20050707atentado londres bomba autobus

Londres: de traxedia en traxedia

 Atentado Londres, clic para aumentar
O agravamento do terrorismo no mundo, a aparición de cada vez máis grupos de fanáticos e desesperados dispostos a inmolarse para facer xustiza á súa maneira e responder na forma bíblica (ollo por ollo e dente por dente) é consecuencia directa das perversas políticas impulsadas por aqueles que aspiran a dominar o mundo, sen importarlles o sacrificio da vida dos inocentes. Non teñen principios, só intereses. Todo o demais é pura demagoxia e lamentable propaganda para inxenuos. (Foto: Autobús alcanzado por unha bomba no atentado terrorista en Londres o 7 de xullo de 2005).
 

A solidariedade coas vítimas e a condena dos atentados de Londres está a completarse cun peche de filas político e mediático arredor de tan triste suceso. Cabe pechar filas, certamente, contra a senrazón de quen atenta de forma indiscriminada contra persoas inocentes e coa intención de provocar o máximo dano e a maior espectacularidade posibles. Pero non cabe pechar filas contra a razón que debe presidir a reflexión acerca das circunstancias que rodean esta traxedia.

Falar de atentado cego, de intento de modificar a nosa forma de vida, de ataques contra o mundo occidental coma se estivésemos inmersos nunha guerra de civilizacións, etc, e situar como lección indiscutible desta acción terrorista que todo empeño futuro debe orientarse simplemente a mellorar a cooperación internacional, a seguridade e os servizos de intelixencia para combater o fanatismo, supón actuar, de forma deliberada, cunha parcialidade igualmente reprobable porque adoece de insuficiencia consciente.

O acontecido en Londres debería sorprender a poucos. O sufrimento vivido na capital británica é padecido en Afganistán e Iraq a diario, tamén, en infinidade de ocasións, por persoas inocentes, pero orixinado por unha acción criminal e ilexítima como foi a decisión de utilizar falsos pretextos para acadar obxectivos de naturaleza xeoestratéxica desatando unhas guerras de final incerto. A pesar de estar demostrado a estas alturas, por exemplo, que todos os argumentos esgrimidos foron burdas escusas para xustificar ante a opinión pública a invasión de Iraq (dende as armas de destrución masiva á democratización do réxime), a prepotencia e a arrogancia dos líderes occidentais levou a que xustificasen "pechando filas, outra vez" a corrección última daquela decisión. Non houbo dimisións, non houbo desculpas, a penas algúns chibos expiatorios menores, e só a constatación dunha insultante falta de respecto á vida de milleiros de cidadáns de países que hoxe están practicamente destruídos.

¿Por qué non queren falar da guerra? Ese hoxe é o problema de fondo principal: é Abu Graib, é Guantánamo, é o neocolonialismo das grandes potencias de Occidente, con EEUU á cabeza. Non soamente hai bárbaros e extremistas dunha banda, hainos nas dúas e igual de perigosos. E ou a sociedade é quen de desarmalos a todos e arrimalos nun recuncho, ou o terrorismo seguirá aumentando e golpeando alí onde poida, e calquera de nós poderá acabar sendo vítima de tanto sen sentido. Que ninguén critique? Por qué? Debemos criticar e debemos esixir responsabilidades a Blair e a Bush, en primeiro lugar, dous mentireiros compulsivos, polas súas ambicións criminais.

O agravamento do terrorismo no mundo, a aparición de cada vez máis grupos de fanáticos e desesperados dispostos a inmolarse para facer xustiza á súa maneira e responder na forma bíblica (ollo por ollo e dente por dente) é consecuencia directa das perversas políticas impulsadas por aqueles que aspiran a dominar o mundo, sen importarlles o sacrificio da vida dos inocentes. Non teñen principios, só intereses. Todo o demais é pura demagoxia e lamentable propaganda para inxenuos.