Hoxe, no tempo das redes, é moi doado crear plataformas dixitais pero tamén presenciais que conecten profesionais galegos no exterior, centros galegos históricos, novas diásporas cualificadas, líderes influentes de orixe galega, emprendedores e institucións. Esa infraestrutura de relacións activas, con grupos temáticos (cultura, tecnoloxía, economía azul, política europea, lingua, academia, etc.) e encontros periódicos en formato híbrido gozaría de percorrido.
Uns foros da diáspora sectoriais son o complemento indispensable de calquera marco institucional xeral. Os marcos pequenos, eficaces, formados por persoas galegas influentes en ámbitos clave: tecnoloxía e innovación, políticas europeas, enerxías verdes, cultura e industrias creativas, saúde e investigación, economía e portos atlánticos, terían ingualmente un notable potencial, podendo servir como asesores estratéxicos do Goberno e da sociedade, achegando información cualitativa que a diplomacia tradicional non sempre ofrece con detalle.
Cos programas de retorno estamos xa familiarizados. Compre contemplar non só o “retorno definitivo”, senón retorno por tempadas: estadías de 1–3 meses para profesionais da diáspora en universidades, empresas ou administracións galegas, cofinanciadas parcialmente. O retorno circular crea fluxos constantes de coñecemento, relacións e oportunidades.
Cada ano poderían seleccionarse un número reducido de galegos e galegas destacados no exterior (escritores, investigadores, artistas, emprendedores) para actuar como embaixadores informais da cultura e da innovación galega.
Aproveitar a diáspora para atraer investimento a sectores estratéxicos é unha vella teima na que compre perseverar e innovar: ámbitos como a biotecnoloxía, economía mariña, TIC, agroalimentación de alta gama, enerxías renovables, gozan de alto interese.
Moitos galegos no exterior traballan en empresas tractoras europeas e americanas: activar ese capital relacional pode abrir portas a alianzas que Galicia dificilmente conseguiría soa.
No eido político, a diplomacia parlamentaria (grupos de amizade) require de mecanismos que deben complementarse cunha reforma electoral decidida que resolva taras endémicas como o voto en urna ou a elección de representantes propios da diáspora dotándoa de circunscricións ad hoc (América e Europa).
Cumpriría potenciar unha unidade permanente de estudo, datos, tendencias e análises sobre comunidades galegas no mundo. Non un centro simbólico, senón unha estrutura con produción regular de informes e propostas para a acción exterior. Galicia non pode deseñar políticas eficaces se non coñece a súa diáspora en termos actualizados.
Os centros galegos históricos requiren dun tratamento afastado do paternalismo. Moitos centros e sociedades de ultramar están en crise xeracional. Galicia debería ofrecer apoio técnico, alianzas culturais e renovación programática, nunca visión asistencialista. O obxectivo: transformar o que hoxe son centros recreativos en nodos culturais e diplomáticos.
A nova diáspora europea importa especialmente. Moitas das persoas que marcharon desde 2008 ocupan hoxe postos relevantes en universidades, empresas tecnolóxicas, administracións europeas ou ONGs. É un capital enorme, moitas veces ignorado. Requírese unha política específica: convocatorias culturais, encontros anuais, plataformas de mentoría para estudantes galegos.
Convocar residencias anuais que permitan a profesionais galegos no exterior desenvolver proxectos en Galicia con apoio institucional, articulando unha rede que conecte talento disperso co ecosistema cultural e científico galego é outra medida que deberamos potenciar.
Adicionalmente, a xestión de iniciativas deste calibre, contrastadas coas experiencias doutros países con diáspora pode facilitar o desenvolvemento dunha “axenda de Estado” que trascenda a diáspora propiamente dita e permita a consolidación de relacións paradiplomáticas estables país-país, complementando a diplomacia tradicional.
En suma, vaisenos das mans a incorporación da diáspora ao relato vivo do país. Galicia debería integrar a diáspora no seu relato contemporáneo, non como saudade nin como ferida histórica, senón como rede global activa. Isto reforza identidade, autoestima colectiva e sentido de pertenza nun mundo fragmentado.

