IV Foro Social Mundial en Mumbai

Apartados xeográficos Outros ARQUIVO
Idiomas Galego

Hai catro anos puidemos evidenciar que o lado oculto da lúa existía e que este tiña a súa capital en Portoalegre, Brasil. O 2004 tiña que ser diferente. E por iso, o IV Foro Social Mundial tivo lugar este ano en Mumbai, a India. Durante os días 16,17,18, 19, 20 de xaneiro máis de 90.000 persoas de todos os continentes participaron en infinitas sesións e grupos de traballo. Un Foro, o de Mumbai, marcado pola viraxe belicista do presidente Bush e pola crecente obsesión no peche, disfrazado de control, das fronteiras. O cambio de escenario responde, por unha banda, á necesidade de expansión do discurso antiglobalización máis alá do continente americano e europeo; e pola outra, a necesidade de introducir no debate mediático o sociograma desta capital, exemplo perfecto das consecuencias da globalización.

Coa chegada do novo milenio cristalizábase o traballo social, político e académico desenvolto nas múltiples salas das trincheiras. O epicentro deste terremoto de dimensións internacionais non estaba sorprendentemente na Casa Branca, senón en Brasil, e tiña como un dos seus obxectivos principias, ser a contrarréplica ás reunións anuais en Davos dos grandes- grandísimos, presentes no Foro Económico e Mundial, que dende a década dos setenta definía as políticas e necesidades económicas a escala planetaria. As alternativas ao modelo único que implica a globalización eclosionaban no I Foro Social, espacio múltiple, libre e participativo. O Foro como idea, o foro como práctica. Suxerinte, vivo. Que tanto constrúe, como deconstrúe ou reconstrúe, según os óculos de cada quen. Terminoloxía grega: xénese da democracia participativa.

Nesta busca de novas areas, o IV Foro Social superou con creces as estimacións dos participantes, cunha comitiva latinoamericana algo máis reducida, iso sí, sen dúbida polo custoso da pasaxe, e a inminente celebración en Marzo do Foro Social Americano. Do listado de conferenciantes, ábrese unha interesante fonte informativa para quen desexe coñecer o pulso da crítica e da dialéctica social contemporánea. Cabe salientar entre os conferenciantes á premio novel da Paz deste ano, a iraniana Shirin Ebadi, ao norteamericano J. Stigglitz, premio Nobel de Economía, a Chico Whitaker de Brasil, a Bové, a líder hindú das mulleres Brinda Karat, á afgana Saher Saba, á presidenta de Irlanda Mary Robinson, ao pensador marxista hindú Prabhat Patnaik. Entre moitos outros e outras.

Agora ben, a axenda de traballo é un novo espello de Carrol, co que isto implica. Máis de 1200 seminarios que contan con sesións de reflexións propias entorno á batalla contra o neoliberalismo e a guerra, á transcendencia do propio Foro, á situación dos movementos sociais, á globalización económica e a seguridade social, e unha análise das alternativas para a globalización. Actividades paralelas como un campo de traballo dirixido á xente moza ou un encontro previo feminista, e numerosas manifestacións lúdico- reivindicativas. A globalización imperialista, a comunicación, a cultura e o coñecemento, o militarismo, a guerra e a paz, a ocupación de Iraq, a situación en Afganistán, o problema palestino e o belicismo dos Estados Unidos son os temas centrais sobre os que xirará o debate destes días.

No país anfitrión, a India, a tradición e a modernidade mal conviven. A persistencia do sistema de castas, o cal xerarquiza á sociedade hindú é unha realidade complexa e dificilmente abordable. O impacto da globalización económica ten nos máis pequenos unha man de obra barata e silenciada. A situación das mulleres hindús, pese ao avance que supuxo o programa dos micro cretos, segue a sufrir as diferencias de xénero nun sistema patriarcal semiculto e onde as mulleres de castas máis baixas teñen difícil acceso ao sistema de dereitos universais. E por último, e non por menos importante, o enclave da India, que por motivo xeo- políticos fan dela un interesante escenario ao que poden concorrer pola súa proximidade dende os pakistanís, afgáns, cidadáns de Sri Lanka etc., e contribuír ,deste xeito, a unha visión máis plural das consecuencias do fenómeno globalizado; Todos territorios que comparten un pasado colonial común en diferentes momentos históricos e a conseguinte desestructuración territorial que provocou a aparición de conflicto étnicos derivados das estratexias das diferentes comunidades con respecto aos invasores e ao mesmo tempo á artificialidade na construcción de fronteiras tras o período poscolonial, e que seguen a ser punto de mira na xestión dos recursos naturais.

Evitar que as conclusións dos grupos de traballo fiquen ocultas baixo unha nova era glaciar é un dos obxectivos da páxina web do Foro; fiestra a paradigmas kühnianos que sen dúbida converxerán na percura dun mundo máis xusto. O certo é, que lonxe de apartarnos da cova platónica, o proceso globalizador está disposto a engulir ate o último das súas fillas e fillos os seus fillos de Zeus, con prepotencia e indiscriminadamente. Sen embargo, para evitar tal sino, o éxito desta nova convocatoria do Foro Social Mundial depende en grande medida da capacidade de difundir os proxectos e modelos sociais que están detrás do: outro mundo é posible.