Este marzo cúmprense quince anos xa do falecemento en Madrid de Lois Tobío (Viveiro, 1906), unha personalidade fecunda que mantivo sempre un elo de xeneroso compromiso co país sen prexuízo de servir nas mais variadas encomendas. Eu mesmo definíao nunha monografía para Ir Indo (Galegos na Historia, 2004) como “o diplomático que quixo e soubo exercer de galego no mundo”. E así foi sempre neste galego de lei, curioso, culto, aberto e receptivo e ao tempo valedor dunhas orixes ás que nunca renunciou.

Tobío foi un intelectual que despregou amplamente as súas facetas de investigador, profesor, diplomático, xornalista, tradutor… os seus traballos sobre o Conde de Gondomar marcaron época e as súas traducións do alemán, de Hermann Heller a Goethe, ao castelán ou ao galego, son aínda obras de referencia. A el debemos a creación no exilio do Consello de Galiza (1945) como depositario da legalidade autonómica dimanada do plebiscito de 1936. Castelao foi o seu primeiro presidente. A Tobío debemos igualmente un esforzo inxente na elaboración da primeira Historia de Galicia. Otero Pedrayo nunca ocultou a excelencia do traballo de Tobío para facela posible. Ou a súa enorme implicación no primeiro congreso da emigración galega (1956), desempeñando un papel determinante.
O diplomático Tobío foi un alto funcionario fiel á República pero antes deixara a súa pegada no Partido Galeguista onde contribuíra á súa declaración de principios incrustando no seu frontispicio a “Galicia, célula de universalidade” (pacifismo, antiimperialismo, federalismo internacional) como base dun nacionalismo entendido como unha forma de unión co mundo exterior. No seu paso por Bulgaria, o que chamaban o “europeo” os seus compañeiros de promoción, gañouse unha reputación de coherencia e eficiencia. Ao servizo do Ministerio de Estado cando o goberno xa fora trasladado a Valencia, Tobío acabou por se converter na man dereita do ministro Álvarez del Vayo e a piques estivo de acompañar a Castelao como embaixador en Bos Aires cando esta opción se barallou.
Ao longo da súa vida, Tobío foi quen de conciliar ese permanente compromiso con Galicia cunha apertura constante de horizontes que o levou a entrar en contacto con importantes intelectuais do seu tempo en Cuba, México, Uruguai, etc.
Superado o obrigado exilio americano, na súa casa de Madrid recibía aos amigos sen nunca laiarse do lamentable esquecemento desa Galicia que cando recuperou a autonomía deixouno de lado, a el que tanto argallara para asegurar no exilio a súa continuidade e que tanto achegara no anteproxecto de Estatuto (1931). O seu rigor, lucidez, humildade e honestidade elevarán a súa figura co paso dos anos.