Jospin explora a “vía irlandesa”

O pasado 13 de decembro o primeiro ministro francés Lionel Jospin, acompañado de cinco dos seus ministros, recibía no palacio de Mantignon a unha ampla representación de cargos electos corsos entre os que se atopaban Jean-Guy Talamoni e Paul Quastana, representantes de Corsica Nazione, a coalición que logrou agrupar a gran parte do fraccionado movemento nacionalista corso.

Dez días despois, catro grupos armados corsos declararon unha tregua indefinida e sen condicións ao tempo que anunciaban a súa fusión nun único grupo.

O aceno dos nacionalistas clandestinos é unha mostra da boa acollida que tivo a iniciativa de diálogo que Jospin ofertara a sociedade corsa nos primeiros días do presente mes e facilita as conversas co Executivo de París que continuaran nos próximos meses.

O primeiro ministro imprimiu un xiro radical a súa política a respecto da cuestión corsa. Fronte ao tallante "non hai nada que negociar" con que respondera en febreiro de 1998 cando asistiu ao enterro do prefecto de Córsega, Claude Erignac, asasinado nunha céntrica rúa da capital da illa. O atentado tivera lugar nun ambiente de confusión entre os movementos armados e A Cuncolta Independentista, principal grupo da coalición Corsica Nazione e seica relacionado co FLNC-CH apresurouse a condenar o atentado.

Moitas cousas teñen mudado dende o asasinato de Erignac, entre outras a apertura do proceso contra o prefecto Bernard Bonnet e os atentados do pasado novembro que foron condenados polos deputados de Corsica Nazione. O deterioro da vida política, a confusión orixinada polos atentados en pleno debate entre os grupos armados sobre a oportunidade da loita armada e as ameazas dalgún deles de actuar en territorio francés acenderon as alarmas e impulsaron o cambio de actitude de Mantignon. Jospin pasou a declarar "deixen a violencia e falaremos de todo", mentres José Rossi, presidente da Asemblea corsa e membro da UDF, non deixaba de solicitar unha nova táctica de París. Esta chegou nos primeiros días deste mes cando Jospin se amosou disposto a recibir aos deputados da Asemblea rexional e a escoitar a súas propostas.

As conversas cunha representación tan diversa fixo sinalar a Jean Guy Talamoni, portavoz de Corsica Nazione, que o aceno de Jospin non tería utilidade si non se iniciaba unha discusión sobre o desenvolvemento económico, a evolución institucional, a cuestión da lingua e o recoñecemento do pobo corso. Jospin acudiu á reunión acompañado de cinco ministros para afirmar o compromiso do goberno e a posibilidade de poñer sobre a mesa as cuestión presentadas polo portavoz nacionalista.

Dez días despois catro grupos armados corsos (a Fronte de Liberación Nacional de Córsega- Canle Histórica, a Fronte Ribellu, o FLNC -5 de maio e Clandestinu) declararon unha tregua indefinida e sen condicións ao tempo que anunciaban a súa fusión nun único grupo denominado FLNC.

Os clandestinos respondían rapidamente e dun xeito positivo á reunión parisina. Os próximos meses serán decisivos para por fin as actividades armadas que comezaran en 1976, tras o asalto a unha bodega de pieds noirs alxerianos beneficiados pola política de reasentamento impulsada polo goberno "nos anos finais da guerra de Alxeria máis de 17.000 deles instaláronse na illa cuns 250.000 habitantes e foron considerados como causantes do deterioro económico-. As posibilidades dependeran tanto da actitude de Mantignon como de que a alianza Corsica Nazione, cun apoio do 17% dos votos e 8 deputados na Asemblea rexional, sexa quen de unificar aos diversos grupos nacionalistas en torno a un proxecto político.