A recentemente falecida baronesa Marion Dönhoff diría: "eu desexo unha zoa franca oficial para os habitantes de Kaliningrado, para as súas mercadorías, capitais e ideas". Despois de case 50 anos de ostracismo, o desenvolvemento de Kaliningrado gozaba de mil parabéns pero dende a desintegración da URSS a súa producción industrial non deixou de reducirse, por mor da debilidade da demanda interior, diminución dos pedidos militares, altos tipos de interese para os cretos bancarios e obsolescencia dos equipamentos. Seguindo a análise de Selon P. Joenniemi, tres escenarios son viables no futuro inmediato de Kaliningrado:
a) A opción da diferencia: O primeiro proxecto de ZEE de Kaliningrado (coñecido como Iantar) xurde a raíz das conversas entre os países occidentais e Rusia como un proxecto de rexión cooperativa no Báltico. Varios fracasos, sobre todo na era Ieltsin, foron sucedéndose na década dos 90. Na Conferencia de Varsovia, celebrada en maio de 1992, xa se identificaba a inestabilidade política e económica da federación de Rusia, a imprecisión sobre a naturaleza das garantías e vantaxes ofertadas ós inversores estranxeiros e a ignorancia recíproca dos obxectivos reais e da psicoloxía de actores que operan con sistemas económicos diferentes como as causas desta situación volátil. Os resultados da creación da ZEE de Kaliningrado foron discretos, sobre todo pola crise económica de 1998. Este semifracaso se debe a varias razóns, pero principalmente ó seu nivel de dependencia de investimentos foráneos e ás ambigüidades existentes entre o sistema ZEE e a lexislación federal rusa. Se as cousas quedan coma están pode significar unha desviación no crecemento económico e tamén no ámbito social, o que poría en perigo o equilibrio da rexión.
b) A opción do illamento: Nesta opción, a UE consideraría que o problema do atraso económico e social acumulado en Kaliningrado compete soamente a Rusia debido a tres razóns: a UE é incapaz de ofrecer un nivel de axuda comparable ó resto dos estados candidatos á adhesión, Rusia non garante a posta en práctica dun sistema de mercado nin un sistema democrático sen fisuras e, por último, porque Moscova se podería rexeitar toda implicación estranxeira directa no seu territorio. A pregunta é ¿qué pasaría nunha situación de crise- terrorismo ou epidemia-, unha vez implementadas as directrices Schengen? Esta opción atopa problemas trala lectura da Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán de 1948, que afirma que toda persoa ten dereito a circular dentro dun país sen restriccións de entrada e saída. ¿Pode o dereito comunitario establecer límites a este dereito?. Nun escenario ideal, Rusia desexaría unha circulación sen visas.
A fin de evitar a indiferencia, as tentacións de illamento e a emerxencia dun círculo vicioso nas relacións Rusia-UE, é desexable afortalar un réxime de apertura e de reformas globais. Semella que a vontade existe tanto en Rusia como na Comunidade. ¿Solucións? hai varias opcións: a) Solución dentro do acordo entre Lituania e Rusia de principios dos 90 e flexibilidade do sistema Schengen. b) Cooperación no tráfico aéreo conxuntamente e mantemento por parte de Rusia da oblast como campo de probas para afondar os vínculos coa UE. c) Corredores ferroviarios. A solución á berlinesa, o establecemento de corredores, foi taxativamente rexeitada pola UE. Existen dúas solucións para a UE: a) Statu quo. A concepción binaria da UE, que distingue entre interior e exterior, ten un perigo: que destacando a seguridade interior, se poda crear un clima de crispación que desemboque na autodefensa dos países limítrofes ó oblast. b) Acordos de cooperación rexional. Para evitar que o Báltico teña un mar interior dentro da zoa UE, a ampliación debe tomarse como un simple alargamento de fronteiras, poñendo fin ó conflicto Este-Oeste mediante a cooperación transfronteiriza.
¿É posible unha co-pilotaxe da rexión entre a UE e Rusia?.Despois de 1990, Rusia e a UE (como se recolle nunha resolución do Parlamento Europeo de 1994) intensificaron o seu interese por Kaliningrado. No Consello europeo de Feira (Portugal) en xuño do 2000 se marcaron tres tendencias para a "dimensión septentrional": a terceira era Kaliningrado. Rusia aceptou que a UE incluíse a Kaliningrado na súa axenda e propuxo un "acordo especial" en materia de visados que faría do oblast unha "rexión piloto" nas relacións Rusia-UE.
c) A opción da fronteira como espacio de integración: A opción mais probable a pesar das dificultades que hoxe existen. A integración se faría dentro do espacio báltico e reforzaría a idea de "Hong-Kong báltico". Outra posibilidade é o reforzamento da presencia de Kaliningrado nas eurorexións Báltica e de Niémen, nos proxectos Interreg III ou a Dimensión Septentrional. Sergéi Pasko (Partido Báltico Republicano), propuxo crear unha república báltica asociada simultaneamente a Rusia e á UE.Outra posibilidade barallada é a integración oficial dentro do Corpo Internacional danés-xermano-polaco que ten o seu cuartel xeral en Szczecin (Polonia).
¿Será capaz a UE de atopar un equilibrio entre fronteiras exteriores e interiores? No plano xeográfico, Kaliningrado está no interior da UE e no exterior de Rusia; dende a perspectiva política a situación é a contraria. O problema da falla de claridade nas políticas PESC e JAI e a inexistencia dun programa económico axeitado, sumadas ás reticencias coas que os países veciños contemplan o proceso de desmilitarización, non permiten augurar un futuro ausente de visas polo momento. A presencia de militares na rexión reduciuse de 200.000 en 1991 a 18.000 no 2000. As recentes informacións facilitadas por EE.UU. sobre o territorio, ao que se estarían novamente trasladando oxivas nucleares, foron taxativamente desmentidas polas autoridades rusas. O mar Báltico é recoñecido coma zona desmilitarizada e a flota rusa no lugar cumpre, segundo Moscova, tódolos acordos internacionais ó respecto. Sen embrago, unha diminución dos efectivos rusos non significa febleza do potencial disuasivo ruso no Báltico, mesmo se a degradación progresiva das estructuras militares pon en cuestión a súa eficacia a longo prazo.
A día de hoxe, a posición desta rexión esixe resolver unha dobre ecuación: por unha banda, debe defini-lo seu lugar nunha Rusia en plena mutación, utilizando a súa situación de enclave. Por outra, ten que adoptar un posicionamento ante o alargamento da UE, ó cal foi invitada a participar. Coñecemos as prioridades do goberno de Putin, entre as que se atopa garantir a seguridade territorial do país no Cáucaso, no Extremo Oriente e en Kaliningrado.O enclave está adoptando unha política de cooperación voluntarista e coherente neste tema e unha estratexia de apertura de fronteiras, acompañada de desenvolvemento económico e prevención de riscos tralo alargamento da UE. Lonxe de establecerse coma un punto onde cristalizan os enfrontamentos, Kaliningrado tende a converterse, pois, nunha liña de cooperación importante, aínda que fráxil, deixando atrás unha época na que servía de fortaleza a unha idea de Europa baseada na confrontación antisistémica.