo endexamais probado-, pero EE.UU non tivo ningún problema coas masacres de masas en tanto serviron ós seus intereses: a detención da revolución islámica ás portas de Kuwait e Arabia Saudí. Dito doutro xeito, EE.UU non ten problemas coas armas químicas, biolóxicas, ou mesmo nucleares (Corea do Norte, Paquistán), por iso non asina e bicotea os tratados internacionais que prohiben o seu uso.
Durante a 1ª guerra do Golfo, en 1991, a anexión de Kuwait supuxo que, durante unhas horas, Iraq "que conta co 11% das reservas mundiais de petróleo- se fixese co outro 10% da vella provincia, e a posibilidade de estende-lo seu dominio a Arabia Saudí, o que suporía o control da metade das reservas mundiais. A EE.UU, daquela, non lle foi moi complicado reunir unha heteroxénea coalición de 32 países contra Saddam.
Contextualiza-la historia nas fendas do 11 de Setembro é doado. Tanto como dicir que un non quere a guerra (non a quere Bush, non a quere Blair, tampouco Aznar ou Berlusconi). Doado, falso e cínico, porque é un lugar común da moral que tenta manter unhas formas que os dirixentes estadounidenses e os seus achegados teñen esnaquizado en mil anacos. Que Estados Unidos non permitirá a existencia de ningún Estado hostil no Golfo, isto é, que poña en cuestión o seu acceso ó petróleo, ou que rexeite o poder de Israel, é algo tamén sabido e moi ben explicitado en, por exemplo, a Doutrina Carter, do recente Premio Nobel da Paz. O por que Oriente Medio é unha rexión pivote no poder americano é a segunda parte, pois quen controle o Golfo faise cunha posición de vantaxe na economía global. Estados Unidos quere ser quen ocupe esa posición, afastando a outros competidores "Francia, Rusia ou China- con economías que dependen aínda máis do petróleo do Golfo e posúen a sinatura de acordos co Goberno iraquí para facerse coas concesións petroleiras tralo cesamento das sancións, un obstáculo que xa se fixo incómodo tamén ó mundo dos investimentos e ás transaccións comerciais. Por iso, e por outras cousas, é esencial o cambio de rexime en Iraq, como xa o foi en Afganistán por moito que Bush repetise que a guerra non era para depór os Talibán, senón para atrapar a Ben Laden e os seus acólitos.
Unha vez ocupado Iraq, e mantendo apartada durante "algún tempo" a élite post-Saddam da política petrolífera, EEUU establecería o control da subministración do petróleo iraquí, os prezos do petróleo poderían caer en picado, e os Estados árabes serían desposuídos dos medios da influencia que empregan na OPEP para forma-la política mundial do petróleo. As monarquías petrolíferas "primeiramente Arabia Saudí- non poderían, posiblemente, saca-las súas economías adiante, o que incrementaría a indignación popular e a inestabilidade política, presupostos precisos a un cambio de rexime. Neste presuposto, os estrategas americanos esquecen que o odio a un goberno títere gastado non pode ser esmorecido coa creación dun novo goberno "externo", pero o poder americano segue a se-lo tradicional,o militar, o do volume de neutróns.
Para o núcleo ultradereitista que volve unha e outra vez ós gobernos estadounidenses baixo distintas circunstancias, chegou o momento maduro de amosa-lo "poder duro" e brandi-lo cetro imperial, en troques de seguir con aquel "brando"(=acadar que os demais desexen o que EEUU quere), identificado coas regras no seo da Organización Mundial do Comercio e outros organismos multilaterais facedores da prosperidade da paz coa globalización económica.
Esta guerra procura, en primeiro lugar, o troco de rexime en Iraq, e o busca dende hai tempo. Nos anos da administración Clinton "un "poder brando" para algúns moi duros-, Rumsfeld, Cheney, Wolfowitz e un grupo de homes fortes da ultradereita norteamericana (vencellados indistintamente ó petróleo, ós grupos xudeus e ó Pentágono) crearon o Project for the New American Centrury (PNAC), un lobby que pulaba polo crecemento do orzamento militar estadounidense para lle facer fronte ó novo século como "imperio global". Entre as súas demandas, os redactores pedían o abandono do Tratado de Non Proliferación Nuclear e a construcción dun sistema global de defensa antimisís. Para implementa-la Pax Americana, dicíase, EE.UU ten que incrementa-lo gasto en defensa do 3 ó 3,8% do PIB. No ano seguinte, a nova administración Bush aprobou un orzamento de Defensa de 379 billóns de dólares, exactamente o 3,8% do PIB.
Este grupo mandoulle unha carta "asinada tamén polo xeneral Colin Powell- a Clinton en 1998 na que se demandaba un "cambio de rexime" en Iraq. Toda esta camarilla son os mesmos que agora deseñan os documentos mestres da "política exterior" norteamericana, un refrito de plans rexeitados por Clinton e, mesmo, por Bush pai ("National Energy Policy Development", "Rebuilding America´s Defenses", ou "National Security Strategy: A New Era").
Ocupación de países, derrocamento de gobernos e instalación de reximes títere é o contido dos tres. A fabricación de pretextos para xustificar guerras preventivas e non provocadas, sen restriccións ou preocupacións pola lei internacional, e a través da expansión militar a nivel global é un salto a un dominio mundial, non xa económico ou puramente militar, senón político. A detente non permitía a expansión do poder americano; chegados a este punto, Roma non contén, conquista.
É por isto que nunca hai un plan de saída. O contrapeso das novas bases, sostidas militar e xeográficamente entre os seus principais competidores, faise máis forte nos últimos anos, sempre a través da guerra (na que EEUU é agresor e gañador) ou, tralo 11-S, da "loita contra o terrorismo internacional" (árabe ou musulmán: o imperialismo é racista). Arabia Saudí, Kuwait, Bahrain, Omán ou Emiratos trala guerra do Golfo; Hungría, Albania, Macedonia ou Cosova tralas guerras contra Iugoslavia; Uzbekistán, Pakistán ou Tayikistán, a medida que se loita en Afganistán; Xeorgia ou Filipinas, espontáneas, tralo 11-S; ou Colombia, máis a modo, a través do Plan Colombia.
Certo que o compoñente petróleo é moi claro en moitos dos exemplos citados (Asia Central), e non tan claro noutros (Balcáns), pero o petróleo é só un nivel do poder, non o poder en por sí, que é o que se persegue. En Oriente Medio, dende un punto de vista rexional e xeopolítico, o crú pode ser igual de importante cá auga. Iraq ten o sistema fluvial máis completo da zona: Tigris, Eúfrates, Gran e Pequeno Zab. Non foi o petróleo, senón as terras irrigadas e fértiles da vella Mesopotamia as que permitiron o desenvolvemento dunha civilización moi avanzada. Antes da 1ª guerra do Golfo, Iraq posuía un envexable sistema de encoros e, a partir do seu territorio, proxectábanse infraestructuras moi importantes para a rexión, como a que levaría auga ós áridos países do Golfo cara Israel; un proxecto que, unha vez removido do poder Saddam, podería, finalmente, levarse a cabo.
A auga é, en Oriente Medio, un nivel superior de poder. Facéndose co seu control, EE.UU pode xogar a longo prazo coa actual configuración de forzas entre os Estados do Golfo. Redeseñar a través da guerra. Transformando Iraq nunha base para futuras operacións "Arabia Saudí, Siria, Líbano-, e levando un baño de sangue que traumatice a poboación árabe e semente a dominación israelo-nortemericana en toda a rexión. Ó fin e o cabo, Israel é a máis natural e querida de tódalas súas bases. Só hai un problema que, no fragor da batalla, pode ser solucionado cun novo Éxodo, cunha nova catrástrofe humanitaria que golpee ós Estados árabes veciños. Moi posiblemente, EEUU apadriñará un Estado palestino. Pero non será en Palestina.
Apartado Saddam do poder o mundo será "máis seguro e democrático", dinnos. Este non semella un escenario seguro nin democrático, pero é que Saddam ameaza pola boca de Bush.