Iraq islamizado

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego

Fóra e dentro dos EEUU empeza a falarse do que xa semella un feito e principal consecuencia da guerra: a islamización de Iraq. A obsesiva política de Bush (a resposta non é a retirada, é vencer, como dixo na Asemblea da ONU) está convertendo o país menos islámico nun país islamizado a toda présa, non diferente de calquera dos veciños.

O éxito, non hai dúbida, é de Bush, pois a invasión estranxeira transformou o país na "fronte principal da guerra contra o terror". Por moitas diferenzas que haxa, que as hai, entre as distintas correntes islámicas de Iraq, todas coinciden no noxo común contra os ocupantes e os seus colaboradores.

Case seguro que non está lonxe a República Islámica de Iraq, principal achega de Bush á loita antiterrorista. É o obxectivo declarado por Al Zarqawi: instaurar un goberno islámico en Iraq logo de botar fóra a Alaui e aos invasores, un goberno, ademais, que sirva de base para a liberación de Xerusalén e países veciños. Coa axuda de Bush e do Pentágono, case seguro que así vai ser.