askar akayev

Kirguizistán: manipulación do voto e manipulación do fraude


 Clic para aumentar
O presidente, Askar Akaiev, no poder dende a independencia, cedendo á tentación de moitos outros líderes de semellante raíz, está a promover ao seu propio fillo para crear unha dinastía de dirixentes, con ribetes sucesorios por moito que se lexitimen posteriormente a través dun proceso electoral. A súa estratexia pode verse favorecida ante unha oposición que, a pesar do relativo éxito das protestas contra o fraude, carece dun líder que aglutine aos descontentos, capaz de transformar a insatisfacción coa situación actual nunha oportunidade para saír do marasmo do presente.
 

O pasado 27 de febreiro, os kirguises foron convocados ás urnas nunhas eleccións parlamentarias cun clima xa predisposto para asumir un máis que probable fraude, a partires das críticas dos partidos opositores e dalgúns anuncios efectuados dende o exterior. E así foi, as eleccións deixaron unhas lecturas problemáticas para o poder de Akaiev, reelixido sucesivamente desde 1991 á fronte dos destinos do país. Nestas lexislativas, máis de quince mil observadores locais e de douscentos observadores internacionais (da OSCE, da CEI, do Grupo de Shanghai, etc) mostraron as súas dúbidas sobre a limpeza do proceso, sinalando que non gozaron dos mínimos democráticos imprescindibles. En resumidas contas, esa insatisfacción tiña unha tradución plausible nos resultados: os partidos que apoian ó goberno de Akaiev lograron a maioría dos voto emitidos, se ben máis da metade dos escanos do Parlamento deberían resolverse na segunda volta, prevista para o 13 de marzo.

Os observadores internacionais reclamaron do goberno kirguís un cambio de actitude para que, na segunda volta, a pureza do proceso fose garantida en maior medida: Pero o presidente da Comisión Central Electoral non asume ditos erros, e acusa ós observadores estranxeiros de non facer informes imparciais. En numerosos medios, vense especulando dende hai meses sobre unha inminente ola democrática inducida nos países post-solviéticos de Asia central para aproveitar os procesos electorais previstos para este ano conseguindo unha mudanza substantiva das elites dirixentes, substituíndoas por outras de tendencias mais pro-occidentais.

Por iso, as protestas, tanto de observadores internacionais coma dos partidos da oposición, van encamiñadas a desacreditar os réximes políticos actuais, saídos da desfeita da Unión Soviética e reconfigurados á imaxe e semellanza das necesidades da vella nomenclatura.

Trala primeira volta das eleccións, a oposición non puido concretar as denuncias de fraude porque non foi quen de reunir a máis de cincuenta persoas dispostas a figurar como testemuños. Uns dos problemas máis graves que os observadores da OSCE resaltaron foron os comentarios dos altos funcionarios, incluíndo o presidente, advertindo, unha e outra vez, dos perigos de guerra civil, e asociando a oposición, que convoca a cidadanía á mobilización e a protesta, co extremismo.

O presidente, ademais, insistiu durante toda a campaña e nos días posteriores á primeira volta dos comicios, en que a oposición non respecta o proceso e tenta reviralo no seu propio beneficio grazas ós apoios estranxeiros. Esta acusación tamén foi vertida polo goberno da Federación Rusa, á hora de analizar os cambios políticos do seu entorno xeográfico (as vitorias da oposición en países da ex-Unión Soviética, en Ucraína e Xeorxia, por exemplo). Sen embargo, os comentarios dos observadores internacionais teñen o seu fundamento e, con toda probabilidade, cabe falar de certa marxe de fraude electoral en Kirguizistán, unha circunstancia, por outra parte, que non é nova, aínda que só agora preocupe a algúns observadores, probablemente máis interesados na xeoestratexia ca na estrita pureza e protección do dereito de sufraxio dos sufridos electores kirguises.

Os resultados da primeira volta só se puideron confirmar plenamente en 31 das 75 rexións de Kirguizistán. Na localidade de Tonsk, as votacións aprazáronse debido ós disturbios rexistrados na rúa. Nas restantes rexións, a segunda volta será a definitiva.

O clima de tensión previo ás votacións, concretouse en numerosas protestas, algunhas bastante numerosas, tanto que a finais de xaneiro os candidatos da oposición Roza Otunbaeva (Ata-Jurt), Ishengul Boljurova (Movemento Popular de Kirguizistán), e Topchubek Turgunaliev (Partido Progresista Erkin de Kirguizistán) foron presos por incitar ós disturbios públicos. Ademais, segundo algunhas denuncias, candidatos opositores foron obrigados a abandonar a súa carreira electoral, por presión do propio goberno. Despois da primeira volta, as protestas, en moitos lugares, sucedéronse de forma continuada. No distrito de Uzgen, 700 persoas se pecharon nun edificio público en demanda dunhas eleccións limpas; en Jalalabad, na rexión de Osh, ó sur de Kirguizistán, outro edificio da Administración kirguís foi ocupado, segundo fontes policiais, por uns 300 seguidores do opositor Yusupbek Bakiyeb, que continuaban reclamando a transparencia electoral; e máis protestas bloquearon a rúa que une a capital, Bishkek, con Torugart, camiño que é imprescindible para chegar a China.

Deste xeito, Kirguizistán, o estado de Asia Central cunha oposición máis sólida no escenario rexional, e tamén cunha corrupción endémica e un número de burócratas esaxerado pero que serve de magma para o sostén do poder político de Akaiev, se non é quen de resolver con habilidade a actual crise, pode acentuar o seu perfil autoritario. O presidente, Askar Akaiev, no poder dende a independencia, cedendo á tentación de moitos outros líderes de semellante raíz, está a promover ao seu propio fillo para crear unha dinastía de dirixentes, con ribetes sucesorios por moito que se lexitimen posteriormente a través dun proceso electoral. A súa estratexia pode verse favorecida ante unha oposición que, a pesar do relativo éxito das protestas contra o fraude, carece dun líder que aglutine aos descontentos, capaz de transformar a insatisfacción coa situación actual nunha oportunidade para saír do marasmo do presente.

A estas eleccións parlamentarias vanlle seguir as eleccións presidenciais en outono. Serán as decisivas e todos se van preparar moi a fondo para afrontalas. Akaiev está sobre aviso e coa mosca detrás da orella espabilarase para evitar o fenómeno de cambio pacífico das revolucións alaranxada en Ucraína e das rosas en Xeorxia. Os seus veciños das repúblicas centroasiáticas tamén están pendentes, seguindo con atención un proceso que de consumarse con éxito na perspectiva da oposición, podería coñecer novos episodios na rexión, en forma de efecto “bola de neve”.