O camiño quedou achandado para Sir Menzies Campbell, na casa dos liberais británicos. Recentemente os xornais falaban de Charles Kennedy, o líder dos liberaldemocratas, para certificar a defunción da súa carreira política por cuestións relacionadas co alcohol. As criticas ó seu estilo desleixado e á súa capacidade de liderado comezaran en decembro, xusto cando se barallaba con reemprazar na oferta electoral ós laboristas agora que a terceira vía parecía acomodarse no poder. Tamén comerlle parte do terreo ós conservadores, rompendo coa alternancia tradicional. Pero casualmente, o 5 de xaneiro deste ano, "advertírono" de que a axencia Independent Television News (ITN), ía facer público que recibira tratamento contra o alcoholismo, e introduciron ó líder dos liberais na gaiola dos leóns onde se enfrontou á realidade, para explicar o problema. Todo semellaba unha chantaxe.
Despois da caída de Kennedy, abriuse a nova etapa onde se soterrou, máis que se lembrou, o difícil rol que lle tocou ó dirixir o partido dende 1999, contra as adversidades dun sistema electoral maioritario prexudicial. Non obstante, Charles Kennedy, reforzou os alicerces desta formación británica, afirmándose contra da guerra de Iraq, e recortou a distancia que os separaba de laboristas e conservadores, e como froito chegaron os bos resultados nas eleccións xerais do 2005. Con todo, o seu mandado parecía ter data de caducidade.
A dimisión de Kennedy, percibida como unha conxura por unha parte dos militantes, forzou á elección dun novo líder, que nos chegou esta semana escollido entre un selecto grupo de candidatos heteroxéneos: Mark Oaten, Simon Hughes e Menzies Campbell. En febreiro, continuou o proceso de limpeza, e incardináronse unha restra de novas que por circunstancias diversas, a través das alianzas, da implantación dentro das estruturas do partido e da militancia, contribuíron a que Menzies Campbell, un ex-atleta de 64 anos, se impuxese finalmente grazas ó favor dos 73.000 membros do partido liberal, rivalizando con dous candidatos que foron descartados por escándalos de contido homosexual, nunha sociedade anglosaxona predisposta á carnaza de "tabloid", de sociedade que non perdoa.
A vitoria do escocés Sir Menzies Campbell, un oriúndo de Glasgow que rexeitou dende sempre participar do traballo feito dende a casa laborista (a pesares de que os cantos de serea parece estiveron sempre presentes), forma parte do trunfo dunha corrente denominada do "liberalismo social", que con outros membros do partido como Paul Holmes ou Norman Baker, avoga polos postulados do estado do benestar, a protección do consumidor, a preocupación polo medioambiente…e asume que o Estado debe ser factor primordial na protección das liberdades. Non obstante os liberais ata o de agora, non deixan de sela a conxunción dos libertarios e social liberais en constante tensión, que uniron os seus destinos nos 80, e pasaron a chamarse liberail-demócratas británicos, ante da constatación da insuficiencia de espazo para dous partidos de centro.
Non nembargantes, polo de agora a corrente vencedora de Campbell, imponse á antítese libertaria moito menos intervencionista que viña representada por Mark Oaten, e Vincent Cable, que hoxe por hoxe é unha tendencia minoritaria dende a refundición do partido en 1988. Con todo, a candidatura de Mark Oaten, parecía ter apoio do antigo líder do partido Charles Kennedy, aínda que formalmente eran orixinarios de correntes contrarias.
Máis aló do marasmo de correntes e das alianzas, é importante retelo feito de que o partido liberal representou nos últimos anos a esperanza do cambio e da renovación política no Reino Unido. Esta estratexia frutífera, que pode agora verse truncada por unha imaxe avellentada, dun líder que chega ó cargo por méritos propios pero tamén por despropósitos alleos e a suma das curiosas filtracións no momento máis oportuno, que lle aclararon o camiño xusto cando a decadencia dos conservadores e o discurso ideolóxico descentralizador dos liberaldemócratas, de defensa das liberdades fundamentais, tivo un calado importante diante do público das cidades e obrigou ó novo líder conservador, David Cameron, a copiar en parte, o discurso liberal de "achegarse ós cidadáns".
Parece por tanto que, máis aló das expectativas creadas coa "nova garda" de Campbell "Nick Clegg, Julia Goldsworthy, e Michael Moore", é dicir o grupo de colaboradores directos no equipo de Campbell, se apostou polo candidato menos malo, sen contribuír a un novo raciocinio, ou a unha imaxe de dinamismo e de adaptación ás novas circunstancias, como símbolo da alternativa ó bipartidismo.