Irlanda: lonxe dun voto de confianza

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

Finalmente, Irlanda dixo si. Coa repetición do referendo, coa ameaza do mundo dos negocios (se votamos non, os investimentos se irán), e coa campaña culpabilizante do tipo "os irlandeses non queren compartir cos húngaros, checos, eslovenos, etc", a decisión non podía ser outra. Principalmente por iso se repite o referendo, xa que os irlandeses votaron en contra do Tratado de Niza en xuño de 2001.

¿Están agora a favor?. Irlanda votou si á ampliación, os obstáculos que agora a dificulten non poden ser adxudicados ó egoísmo irlandés. Os obstáculos están no mesmo Tratado de Niza e no conxunto de Estados que albiscaron con ambiguas esperanzas os resultados do referendo. Polo momento, o capítulo fundamental da ampliación (custos, e como e quen deberá pagalos) está aínda sen resolver.

A Comisión Europea pode tomar nota do Non que se agacha trala consulta en Irlanda, único dos países comunitarios que debe somete-lo Tratado á consulta popular. Para a reflexión non vale descualificar ó bloque político do Non, unha heteroxénea plataforma de ecoloxistas, nacionalistas, pacifistas, xenófobos, radicais ultra católicos e nazis. Cómpre analiza-las razóns que levaron a votar Non, a primeira vez, e a rexistrar, en ambas ocasións, un alto grao de abstención (65,2% e 50,53%, respectivamente). Dese xeito, o Non, ou o simple desleixamento dos votantes respecto do proceso de integración europeo, adquire unha dimensión moito menos residual.

As preocupacións son reais e estar máis, que non mellor, informados sobre o contido do Tratado, non as varre. A definitiva vantaxe dada na reforma institucional de Niza ós países grandes segue, e seguirá, por desagradar a case todos. As cooperacións reforzadas e a futura forza militar de intervención da UE ameazan, pese a declaración de Sevilla "eximindo" a Irlanda, a neutralidade deste país, que poderá ser introducida na súa Constitución. A perda dos fondos (e Irlanda ten hoxe unha renda por habitante equivalente ó 120% da media europea) en prol dos países de Centroeuropa, a deslocalización de empresas e o paro, e a onda inmigratoria son preocupacións cidadás en toda Europa, non só en Irlanda.

En efecto, os países adherentes levan máis de dez anos sometidos a intensísimas reformas económicas e sociais. As transformacións económicas e financeiras que contiñan Maastricht, Amsterdam e a mesma Niza tampouco teñen pasado como auga de rosas para os europeos comunitarios, que saben agora o que vale un euro en Irlanda, en España ou en Hungría. A única que teima en non reformarse, malia os tratados e a aritmética no Consello, é a Unión Europea.

Está lonxe de ser un voto de confianza, pois. É un Si, pequeno, á ampliación.