A rexión de Königsberg foi fundada en 1256 polos teutóns. Antes da súa chegada fora habitada por tribus lituanas, arrasadas ou destruídas por estes cabaleiros. Formou parte da liga Hanseática en 1340, e foi residencia do grande mestre da orde en 1457, ducado de Prusia de 1525 a 1618. En 1544 fundouse a Universidade, donde mais tarde estudiaría Kant. O 18 de xaneiro de 1701 Federico III foi proclamado rei deste territorio. Ocupada polos rusos de 1757 a 1762, anos despois, converteuse no núcleo da resistencia prusiana contra Napoleón. Foi utilizada como fortaleza alemana durante a Segunda Guerra Mundial. Conquistada pola armada soviética en 1945, no 46 foi rebautizada por Stalin como Kaliningrado e hoxe, baixo soberanía rusa, ten o estatus de oblast. Case completamente destruída durante aquela guerra, na actualidade é case unha cidade nova, exceptuando algunha reliquia como a igrexa gótica (cunhas 72.000 visitas ó ano) ou a muralla que garda a tumba do filósofo máis famoso do lugar. Os territorios colindantes levan nomes de combatentes rusos caídos na guerra contra os nazis: Cherbiajovsk, Gúsev, Niésterov… e case ningún alemán da antiga Königsberg habita nas noutro tempo rúas prusianas.
Composta de 13 distritos e 22 vilas repartidos en 15.100 km² (unha extensión idéntica o que suporían a suma das provincias de Ourense e A Coruña, case a metade de Galicia), conta con 948.000 habitantes permanentes, dos que case a metade viven na capital. Territorio repleto de eslavos (77´6%), a súa relixión é fundamentalmente ortodoxa pero tamén hai unha presencia importante da igrexa católica sustentada polos grupos lituanos na rexión. Esta fortaleza rusa enquistada no corazón do futuro territorio comunitario, entre Polonia e Lituania, única saída efectiva ó mar Báltico de Rusia, é o emprazamento da súa flota e refuxio de preto de 150.000 militares retirados. A menos de 300 kilómetros de Varsovia, os 1.200 que lle separan de calquer outra parte de Rusia parecen inabarcables, con pasaxes de avión que son dúas veces máis caros que o tren, a viaxe ferroviaria esténdese 10 horas para tratar de evita-lo paso por Lituania, Belarús ou Polonia.
O territorio ten dous núcleos centrais: a vila de Königsberg /Kaliningrado e o porto militar de Pillau.. Ó porto comercial de Kaliningrado hai que sumarlle dous portos de pesca, Pionersk e Svetly e o porto militar de Baltïïsk. A rexión ten a indudable particularidade de estar separada de Rusia, formando de xeito natural un enclave. Unha doceava parte da superficie está constituída por ríos, canais, diques artificiais e pontes (famosas son as sete pontes do Eules que unían as ribeiras das dúas illas rituadas no río Pregel). As lagoas, lamazais e árbores, están sempre presentes a pesares de non existir case bosques, polo que se lle considera unha das cidades máis verdes do mundo. Os antigos koljoses e sovjoses son agora granxas privadas, entre elas se contabilizan arredor de 180 grandes explotacións. As condicións climáticas son desfavorables, cun alto nivel de choiva todo o ano e o medio ambiente está bastante degradado, debido fundamentalmente á polución do aire e á forte preminencia de dióxido de xofre. A contaminación é especialmente importante na vila de Kaliningrado. A concentración industrial en torno a esta zona e a de Sovetsk explica ben esta circunstancia; as autoridades rusas, en colaboración con outros estados bálticos trataron "modestamente- de arranxar esta situación nos últimos anos con proxectos como a creación do órgano especializado "Baltberegzachtchita".
En 1991, despois de 45 anos de aillamento, Moscova toma a decisión de transformar este oblast nunha zona económica franca, bautizada coma Iantar, un territorio axeitado para facer investimentos estranxeiros, ó igual que San Petesburgo. Os turistas alemáns que pertencen á xeración do trinta teñen a oportunidade de voltar á que fora a súa casa antes da anexión, son curiosos que están desexando recoñece-la súa historia. Este "turismo nostáxico" foi moi lucrativo nesta área nos primeiros anos da década dos noventa e supuso unha nova fonte de ingresos. O goberno de Kaliningrado está intentando diversifica-lo turismo, de xeito que os propios nacionais rusos teñan curiosidade por coñece-la zona. Nos últimos anos, estableceuse un acordo con 160 propietarios de granxas para acomoda-lo potencial turístico nacional. Kaliningrado non recibiu case atención durante a época soviética, mais agora que a rexión ocupa un especial interese na axenda de Moscova, empezan a xurdir intereses renovados por este oblast. Está presente na mente dos mandatarios kaliningradenses, facer da rexión unha reserva natural, atendendo ás posibilidades turísticas da zona, pero isto pode derivar en conflictos cos intereses dos investimentos económicos e as residuais estructuras militares aínda existentes. Esta emerxente economía baséase no gas natural, construccións mecánicas e electrónicas, bens de equipamento e industria agroalimentaria. O seu recurso máis famoso é o ámbar, que se extrae da aldea de Yantarni e supón o 94% das reservas mundiais. Esta resina amarela chamada a "resina dos séculos", que serve como materia industrial para a fabricación de lacas, tintes aislantes e instrumentos de precisión, bautiza a costa que baña ó enclave.
Tras comprobar que quedará vencellado a un proceso do cal non participa, algúns ven nesta rexión, unha oportunidade de que naza un "Hong- Kong báltico", pero tamén é a única saída para Kaliningrado poder escapar da súa pobreza conxénita. Tuberculose, Sida, prostitución, desemprego e corrupción aparecen en tódolos informes das institucións europeas cando se refiren a Kaliningrado. A presencia de mafias é constante, debido, sobre todo, á permeabilidade das súas fronteiras. As armas e a droga son obxecto de tráfico permanente entre Lituania e Polonia. Kaliningrado é, ademáis dunha das zonas máis deprimidas da antiga URSS, unha das que de forma máis marcada, presenta o fenómeno do contrabando ou "comercio de maleta legal" (estímase que representa o 50% do PIB e que nel participan unhas 100.000 persoas).
A atribución de terras a cidadáns de orixe alemana que regresaron de Asia central, fixo xurdi-las críticas dos países veciños e incrementou as hostilidades cos "rusos étnicos" instalados en Kaliningrado dende hai anos. A actitude do poder central é de inquietude ante o cariz que toma esta rexión, noutro tempo claro conducto ruso no báltico. A lei do 22 de xaneiro de 1996 que lle outorgou o status de ZEE non solucionou os problemas. Rusia acusa á UE de querer transmitir esta imaxe demacrada para apartar ós seus cidadáns da Bolsshaya Rossia e poñelos "mirando a Occidente". Proba diso é a aprobación dun Programa de educación patriótica para que os xóvenes non vexan a Rusia coma "un monstruo burocrático que non resolve os seus problemas". A perda do modus vivendi dos kaliningradenses remarca unha perda de identidade que para Rusia é unha bofetada no seu orgullo. Enfrontado ó seu pasado e na etapa clave para decidi-lo seu futuro, mentras "a grande Rusia" lle conceda á "pequena Rusia" unha especial importancia estratéxica, ¿a palabra "fortaleza" continuará estando de actualidade?