Katrina e Bush, que dous grandes desastres para a sociedade norteamericana! Os ventos de extrema violencia que destruíron todo ao seu paso nos estados de Mississipi, Alabama e, sobre todo, de Luisiana, provocando centos, quizais milleiros, de vítimas, situou a EEUU de fronte ante a súa propia realidade, a dunha superpotencia, tan recalcitrante na defensa do unilateralismo por parte do seu goberno, incapaz de reaccionar adecuadamente e por si soa fronte a unha catástrofe destas características, pero tamén ante o "descubrimento" da existencia dunha poboación negra desasistida e abandonada, que viviu en carne propia o desleixo dunha Administración incompetente e que establece inequívocas diferenzas entre cidadáns de primeira e de segunda.
Ademais do impacto humano que, como aconteceu no 11S, leva camiño de converterse nun secreto de estado coa complicidade dunha prensa "libre" sometida, por imperativos seica patrióticos, aos ditados da White House, o económico será cuantioso, tanto que aínda facendo de tripas corazón, a Administración conservadora viuse na obriga de abrir as súas reservas de petróleo e solicitar axuda (outra vez petróleo en primeiro lugar) ao resto do mundo. O custe da reconstrución, que levará varios anos, vaise elevar a decenas de miles de millóns de dólares, probablemente mais do que debera se as políticas de prevención simplemente existisen.
EEUU, o país mais poderoso do mundo, dispón de medios dabondo para afrontar as necesidades derivadas dunha catástrofe como esta. Foi a falla de previsión, a pésima organización e a escasa preparación a que agravou o desastre. É sorprendente que non se contase con plans de continxencia ou protocolos de actuación para reducir os impactos, circunstancias agravadas pola debilidade das redes sociais e a inexistencia de mecanismos de información cribles, acompañados de graves defectos na toma de decisións. Bush, como era de esperar, enviou á zona material de emerxencia para responder a ataques con armas químicas e militares en número crecente, como se dun problema de seguridade se tratara. Soamente faltou que aparecese ante a Tv con uniforme caqui.
No plano político, a imaxe deste Presidente, que agardou nada menos que corenta oito horas para reaccionar e unha semana para visitar as zonas afectadas, debería quedar seriamente danada, pola tan demostrada incapacidade para xestionar a resposta a esta catástrofe, eludida con chamadas á gran epopea americana. Pero a xente esquece tan pronto e é tan relativa e lixeira nos seus xuízos! Semella incrible que poida promoverse un proceso de destitución contra un Presidente por un asunto de saias cunha becaria e que, non obstante, o sistema se contente co sacrificio de responsables de segundo nivel para calmar o profundo descontento social coa xestión desta outra desgraza.
Quede claro, dunha vez por todas, que as ameazas á seguridade humana non proceden só das armas de destrución masiva ou do terrorismo. Eu dubido que Bush aprenda a lección porque o seu non é un problema de ignorancia senón de deliberada aposta por unha estratexia exterior que non ambiciona unha contribución para resolver os problemas do mundo actual senón asegurar a posición de privilexio que ostenta na actualidade, pero ogallá que os estadounidenses saiban traducir a indignación presente nunha oportunidade para remover os agretados cimentos do seu sistema político e social.