Iraq: Os motivos dunha guerra insegura

En Bagdad ninguén dubida de que a "guerra preventiva" programada por Mr Bush irá adiante, digan o que digan Nacións Unidas, a Unión Europa, Rusia, China, os países árabes ou os milleiros de almas que se manifestan en medio mundo para condenar a política agresiva de Washington, incluidos moitos protagonistas norteamericanos de guerras anteriores. Para desarmar Iraq, EEUU fai alarde dun desplegue de armamento nunca visto: cento cincuenta mil soldados e toda unha armada aeronaval que vai cercando as fronteiras de Iraq á espera da orde de ataque, probablemente a mediados de marzo, segundo os analistas militares. Todo estará listo daquela, incluida a seducción mediática dunha opinión pública que se fai derrogar.

Doce anos despois da primeira guerra do Golfo, Bush fillo non pode argumentar a súa guerra como resposta a unha invasión por parte de Iraq de ningún país veciño; as súas hipotéticas connivencias con Al Qaeda e demáis grupos terroristas de signo relixioso son desmentidas ata polos seus propios inimigos; os gobernos árabes desconfian da iniciativa americana (en 1991 se convenceran ata de financiar xenerosamente a Treboada do Deserto); as opinións públicas do seu propio país e da mesma Gran Bretaña amosan unha oposición crecente, mesmo no caso de que a "guerra preventiva" se inicie co respaldo de Nacións Unidas "sería o tiro de gracia para a ONU-; do Papa a Kofi Annan, mesmo moitos dos asistentes ao Foro Económico Mundial de Davos, todos e todas as instancias estiman que esta guerra nin é necesaria nin é útil e que polo mesmo pode evitarse.

¿Pode evitarse? Existen tres grandes motivos, os tres gran valor estratéxico, para levala adiante. O Presidente Bush está persuadido de presidir un país que goza hoxendía dunha posición internacional excepcional, unha ocasión única para afirmar un liderato universal indiscutible. É verdade que non se trata aquí de expulsar aos soldados iraquís do Kuwait ocupado (por certo, ¿non fora tamén para propiciar un impulso democratizador en Kuwait?), que a situación na zona é sensiblemente diferente á de 1991, pero hai, entre ambos tempos, un primeiro obxectivo estratéxico común: se daquela o conflicto serviu para evidenciar a súa victoria fronte a URSS na guerra fría e darlle o último empurrón para o abismo da historia, do que se trataría agora é de transmitir ao mundo a evidencia dunha fortaleza inexpugnable, dunha tecnoloxía bélica que a sitúa a gran distancia dos seus inmediatos seguidores e que lle permite forzar solucións que a vía estrictamente diplomática facía imposibles ou esixían tempo de máis. Estamos ante unha nova fase do rearme estratéxico que se inicia a raíz do 11S para confirmar o liderado universal da superpotencia hexemónica.

O segundo obxectivo estratéxico é de dimensión rexional. É de sobra coñecido, tanto en medios políticos como diplomáticos ou xornalísticos, que a invasión de Iraq é unha estrataxema para expulsar a Xordania aos palestinos recompensando ao seu monarca cunha parte de Iraq; a seguir, asegurar a ocupación plena por parte de Israel da Cisxordania tomada polas tropas do recen elixido Sharon e a anexión definitiva de todos os territorios palestinos; seguinte paso, a restauración monárquica nun Iraq seriamente fragmentado no seu territorio e debilitado na súa economía; por último, asestar un golpe decisivo contra Siria para asegurar a Israel a conservación dos altos do Golán. Nin no Pentágono nin en Israel terían entón medo a un Estado Palestino e incluso hai quen di que o sucesor de Arafat xa foi designado.

A terceira razón é o petróleo, naturalmente. Pero neste caso, non é a máis importante fronte ás dúas sinaladas anteriormente. De Guinea a Asia central, EEUU leva meses tomando posicións de gran solidez para asegurar o control presente e futuro de tan vital recurso. Un e outro asunto, petróleo e fronteiras, naceron co propio Estado iraquí. Cando os británicos e os franceses, conta Anthony Sampson, autor de "Sept Soeurs: les grandes compagnies et le monde qu’elles ont fabriqué", debuxaron as fronteiras do Iraq que emerxía do afundimento do antigo Imperio Otomano despois da primeira guerra mundial, contaron pouco os intereses e os dereitos dos árabes. A explotación dos xacementos petrolíferos iraquís que da Turkish Petroleum Company pasaron á Iraq Petroleum Company (IPC) entraron no reparto. Os franceses tiñan dereito á cuarta parte que era propiedade dos alemáns vencidos. Os británicos, xa presentes en Irán, querían a súa e os estadounidenses tamén. Para os iraquís deixaban o 20 por cento da concesión. Pero nin iso respectaron cando se iniciou a producción a gran escala. Non é de estrañar, pois, que no sentimento da poboación iraquí se advirta a perversa naturaleza do interese democratizador occidental.

Sen embargo, algúns analistas, o propio Sampson, chaman a atención sobre o feito de que, nesta ocasión, non son as grandes petroleiras quen máis empurran do furgón da guerra, senón o pequeno grupo de ultraconservadores vencellados á industria do armamento que seguen a consigna lanzada desde Israel e dos seus aliados que consideran tanto a Irán como a Iraq veciños moi perigosos, inimigos declarados, aos que cómpre derrotar de forma contundente.

Os intereses de franceses e rusos semellan coincidir nesa reflexión matizada do interese do mundo petroleiro na medida en que desenvolven unhas relacións particulares con Bagdad, pero negociando a un tempo compensacións de Washington polo seu apoio diplomático. A British Petroleum ten medo de quedar fóra ante a avidez norteamericana e desconfía do anuncio de James Woolsey, ex director da CIA, cando afirmou, dirixindose a rusos e franceses, que un espíritu de colaboración se garantirá para todos unha vez que se implante en Iraq un réxime aceptable. A avaricia rompe o saco e as compañías non americanas son conscientes de que "quen parte e reparte sempre leva a mellor parte".

Pero EEUU é quen manexa todos os fios. No pasado decembro o departamento de Estado reunía un grupo de traballo sobre petróleo e o gas natural, no que participaron representantres do ministerio de Enerxía e dos grupos iraquís do exilio, co obxectivo de viabilizar propostas que debían estar consensuadas para que a política petroleira de Iraq estivera clara dende o momento mesmo de iniciarse a transición post Sadam. Mentres, en Londres, fracasaba a reunión política pilotada por un Blair que presionaba desmedidamente a Hosni Mubarak, o presidente exipcio, para impulsar un segundo intento no Cairo. Ata Ankara se resiste.

Quen máis en firme aposta pola guerra son os sectores vinculados á industria militar e o lobby xudeu na Casa Branca. Con independencia dos dividendos petroleiros, sempre incertos en tempo de guerra e sempre a partir con outros (franceses, británicos, rusos, fundamentalmente), a mirada de Tel-Aviv se centra na rendabilización desta coxuntura para modificar as fronteiras de Oriente Medio e satisfacer a súa obsesión permanente de seguridade destruindo a un dos seus inimigos máis irreductibles.

O petróleo, sen embargo, si pode influir no momento elixido para comezar a guerra. A crise de Venezuela dura máis do previsto e unha perturbación por partida dobre retiraría do mercado mundial uns 5 millóns de barrís diarios que non poderían ser reemprazados con facilidade, propiciando un alza de prezos que afectaría negativamente á economía propia e dos aliados.

En definitiva, todo canto se diga fora destas coordenadas é pura propaganda, perversión e cinismo.

O staff estadounidense da guerra está integrado por:

  • os dirixentes civís do Pentágono, Donald Rumsfeld e os seus adxuntos, Paul Wolfowitz e Richard Perle;
  • o complexo militar-industrial americano, sempre beneficiario de todo conflicto armado de envergadura;
  • o vicepresidente Dick Cheney, representante da dereita americana ultraconservadora e integrista.

A maioría dos membros do Congreso aproban a guerra contra Iraq. Segundo Charles B. Rangel, membro das Cámara de representantes e veterano da guerra de Corea, soamente un deles ten un fillo militar de carreira. Os militares que irán á guerra pertencen ás clases medias e baixas e, en primeiro lugar, aos afroamericanos. Son o 12 por cento da poboación pero representan máis do 20 por cento dos efectivos do Exército. Durante a guerra do Golfo representaban o 23 por cento.

Segundo un sondeo de USA Today/CNN/Gallup Poll publicado o pasado 14 de xaneiro, un 34 por cento dos electores seguen confiando en Bush; un 32 por cento non o votaría e outro 32 por cento está indeciso. O seu nivel de apoio despois do 11S chegou ata o 90 por cento. Hoxe está no 58 por cento e segue á baixa. Bush é fráxil. A xestión económica soamente é aprobada por un 48 por cento dos sondeados. Unha guerra opacaría as tensións internas e permitirialle superar con éxito o midterm, a metade do seu mandato. Pero para iso Bush debe facer pedagoxá bélica entre a cidadanía.

As armas de Iraq

Iraq nega e renega a producción e posesión de novas armas biolóxicas, químicas e atómicas. Na inspección dos 300 expertos de Nacións Unidas pode estar a clave para desautorizar as boutades de Bush, pero non é fácil. Afortunadamente, proceden de máis de 40 países, incluindo a 27 estadounidenses, 25 franceses, 22 rusos e algúns orixinarios dos países árabes. Hans Blix e Mohamed El Baradei, director da AIEA (Axencia Internacional da Enerxía Atómica), comandan o dispositivo. No seu informe ante o Consello de Seguridade da ONU, con matices diferentes, ambos pediron máis tempo para culminar a súa tarea. ¿Servirán de algo os meses solicitados? Aínda se Sadam coopera ata o punto de humillarse cada día un pouco máis coa esperanza de salvar o seu poder e a súa vida, ben é verdade que ao elevado prezo da dignidade e soberanía do país, no momento en que EEUU queira, poderá facer estoupar no interior de Iraq "leva preparando ese escenario moito tempo- unha revolta de curdos, chiitas ou grupos armados de opositores entrenados pola CIA (¿non é terrorismo?) que acusando de exterminio ao réxime reclamarán a intervención inmediata das tropas salvadoras das pobres víctimas do dictador sanguinario… Do demais xa se encargará esa oficina de intoxicación informativa que convirte dúas carcasas practicamente inservibles en perigosas armas capaces de portar substancias químicas de gran poder destructivo. Na guerra do Golfo, as aves petroleadas estaban a moitos quilómetros do conflicto e as supostas formacións de tanques non eran outra cousa que toldos militares… ¿qué nos depararán agora?. A CIA di que lle vai facilitar á ONU as probas do rearme iraquí.

Despois de 1991, durante sete anos, máis de 200 grupos de inspección realizaron unhas 400 revisións por todo o país, moitas veces con numerosos conflictos coas autoridades que motivaron a interrupción do proceso. Pero non parece ser o caso de agora: a actitude do goberno iraquí é cooperadora, mesmo tolerando as invasións domiciliarias dos seus científicos e o secuestro dos simples exames dos seus alumnos convertidos en documentos probatorios dunha tecnoloxía para enriquecer uranio… Para escamotear a guerra, Bagdad debe evitar que Estados Unidos atope algunha excusa para acusalo de violar a resolución 1441. Aceptou o mandato, emitiu o informe detallado e amosa disposición para proporcionar aos inspectores "acceso sen obstáculos, sen condicións e sen restriccións a todas as áreas, incluindo calquera das instalacións, construccións, equipos, rexistros e medios de transporte, nos que os inspectores queiran investigar, así como contactos privados sen impedimentos e sen restriccións con calquera dos funcionarios e persoas cos que os inspectores desexen entrevistarse dentro ou fóra de Iraq". Ante tan rigorosos termos, Bagdad debeu deixar de lado a dignidade nacional e permitir que o grupo de inspección escudriñe o país de punta a cabo.

En teoría, pasada a prórroga que a maioría do Consello de Seguridade se inclina a conceder, de non atoparse armas de destrucción masiva en parte ningunha do seu territorio, o grupo de inspección pode presentar un informe ao Consello de Seguridade, demostrando que non existe tal ameaza, ben porque nunca existiu ou porque as armas deste tipo foron destruidas. O lóxico sería entón non soamente o cese dos preparativos bélicos senón tamén o inmediato levantamento das sancións impostas ao país durante os últimos doce anos e que tan duramente castigan á poboación civil.

Pero ¿podemos excluir a ameaza de guerra aínda que Iraq cumpla por completo coas condicións da resolución 1441? En absoluto. Estados Unidos e Gran Bretaña poden utilizar as condicións da resolución para provocar unha crise, acusando a Iraq de violar o mandato se os seus avións de guerra son atacados por forzas terrestres nas zonas de exclusión aérea, ou incluso se hai un embotellamento de tráfico no camiño cara os sitios de inspección que mereza o calificativo de "entorpecemento" do Sr Powell. E mesmo impulsar outra resolución máis dura aínda que peche o paso abruptamente a calquera solución pacífica.

Neste caso, Tarek Aziz, o seu ministro de asuntos exteriores de Bagdad, xa adiantou a resposta do réxime: "baterase ata a derradeira bala". As especulacións sobre un hipotético exilio de Sadam son unha auténtica pantasía. Mesmo algúns medios chegaron a situalo xa en Belarús, o último país que lle vendeu armas a Sadam e considerado outro paria do sistema internacional pola súa dictadura neostaliniana. Sadam non se exporá a unha extradición. Ningún país resistiría, chegado o caso, as presións de Washington. Os Balcáns marcaron a pauta.

Mentres, Israel, cun senfín de resolucións da ONU por cumprir, albergando todo tipo de armas de destrucción masiva (biolóxicas, químicas e ata nucleares), país que invadiu e anexionou ilegalmente territorios que non lle pertencen "véxase o paralelismo con Iraq-, non soamente non aparece na lista do "pacificador" Bush, senón que se nos presenta coma o seu principal aliado. ¿E os países árabes comulgan con estas rodas de muiño? Terán a súa propia oficina de intoxicación informativa. En marzo de 2002, EEUU creou unha emisora (Sawa) para o mundo árabe e agora o departamento de Estado vai poñer en funcionamento unha cadea de televisión vía satélite que competirá con Al-Yazira. Sharon será un home de paz.

Por outra banda, ¿por qué no caso de Corea do Norte o perigo da tenencia de armas de destrucción masiva pode ser resolto por vía diplomática e no de Iraq non?

A guerra está cantada, din moitos e con pesar. A experimentación de Afganistán convenceu aos estrategas e mandos militares da súa supremacía en todos os terreos. A victoria está asegurada e dela poderían derivarse innumerables vantaxes, internas e internacionais, para Washington. Pero a historia enseña que poucas cousas acontecen como se teñen imaxinado e nada hai máis inseguro que os resultados dunha guerra segura.