Texto publicado orixinalmente en Tempos Dixital, o 4 de xullo do 2023
justo beramendi

Justo Beramendi, in memoriam. Risco e rebeldía

Fóisenos o Justo Beramendi. O historiador, o ensaísta, o cronista político de Tempos Novos e Tempos Dixital. E sobre todo, o amigo e mestre de moitos de nós. O meu codirector de tese. De quen aprendín, con ollos críticos, a ver o mundo desde aquí. Desde a súa Galicia de adopción. Da que deu razón na súa intensa e tensa obra de investigación. De case todo o que el foi falo nesa laudatio que me encargaran cando recibiu o Pedrón de Ouro en 2008, na Casa da Matanza, en Padrón. Boa viaxe, amigo Justo.
Liñas de investigación Paradiplomacia
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia

O que nos convoca nesta mañá de maio, ao pé dun dos santuarios da galeguidade, non é como puidera parecer a simple vista un acto meramente patriótico. Recoñecer a dimensión ética e pública, inherente a toda idea substantiva de liberdade, de Justo Beramendi, o “Pedrón de Ouro” deste ano, é un acto cívico. Non só por mor das características que resaltan na súa biografía, tamén porque é como os que estamos eiquí valoramos e asumimos publicamente o que nel hai de rebeldía e de contestación, actitudes sen as que dificilmente poderemos manter acesa a idea de país e de nación. Porque as ameazas globais, que son a consecuencia indirecta das decisións tomadas no proceso de modernización que a humanidade se deu a si mesma, converxen coas deficiencias estruturais e políticas que fan de nós o prototipo do que Ulrich chamou sociedade de risco.

¿Que outra cousa fixo o Justo no seu itinerario vital, como militante político entre os anos 60 e 70 do século pasado, e posteriormente como investigador e profesor universitario, como historiador e divulgador do pensamento, da ideoloxía e da acción organizada do galeguismo, senón ir a contrafío do que comporta un tempo de transición entre a modernidade liquidada e a modernidade líquida –todo flúe, nada é verdade- ?  Un tempo no que os profetas da utopía liberal aproveitan os vapores que desprende a ideoloxía da globalización e, valéndose da evanescencia presentista coa que os medios de comunicación reflictan actualmente o acontecer, volven á carga queréndonos convencer da felicidade que nos agarda se aceptamos pasivamente a realidade dun mundo poshistórico. Se alguén ten despreciado política e intelectualmente onda nós esa impostura, que Fukuyama quixera exportar nas vésperas do afundimento comunista, ese é Beramendi, e con el a fornada de historiadores que emerxen coa transformación da Universidade no período creativo da transición á democracia.

Precisamente porque non ignora que a historia e a liberdade son dous mundos que se interaccionan, e por moito que as forzas do máis radical liberalismo económico e político impoñan o seu credo, e o seu mercado, nunca van conseguir, como o estamos a comprobar actualmente por mor da carencia e da carestía dos alimentos básicos en sociedades de risco, que os pobos máis rezagados que posúen bolsas de pobreza estrutural e de miseria multipliquen os estalidos de protesta, ou planteen alternativas ao feliz dominio das democracias poshistóricas. Como se pode deducir dunha das súas liñas de investigación e de escrita ensaística, a dos fundamentos da historia política e das ideoloxías, ou xa sobre o que en boa medida remarca a fenomenoloxía na que se manifesta a nosa realidade nacional, a dos nacionalismos e a dos procesos identitarios, é na idea de liberdade que refrenda con razón non exenta de paixón a convicción e a existencia dun mundo multicultural e diverso, que precisa de democracias históricas para a resolución pacífica das tensións e dos conflitos que inevitablemente se produzan ou detecten.

Desde un posicionamento científico, ir a contrapelo desa acorazada ideolóxica comporta repensar a modernidade desde unha razón crítica. Vendo o rigor, a profundidade e a visión política cos que Justo Beramendi introspecciona as crises, incluída a do Estado/nación, que derivan desa abordaxe ideolóxica, faise evidente que está nesa sintonía. Sabendo os riscos que corre, pois que xa non é posible a súa abordaxe sen interpretala baixo os focos da sociedade da Información. Xa que logo, repensar a modernidade é, na teorización e na práctica social, ir contra as falacias nas que se recrea ese modelo de sociedade, que son as que interiorizan nos públicos a creencia de que Ver é o mesmo que Coñecer, volcando nos paradigmas da modernidade líquida –o da transparencia e o da velocidade, que non pode senón ter virtualidade en tempo presente- todo o seu poder de sedución. El é un historiador consciente desa súa función contestataria ou rebelde, porque todo iso faise a costa de que a historia e os seus métodos de indagación sobre a verdade dos acontecementos perdan o seu sentido e funcionalidade, facendo froitificar entón a falsa idea de que nada está quieto porque nada é verdade.

Hai que mollarse, e móllase. Unha visual sobre medio cento de libros publicados até agora, entre o Vicente Risco e o nacionalismo galego dos 80 e a monumental De provincia a nación, que está de estrea, así como sobre os numerosos artigos reproducidos en revistas científicas e especializadas, constátao abertamente. Eu mesmo son observador directo dese compromiso a través do trato persoal que vimos mantendo desde que en 1974 coincidimos na chegada a Compostela, e tamén na complicidade político/xornalística que naquela altura formalizamos ambos os dous e os que con el formaban un colectivo cívico/profesional á fronte do Colexio de Arquitectos, dando pé a iniciativas de forte repercusión social, non só de carácter estrutural e territorial, tamén políticas –unha pértega para unha alternativa asemblearia e popular como foi a ANPG- e mediáticas –confluíndo con outros (Piñeiro, Beiras, Casares e eu mesmo) na fundación da revista Teima, o primeiro semanario en galego da postguerra-. Permitídeme que cite con emoción e gratitude a Daniel Pino e a César Portela, que é quen trae a Justo desde Barcelona para asentar finalmente na súa terra de integración e de nación, e moi especialmente aos amigos, xa desaparecidos, Pepe Bar Bóo, Enrique Aller e Luís Mariño.

A fidelidade á verdade márcao na súa vida persoal: unha folla de ruta ligada aos tempos de militancia política e obrigada clandestinidade, de traballo de tradutor e de pai, na que sempre tivo a comprensión, o apoio solidario e a colaboración activa e intelixente da súa compañeira Carmen. E tamén nas diversas etapas en que veu desenvolvendo a súa ben demostrada vocación intelectual: quero ver nestoutra dimensión a razón pola que a medida que o compromiso político e as vivencias que vai experimentando na viaxe iniciática que o leva desde a Almería do desterro materno ao Madrid estudantil, e desde a Barcelona refuxio á Compostela de destino, decide conformar a súa bagaxe de coñecementos entre os extremos da enxeñería industrial –estudos que remata no 68- e a historia –estudos que comeza en Barcelona e remata en Santiago-.

Ese mollarse está pois en relación con como entende el a coherencia coa vida e coas ideas. Ou entre vida e ideas. Que se ha reflectir no rigor co que, en calidade de historiador e de intelectual, indague sobre a verdade dos acontecementos, que é xustamente a que primeiro sufre os rigores da que dei en chamar modernidade líquida, que está na raíz da banalización actual á que por certo se teñen entregado con auténtico pracer os intelectuais mediáticos, filósofos ou non, aos que Vidal Beneyto denomina prêt-à-penser. A globalización, na que se xesta esa filosofía do efémero e do consumo rápido, tende a xerar valores de cambio dándolle todo o protagonismo ao consumidor, e imponse a costa da universalidade de valores –liberdades, verdades, dereitos humanos, cultura, democracia-, que lle dan todo o protagonismo ao cidadán. Nunha sociedade desas características, son dificilmente soportables os intermediarios.

Éo un historiador cando interpreta con instrumentos científicos o acontecer, buscándolle sentido. Desta maneira, será quen de restablecer os valores degradados, que é tanto como garantir a contracorrente das tendencias licuadoras a verdade histórica, que é o que entendo que vén facendo Beramendi desde que a partir dos anos 80 se propuxo coa súa obra a construción dunha ponte entre o noso pasado e o noso futuro. Tamén exerce esa mediación como intelectual que ten un compromiso coa verdade pública, cunha crítica da realidade feita con e desde a escrita, que apunta ao desvelamento da mentira, a combater os abusos, a promover a solidariedade cos de abaixo, á defensa dos asuntos públicos. Nunca claudicou nisto. Non vai con el o transformismo nin a traizón brendiana. Moito menos en tempos de tribulación, algún deles ben recente entre nós, sobrecargado de autoritarismo e populismo, cando de non ser por el e por uns poucos máis, un pensaría que a nosa intelectualidade sufría esclerose, catalepsia e desmemoria crónica. Foi, quero dicilo publicamente, un compañeiro de excepción para os que compartimos nesa etapa, a contracorrente dos demais medios de comunicación, a aventura colectiva e cívica da revista Tempos Novos, que tamén cofundou en 1997. Cumpriu e cumpre sen reservas o deber que un intelectual ten de fidelizar o seu compromiso público ao progreso da democracia e da liberdade.

É polo que reivindica o papel de historiador como analista do presente e precursor do futuro, tal e como o expresou nunha conversa recente co seu colega Ramón Villares e reproducida no suplemento de libros ProTexta. Unha función que en parte cadra co papel do intelectual, que sen embargo non se atribúe, seguramente porque son os literatos e non os científicos/sociais quen maioritariamente aparecen no censo de intelectuais. Pero éo, e con todas as consecuencias. Na mestura desas dúas dimensións, interactivadas entre si, non se ten limitado a unha actividade crítica, que está de manifesto na súa capacidade en desmontar supersticións, ciencias e mitos, senón tamén na súa puxanza propositiva, no seu potencial mitoxénico. Porque, tomo a idea de Sartre, o intelectual, unha testemuña do seu tempo, non é só produto da sociedade, senón tamén produtor de sociedade.

Non sei se Justo Beramendi é consciente da importancia que ten para calquera dos que estamos aquí o podermos contar con mediadores de referencia coma el neste tempo de cambios e transformacións aceleradas, que están dando nunha mutación cultural sen precedentes e nunha transición sistémica, que se traduce en toneladas de confusión e medo. Contribuír a reducilos é nesta hora o papel fundamental que deberan executar os historiadores e os intelectuais nesta primeira década do século XXI. É o que lle seguimos demandando a quen estamos homenaxeando esta mañá nesta morada rosaliá. Porque nesta hora de sobresaltos xa non é posible encontrar respostas e saídas lendo a Gramsci ou a calquera outra figura idealizada. Son os novos historiadores e tamén os intelectuais comprometidos en desvelar e analizar o presente da sociedade e do país que somos, e o da realidade nacional na que nos sentimos identificados, os que pese a non estaren exentos das condicións humanas que experimentamos o resto dos mortais, poden contribuír canda outros actores e activistas sociais á creación dun novo sistema histórico, sen o que moi dificilmente poderemos ter a oportunidade de reinventar o mundo.

Na última entrega da súa tensa, intensa e extensa bibliografía, a monumental De provincia a nación. Historia do galeguismo político (Xerais, 2007), Justo Beramendi non só reconstrúe e analiza os diferentes proxectos de ideación de Galicia como suxeito e imaxinario político, tal e como nos fixera chegar en libros e artigos de referencia centrados no estudo das ideas que latexan na obra de Vicente Risco, Losada Diéguez, Murguía, Brañas, Peña Novo, Castelao, Ramón e Antón Villar Ponte, ou Otero Pedrayo, entre outros. Nesta obra que polas súas características historiográficas xa pasa por ser un clásico desde o momento mesmo en que saíu do prelo, non só elabora unha recapitulación crítica da ideoloxía galeguista, tamén cubre o baleiro de coñecemento que existía até agora sobre o galeguismo como movemento organizado.

Así o teñen recoñecido os especialistas que saudaron a obra con salvas, pois que nunca se formulara unha proposta integral coma esta, unha summa cívica que reflicta con indiscutible rigor, e á vez cunha calidade narrativa que a fai comunicable e accesible para o gran público, tanto o ideario coma o repertorio de circunstancias que explican o discurso e a acción política do galeguismo organizado, moi singularmente durante o período republicano. Son as mesmas salvas coas que esta obra de 1.244 páxinas está sendo recibida nos xurados dos máis importantes premios de investigación e ensaísmo en Galicia. Abondaría con ela para converter tamén ao seu autor nun clásico. Que o é, non por anos nin pola distancia creativa da súa produción editorial, senón pola solvencia e a madureza, pola seguridade coa que abre e pecha hipóteses históricas sen rectificacións posteriores, nunha avanzada investigadora que non deixa nada ao azar.

Ten a literatura ensaística de Beramendi, aínda aquela que está pensada para simposios universitarios e congresos internacionais, un substrato cultural e político que a mantén viva e fresca. Non a somete a restricións, nin elude o seu particular punto de vista, que corresponde ao seu lugar de inserción no mundo, Galicia. Esa liberdade de pensamento, que el foi conformando cos anos a base de contrastar ideoloxía e vida, idearios de corte marxista –que analizou criticamente no libro La miseria de la economía– con diferentes realidades sociais, nunha oscilación natural que vai desde o internacionalismo á cuestión irresolta das identidades nacionais, non reduce senón cualifica e singulariza o seu discurso intelectual. Xa inserido profesional, social, ideolóxica e politicamente no seu país de adopción –militou no PSG cando arranca a transición, e xa co novo século pasaría un par de anos ligado ao BNG-, en ningunha etapa do seu itinerario investigador primou o patriótico sobre o analítico e o científico. Sorprendera xa daquela o enfoque anovador que lle deu ao ideosistema de Vicente Risco na obra que sinala, canda a de Ramón Máiz sobre o Rexionalismo galego, o inicio da investigación historiográfica e politolóxica sobre o ideario galeguista.

Na docencia universitaria, á que accede a mediados dos 80, e nos ámbitos académicos do Estado, Justo Beramendi é un referente no estudo das ideoloxías e sistemas políticos contemporáneos, dos nacionalismos europeos en perspectiva comparada, e en todo o referido á cuestión nacional. O seu nome vai sempre unido ao de Galicia en publicacións colectivas das máis diversas procedencias editoriais, así como en revistas de pensamento, científicas e especializadas. Dalgunhas delas foi cofundador, como Negaciones (Madrid, 1977) e A Trabe de Ouro (1990).

Preocupado por como pluralizar a recepción das súas propostas e das súas interpretacións do mundo actual, non dubida tampouco en maridar o seu esforzo investigador co seu esforzo divulgador. É moi consciente da crise da función que tradicionalmente veu desenvolvendo o intelectual, ao chocar a súa persistencia en poñer a salvo a matriz cultural do coñecemento e a súa capacidade para iluminar os espazos da discriminación e da dopaxe social, con cantos converxen na vontade de facer táboa rasa para romper todas as ancoraxes da memoria e institucionalizar a idea e a realidade dun mundo poshistórico. Por iso, aparte de reforzar a historiografía e a politoloxía que desvelan e explican as matrices diferenciais, identitarias e culturais, do noso máis inmediato pasado, Justo Beramendi asume o seu dobre papel de analista do presente e auscultador do futuro que vén mantendo a súa presencia, como comentarista da actualidade, en revistas de opinión e na radio –actualmente, na Radio Galega-. É na revista Tempos Novos, o mensual que tamén contribuíu a fundar, onde publica mensualmente a máis lúcida e culta de cantas crónicas políticas aparecen na prensa do país.

O resto do seu tempo público adícallo a outras causas xustas. Unha delas, a de poñer en valor o patrimonio da nosa cultura popular, que ten un espazo de comunicación no Museo do Pobo Galego, que tamén contribuíra a fundar e do que é actualmente o presidente da xunta reitora do seu Padroado.

Texto publicado orixinalmente en Tempos Dixital, o 4 de xullo do 2023