20080229 birmingham ken livingstone

Ken “o roxo” e Boris o de Eton

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Ken Livingstone; clic para aumentar
Nestas eleccións, que serán o primeiro de maio, Ken Livingstone (na foto) volve a ser o candidato do laborismo, e os conservadores apresentan a Boris Johnson. Entre estes dous librarase a verdadeira batalla, aínda que hai outros oito, dos que só un, Brian Paddick, un policía que chegou a número dous de Scotland Yard e que se apresenta polo Partido Demócrata Liberal, pode contar algo.
 

A alcaldía de Londres é unha novidade na política británica. É unha creación do Novo Laborismo, e pode ser que a menos criticábel das reformas constitucionais e administrativas do programa de Blair. Londres foi sempre e sigue sendo unha amalgama de autoridades muncipais, das que a máis coñecida, tradicional e pintoresca é o lord alcalde de Londres, que ten xurisdicción só na City. A necesidade de atender a problemas comúns da inmensa urbe foise atendendo desde finais do século XIX e ao longo do XX con organismos de mancomunidade: o Concello do Condado de Londres, primeiro, e despois o Concello do Gran Londres. A política niveladora da distribución de recursos entre bairros e distritos municipais que impulsaron eses organismos, sobre todo en cuestións como a educación, foi un orgullo dos laboristas. O predio do Consello ás beiras da Tamisa era un monumento a esa política.

Esa especie de Mancomunidade tiña unha forte impronta colexial e carecía dunha figura como a do alcalde. Mudou isto cando o Consello do Gran Londres, con maioría laborista, escolleu como líder a Ken Livingstone, procedente da esquerda do partido. Ken "o roxo" gañou sona como defensor das causas progresistas máis visibeis no decenio de 1970.

O predio do Consello fica cuase fronte por fronte do Parlamento, coa Tamisa entremedias. Cando gobernaba Thatcher, Ken puxo na fachada do Consello una fita luminosa circulante na que aparecía o número das víctimas do desemprego, visíbel dende as terrazas onde toman bebidas e refrescos os diputados no Parlamento de Westminster.

En 1986, Thatcher promoveu un novo sistema de administración local e o punto forte da reforma foi a supresión do Consello de Gran Londres. Voltouse ao fraccionamento municipal da urbe e, como a educación é responsabilide primordialmente municipal, as escolas volveron a ser piores nos bairros pobres que nos ricos.

Coa victoria de Blair en 1997, criouse unha Autoridade do Gran Londres, que consiste nunha Asamblea de 25 membros elexida en parte por distritos, có mesmo sistema de maioría simple que nas eleccións lexislativas, e en parte por representación proporcional, e un alcalde. Pensouse, amais das razóns de coherencia da xestión urbana, na necesidade de contar cunha figura que levase a voz de Londres no mundo e fose o seu defensor en asuntos tais como a sede das Olimpíadas ou a atracción de inversións. Apareceu así esa novidade, e o alcalde de Londres pasou a ser unha figura política como o son os alcaldes de París ou de outras cidades francesas, que protagonizan a política nacional. Chirac, por exemplo, no seu tempo, ou Delanoë agora.

Ken Livingstone foi o primeiro alcalde, eleito no comezo como independente, porque a Blair parecíalle "roxo" de máis para candidato do Novo Laborismo, e despois readmitido no partido.

Nestas eleccións, que serán o primeiro de maio, Ken Livingstone volve a ser o candidato do laborismo, e os conservadores apresentan a Boris Johnson. Entre estes dous librarase a verdadeira batalla, aínda que hai outros oito, dos que só un, Brian Paddick, un policía que chegou a número dous de Scotland Yard e que se apresenta polo Partido Demócrata Liberal, pode contar algo.

Os medios de comunicación e o público estanlle dando una animación a estas eleccións que semella maior que a das eleccións lexislativas. Claro está que os resultados vanse interpretar como presaxio de mudanzas do electorado, e os conservadore esperan que lles sexan favorabeis. Boris Jonhson é unha personalidade pintoresca no seu físico e na sua conducta. Bromista e propenso aos erros, encarna o excentricismo outrora característico de boa parte da vida británica. Nin el nin Livingstone son os políticos grises e tecnocráticos que ultimamente predominan.

O máis interesante, e o que seguramente centra a atención dos Tories, é o atractivo que poda ter unha personalidade como a de Johnson, polo que representa de mudanza na orixe da elite gobernante. Con Heath, Thatcher e Major os conservadores deixaron de estar dirixidos por figuras de clase alta, educadas en Eton ou Harrow e saídas de Oxford ou Cambridge. Parecía impensable voltar a iso. Pero agora David Cameron, o líder dos conservadores, ven precisamente desa clase, e igual Boris Johnson. Os dous foron a Eton e os dous foron a Oxford, onde para máis, foron membros do Bullingdon Club, o colmo da elite.

As cuestións de clase nunca andiveron lonxe dos liderazgos políticos na Gran Bretaña. Semellaba que perderan importancia, pero agora vaise ser se o pobo, canso de personalidades grises, non vai outra vez cara aos excéntricos tradicionais.