Irmandamentos e acción exterior

Ao longo de todo o planeta os irmandamentos entre Concellos son a acción icónica da acción exterior do local. Apoiados pola Unión Europea como ferramenta de construción de cidadanía europea, en Galicia tamén teñen moita presenza entre o noso municipalismo, especialmente desde os anos 80.

Liñas de investigación Paradiplomacia
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Palabras chave Galicia internacional
Idiomas Galego

Ao longo de todo o planeta os irmandamentos entre Concellos son a acción icónica da acción exterior do local. Apoiados pola Unión Europea como ferramenta de construción de cidadanía europea, en Galicia tamén teñen moita presenza entre o noso municipalismo, especialmente desde os anos 80.

No ano 2002 María del Mar Gómez e no 2009 eu mesmo, realizamos traballos de investigación desde o IGADI  para coñecer a fotografía do conxunto da pegada dos irmandamentos en Galicia. O impacto é consistente e da conta desa globalización do local, especialmente nas cidades, mais tamén en ducias de Concellos galegos. Sen embargo, a excepción de 6 casos identificados de éxito, a grande maIoría das irmandades municipais internacionais en Galicia son simplemente actividades simbólicas e anecdóticas, sen ningún contido programático.

En calquera caso a información do conxunto da fotografía ofrece información relevante sobre as nosas autopistas de conexión global desde o local. Os 133 irmandamentos identificados en 84 Concellos sinalan as raigames do país na sociedade internacional. Así, os que nacen vinculados a emigración, ao mundo celta e a Portugal representan as motivacións da grande maioría. Tamén uns cantos nacen da solidariedade internacional e só uns poucos teñen explicacións baseadas no desenvolvemento económico-turístico ou a aprendizaxe de idiomas de maneira directa. Tamén hai moitos que nacen non se sabe por qué, xa que da anécdota nada ficou rexistrado, nen a súa motivación constituinte.

No conxunto dos traballos a hemeroteca deixaba claro que a ferramenta dos irmandamentos estaba moi cuestionada pola sociedade com moitas aparicións en prensa ao respecto, xa que os casos de viaxes pouco xustificados e a lixeirieza coa que estes se realizaban, traía sempre fotos puntuais, unha placa nunha praza, ou un día de xantar. E ao final dos 133 irmandamentos, tan só 26 pasaban a pura anécdota. Así, a principal conclusión operativa do libro é que sen un mínimo de seguemento e coherencia das accións, sen un plan, sen unha xustificación que supere a anécdota, a realidade amosaba que a anécdota dun día ficaba efectivamente na anécdota dun día, nunha viaxe, nunhas fotos, nun xantar…

As conclusións destes estudos en Galicia repítense arredor do globo en estudos similares, arredor da acción exterior das cidades, das áreas metropolitanas e das rexións… Sen plans públicos e estratéxicos (porque privados…) sen participación activa da sociedade, sen avaliación, as viaxes internacionais dos políticos fican en esforzos non controlados e nunca suficientemente fundamentados, cuestionando a utilidade das políticas internacionais, desde os irmandamentos aos do noso Presidente, Conselleiras ou Presidente de Deputación.

As autopistas son fundamentais para a conectividade da nosa economía e en xeral das nosas vidas, mais precisamos tamén autopistas da información para poñer en valor ese selo de calidade da Galicia global. Facernos máis competitivos na sociedade internacional pasa por acentuar e coñecer os nosos valores engadidos.

Ás portas da xa chamada Década Xacobea falar de sistematización de información e de avaliación na acción exterior galega semella o necesario para aspirar a unha xestión máis eficiente, que supere a anécdota e sexa máis transparente, con maior capacidade de retorno para a sociedade.