Longas esperas vienesas

Na semana pasada as presións sobre o presidente de Austria, Thomas Klestil, foron moitas e importantes. Dende o presidente de vez da UE, António Guterres, ata o presidente francés Chirac telefonaron a Klestil para que impedise a alianza entre os liberais (FPÖ) de Haider e os democristiáns (ÖVP). Despois de catro meses de incertezas, cara mediados de semana poderemos coñecer si o goberno FPÖ-ÖVP é posible ou se a crise institucional provocada polos resultados electorais do tres de outubro se prolonga. As habilidades dun político con escasos escrúpulos como Haider, a insistencia do presidente Klestil nun goberno de maioría, a crise da Democracia Cristián europea e as pantasmas do pasado forman un perigoso cóctel que converteu a Austria no centro de atención informativo.

Austria con case 8 millóns de habitantes conta con preto de .000 estranxeiros, a maioría procedentes da antiga Iugoslavia, Turquía e outros países do Leste europeo. Destes, medio millón establecéronse no país nos últimos 15 anos. O importante número de inmigrantes teñen provocado mutacións no mercado laboral e xerado certos temores nos barrios máis desfavorecidos nos que se establecen. Neste ambiente, e baixo a ameaza de que, co tempo, os inmigrantes remataran por comerse os postos de traballo dos austríacos, é no que o Partido Liberal de Haider ten baseado o ascenso electoral que ven coñecendo nos últimos anos e que o converteron na segunda forza do parlamento nas lexislativas do 3 de outubro. O FPÖ, cun discurso similar ao da Fronte Nacional de Le Pen e un estridente líder que non dúbida en empregar calquera caste de manexos para xuntar votos, presentou unhas candidaturas nas que deportistas ou estrelas da TV. ocuparon postos relevantes e arrastraron a aqueles cidadáns indecisos que se identifican máis con figuras mediáticas que cos políticos tradicionais. Ao tempo, coa terminoloxía racista conseguiu un importante apoio dos sectores máis desfavorecidos do proletariado das grandes cidades, que lle volveron as costas aos socialistas, e da xuventude ameazada polo paro.

Durante trece anos Austria foi gobernada pola macro-coalición entre o Partido Socialista (SPÖ) que leva, ou levaba, no poder trinta anos mais que non consegue unha maioría absoluta dende os tempos de Bruno Kreiski, e o Partido Popular (ÖVP). Ambos foron incapaces de deter a continua perda perda de apoio nas urnas.

O SPÖ pasou de 71 escanos a 61 e veu reducido o seu apoio en máis dun 5%. O FPÖ pasou de 41 deputados a 53 e dun 21.9% a un 27,2%, mentres o ÖVP mantén os seus 52 postos mais ve diminuído o seu apoio, pasando do 28,3 % ao 26,9%. Cumpre tamén resaltar o ascenso dos Verdes que pasou dos nove escanos ao 13. Mentres a participación cidadá viuse reducida en 10 puntos, pasando do 86% ao 76%.

O FPÖ superou nas eleccións por uns escasos 400 votos ao ÖVP e converteuse na segunda forza parlamentar. Os democristiáns da ÖVP afirmaran durante a campaña a súa intención de abandonar a "gran coalición" e pasar a oposición. Semellan dispostos a romper a alianza que mantiveran durante os últimos 13 anos e non tanto polas dificultades para chegar a unha reedición dos pactos co SPÖ do primeiro ministro Viktor Klima como pola cenoria que lle puxo diante dos fociños o hábil Haider ao ofertarlle ao líder da ÖVP a presidencia do consello de ministros. Mesmo moitos líderes da dereita europea coidan que a presencia de Wolfgang Schüssel ao fronte do goberno é garantía suficiente para manter a Austria dentro dos parámetros políticos da UE. Pola contra moitos analistas ven na figura do feble Schüssel o arremedo dun Von Papen devorado polo potente Adolf Hitler que pouco máis tarde sería acollido en Viena como un liberador.

Mentres lle entrega a mazá envelenada ao ÖVP, Haider poderá cumprir a promesa de manterse ao fronte do goberno de Carintia, seguir coa mobilización social e lograr un cambio substancial na política inmigratoria que lle permita presentarse nun futuro inmediato á xefatura do goberno ou á mesma presidencia. O tempo xoga ao seu favor e só remata de cumprir cincuenta anos.

A posibilidade de que un goberno con presencia do FPÖ serva para establecer un modelo de inmigración semellante ao suízo, baseado en contratos temporais que impidan o asentamento definitivo, e as presións internacionais teñen levado a Haider aos seus máximos niveis de popularidade. Enquisas recentes indican unha concentración cada vez maior do voto conservador en torno ao FPÖ en detrimento do ÖVP que se ve tamén afectado tanto pola crise da CDU alemana coma pola consolidación dunha dereita cada vez máis conservadora en Italia, aglutinada en torno a Berlusconi quen xa gobernou en coalición cos neofascistas, ou polo ascenso do ultradereitista Partido Popular Suízo (SVP) de Christoph Blocher.