O paralelo alargamento da Unión Europea (UE) e da Alianza Atlántica (OTAN) é mais ca nunca unha realidade. A absorción do espacio post-soviético semella unha gran oportunidade para marca-las novas fronteiras con Rusia. Será o caso inevitable de Kaliningrado, antiga Köninsgberg da Prusia Oriental, anexionada por Stalin ó espacio soviético en 1945, que se converterá nun illote rodeado de mar comunitario coa entrada en vigor da normativa Schengen para Lituania e Polonia.
O discurso de Putin na Cumbre UE-Rusia, celebrada o 29 de Maio deste ano, deixou claro que o problema de Kaliningrado afecta aos intereses vitais rusos, laiándose da falla de comprensión transmitida pola Europa dos 15. Ante isto, a Comunidade responde co silencio. O 28 de Maio, un día antes, Moscova asinara o seu acordo coa OTAN. O Consello OTAN-Rusia permite ao Kremlin ter voz e voto na OTAN en temas de terrorismo, xestión de crises, non proliferación de míseis, control de armamento, defensa antimíseis, e FFAA, pero o aparta en temas como mando, comunicacións, espionaxe, infraestructuras, e deixa o histórico acordo nunha declaración de intencións, se ben moi significativa. Putin aposta claramente por Occidente. Trenin declara "Eurasia xa non existe" e simplifica a política exterior rusa en tres vértices: 1º EE.UU., 2º OTAN e 3º UE. A segunda fase da ampliación, que está previsto comece para este novembro no cumio de Praga, vén precedida polos resultados dun sondeo de opinión que reflicte que o 52% dos rusos é favorable a abrir negociacións coa UE.
Sen embargo, os futuros membros da ampliación OTAN e UE, temen a reacción de Rusia ante o seu adentramento en Occidente; vistos como interlocutores privilexiados cunha cultura que coñecen ben, esperan que Rusia troque a súa mentalidade respecto a eles (identificados como "near abroad"). Sen embargo, "non pode existir unha Europa segura sen unha Rusia segura" (Solana dixit). A ninguén se lle escapa que as futuras adhesións implican para Moscova unha ameaza e unha carta a xogar para defende-los seus propios intereses. Os estados candidatos coñecen esta situación e amósanse preocupados porque as negociacións de entrada estén pendientes do filtro das esixencias rusas.
Proba da apertura que nos últimos anos Rusia impulsa cara a Occidente, á diferencia do que afirma a postura comunitaria, foi a viaxe de Putin a Polonia, en xaneiro deste ano. Polonia mantén unha postura favorable sobre o mecanismo de cooperación entre a OTAN e Rusia, sempre que non teña dereito de veto. Os intereses comúns de Polonia e Rusia son especialmente a enerxía e o gas, proba diso é a construcción da segunda rama do gaseoducto que une Yamal e Europa Occidental. Ó mesmo tempo, Putin aceptou a proposta de Kwasnievski para organizar un cumio entre Polonia, Lituania e UE en Kaliningrado. Para Lituania, un dos principales socios e inversores na rexión, é esencial que non sexa unha fonte de conflicto ou inestabilidade económica. A "Iniciativa Nida", establecida en febreiro do 2000 é o marco da súa cooperación rexional. O oblast ten especial repercusión nas actividades TACIS, da que foi considerada en 1994 rexión prioritaria. O Ministerio de Asuntos Exteriores ruso avoga por negocia-la situación de Kaliningrado a 4 bandas, incluíndo a Polonia e Lituania. Gusarov dí que estas rexións son as máis interesadas en negociar con Rusia e de paso, acusa a Lituania de falla de seriedade e de facer o que a UE lle pide en cada momento, rebaixando as súas pretensións nun intento desesperado por aferrarse ao tren comunitario. A necesidade de resolve-lo conflicto antes de finais de ano xa fora expresada no cumio do G-8 en Kananakis (Canadá) en xuño pasado.
Pero a dirixencia rusa ten moi claro que a cuestión de Kaliningrado non vai a ser fácil de resolver. A Duma, en votación unánime o pasado xullo, considera o trato dado a Kaliningrado "discriminatorio" e engade que "os intentos da UE por dividir ós habitantes do continente europeo en cidadáns de primeira e segunda categoría son contrarios á política anunciada pola UE". E dicir, nin rastro da Europa Libre, unidade democrática e sen barreiras discriminatorias que tanto pregoaron. Os deputados remarcan que os argumentos esgrimidos pola UE en todos os seus informes converten ós 150 millóns de rusos en criminais en potencia, remitíndose ó perigo que a UE vé na libre circulación de persoas dende Kaliningrado dentro do territorio comunitario.
A posición da UE é decepcionante aos ollos de Rusia. As cifras non deixan indiferentes ós mandatarios en Bruxelas: o 21% do gas natural e o 10% do petróleo importado na UE proceden de Rusia e o destino do 40% do comercio exterior ruso é a Comunidade Europea. A pesar disto, instálase un "novo talón de aceiro de Schengen" que converte en estranxeiros de si mesmos ós habitantes de Kaliningrado. De feito, en Xullo de 2001, a Duma aprobaba a Lei que autoriza a compravenda da terra excepto en zonas fronteirizas, nas cales se inclúe o oblast de Kaliningrado.
Rusia non ratificou no seu momento a Carta Enerxética Europea porque non está dacordo con algúns procedementos antidumping da UE. Isto supón un grave problema porque o diálogo enerxético que está a punto de rachar non é cousa de broma: o 63% do gas que se produce en Rusia e o 53% do petróleo é mercado pola propia UE. Os países europeos, pola súa parte, son subscritores do 80% da débeda exterior rusa. A UE aspira a mete-lo euro en Rusia e equilibra-lo volumen de transaccións en moeda europea coa predominante moeda americana (1.340 m. de euros fronte a 26.800 m. de dólares). Un proceso de cambio moi acentuado que extrema as cautelas nunha Rusia desorientada.
Moscova fixo de Kaliningrado unha Zona Económica Especial (ZEE), cun réxime privilexiado de arancéis en xaneiro de 1996. Esta lei exclúe os territorios que representan un valor estratéxico para a Federación Rusa e aqueles nos que se desenrolan actividades petrolíferas pero crea un réxime aduaneiro peculiar para o oblast. Os Mercedes que se poden ver a través da avenida Lenin no centro da cidade son clara mostra dos beneficios económicos obtidos nos últimos anos. Sen embargo, a entrada en vigor da lexislación da OMC fai impracticable o acordo. Esto sitúa a Kaliningrado ante a opción de elexir entre unha orientación cara a UE ou mante-las vantaxes adquiridas vía Moscova (por exemplo: a rede eléctrica; a UE ofrece a Kaliningrado a posibilidade conectarse á UCTE, através da rede centroeuropea.) Para Rusia a cuestión non é so económica (porto comercial, zona económica con vías de crecemento, gran volume de materias primas) senón estratéxica, un xeito de manter a raia ós seus novos veciños, e histórica, sobre todo despois da independencia adquirida polos países bálticos.
Sería paradoxal, en calquera caso, que unha Rusia por fin flexible, atopara na Europa unida un frontón inquebrantable. Non é positivo para a UE defrauda-la confianza dos seus novos socios, agora que as pontes de Köninsberg deberían unir máis que separar.