2003. Unha rexión do leste, desfasado enclave militar soviético, é o último reducto da antiga URSS no corazón de Europa, entre Lituania e Polonia. Estes estados forman parte da UE e comezan a aplicar o sistema Schengen, de xeito que a libre circulación de persoas é restrinxida para os propios rusos cando paran dunha parte a outra do seu territorio. Non é unha película, é a realidade máis inminente coa que se enfronta o proceso de alargamento ó leste. Falamos de Kaliningrado.
A normativa comunitaria tende a califica-lo oblast de Kaliningrado como unha rexión depresiva na que a poboación rusa mira a Occidente coa esperanza dun futuro mellor. A oportunidade que lles ofrece Bruxelas é a mostra de que máis que nunca o diálogo Rusia-UE late con forzas renovadas. En Moscova elévanse voces que ven en Kaliningrado un faro que ilumina o camiño que hai moitos anos non semellaba claro, o da cooperación con Europa. Abrindo as portas dunha orientación pro-occidental atópase o Presidente Putin, resolto a non quedarse atrás nun proceso que semella irreversible e que levará ás antigas sociedades e países do socialismo real a aliarse cun sistema co que antes estaban enfrontados. A constante desmilitarización do enclave evidencia o novo signo dos tempos.
Os esforzos da UE para solventa-lo problema de Kaliningrado son significativos, pero a súa xenerosidade sen flexibilidade, provoca en Moscova a necesidade de xustificar no seu ámbito interno unha política contraria á humillación dos seus intereses estratéxicos e baseada na afirmación do seu concepto soberanista. A lectura institucional europea (reseñada en informes da Comisión ó Consello en 2001, proxectos de opinión ou proxectos TACIS) entende que esta especie de Hong-Kong báltico ten unha oportunidade económica de primeira man para alentar un considerable progreso: ¿a un prezo demasiado elevado? A polémica está servida: A UE anuncia que os habitantes de Kaliningrado necesitarán visados para moverse polo futuro espacio comunitario, o que significaría que, para ir dun lado a outro de Rusia, comprirían documentos que hoxe non se utilizan para cruzar Lituania. Por mor dun acordo con Rusia, a cambio do dereito de paso permanente polo seu territorio, Moscova concedeu ao xoven estado o trato de Nación Máis Favorecida (NMF).Ese tránsito sen visado non será posible e os documentos de identidade nacionais hoxe aceptados, serán invalidados. A UE establece dous periodos para a supresión de controis nas fronteiras interiores e na segunda etapa, a partir do 2005, o problema agudizarase ao establecerense as entradas e saídas múltiples. Unha vez se aplique Schengen nestes países, a práctica totalidade do Mar Báltico será de explotación exclusiva comunitaria, exceptuando, claro está, a rexión de Kaliningrado (o que nos conduce a un interese económico e estratéxico renovado para Moscú). O acordo pesqueiro está sobre a mesa.
Sen embargo, os requisitos da UE no soamente supoñen "un ataque intolerable á soberanía rusa", unha postura "aínda pior que en tempos da Guerra Fría" segundo Putin, senón que pon en marcha toda unha serie de plans económicos para remodela-las infraestructuras de control aduaneiro neste oblast, un gasto do que a EU quere facer partícipe a Rusia e que non semella moi viable, vista a lentitude da burocracia rusa e o alto prezo dos visados exteriores para o ruso de a pé. A consigna que promete a UE dun "réxime de tránsito máis barato, rápido e flexible" non se verá cumprido aínda, non soamente pola negativa radical que polo momento expresa o Kremlin ó réxime de visados Schengen, senón porque non existe capacidade real de levalo a cabo. A UE amósase especialmente cauta no que atinxe ó control dos 23 puntos de paso situados entre Lituania, Polonia e Kaliningrado e rexeita conceder ó oblast un réxime comercial especial porque considera que Rusia non lle concede á rexión a suficiente autonomía. A solución auspiciada pola Comunidade acentúa o establecemento de embaixadas e oficinas consulares por parte dos países que así o precisen para acadar unha maior celeridade na tramitación de visados. Sen embargo, Rusia desconfía que esta política convirta a Kaliningrado nunha especie de rexión autónoma cada vez máis afastada do seu poder.
O Consello Europeo de Sevilla, presentaba, nas conclusións da Presidencia o posicionamento que Chris Patten anunciara previamente: flexibilidade dentro de Schengen, pero sempre con visados. No Cumio do Consello de Estados Bálticos celebrado en marzo deste ano, Putin manifestaba que Kaliningrado debe ser unha ponte europea e non un territorio marxinal. A minicumbre bilateral celebrada ó mesmo tempo entre os xefes de goberno de Lituania, Polonia e Rusia, daba conta dun Kesianov disposto para un compromiso que suavice o réxime de Schengen. Pero en Bruxelas aumentan a súa presión. Xa en outubro do 2001, o Parlamento de Estrasburgo facía pública unha nota na que recollía con agrado o achegamento de posturas entre a UE e Rusia sobre Kaliningrado, pero remarcaba, como o leva facendo dende entón, que a pelota está no tellado ruso, que a responsabilidade última da rexión é de Moscova e que a solución debe respectar plenamente o Acordo Schengen "atopando o equilibrio entre o imperativo de asegurar sólidamente as fronteiras exteriores da UE e a necesidade de flexibilizar as formalidades en materia de visados e de tránsito".
Como non podía ser doutro xeito, a opinión dos Quince dista de ser homoxénea e, nalgúns casos, se contradi. É o caso de Gran Bretaña, Suecia e España, que solicitan unha maior flexibilidade neste asunto ou as sorprendentes declaracións de Chirac defendendo a postura rusa e desacreditando a propia UE. No cumio franco-ruso celebrado recentemente, se evidenciou o decantamento inamovible das respectivas posturas. A oficial rusa é que a política de visados resulta inaceptable e que para setembro deste ano se manterían "negociacións reais deste asunto". Pola súa banda, o Presidente Chirac insistía no seu persoal desafío á UE "para gañar prestixio ante Moscova á custa dos seus aliados europeos- afirmando que non sería aceptable unha solución que conlevara un ataque ós dereitos dos pobos e á defensa da súa dignidade.
A necesidade de atopar unha pronta saída negociada motivou que, recentemente, Putin nomeara a un embaixador ante a UE, Dimitri Rogozi, ardente defensor dos intereses rusos, para trata-lo tema de Kaliningrado. Un negociador duro para un tema espiñento que amosa a importancia que as instancias políticas moscovitas conceden a este asunto e a firmeza inicial da súa negativa a admitir a imposición de barreiras artificiais para defender as fronteiras políticas. En mans queda da presidencia danesa levar a bon porto a cuestión de Kaliningrado na reunión de Copenhague a celebrar en novembro deste ano. A gran capacidade de diálogo que caracteriza á UE, a súa imaxinación á hora de innovar alternativas e a asunción da enorme importancia de acadar unha solución aceptable para este contencioso, abriga a esperanza de atopar finalmente unha fórmula que evite a transformación desta nova oportunidade histórica para construir unha relación diferente entre Europa e Rusia nun escollo insalvable que nos devolva aos tempos da "paz fría".